Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Pedrón de Ouro

miércoles, 15 de junio de 2011
Amigas e amigos…sede benvidos…

Vivimos ultimamente… tempos moi duros,
cando o mellor de cada casa…
dorme ao ceo descuberto
dunha praza…

Pois as Prazas son lugares para soñar,
para deixar que as ilusións sobrepasen os seus perímetros.
E xa hai redes de prazas…
que controlan o seu destino,

As prazas teñen as súas lecturas,
as súas simboloxías,
as súas realidades…
os seus poderes…

As prazas pois…
xa permitiron LUZ.
e agora…
tócalles aos fillos da LUZ.

porque a xente que ocupa as prazas decide.
e decide…
que non hai marcha atrás…

Vivimos tempos moi duros. É certo…Pero son tempos tamén…cargados de futuro, de dignidade e de renacida esperanza.
Velaí que así me gusta hoxe comezar nesta nosa converxencia. Converxencia que ten o contido real dunha praza resistente, irreductible e incontestable… posta na casa de Rosalía,
alumada polo sol e polas ilusións e polos desexos, nun soñar a imaxinación e fantasía… a ensoñación…estando ben espertos, de onde flúa de nós un fío de requinte , a creto e a renome, que nos una e que se cristalice en recoñecementos de tanta emoción e de tanta autenticidade,

Nestes recoñecementos de cada maio neste Pobo do Galego queremos proclamar a lexítima existencia, a de galegas e a de galegos, demandando dignidade.Facelo a plena sintonía na solidariedade cos cidadáns das prazas, en especial os do Obradoiro ( que non son okupas…nin almas malas…) que nesa actitude responsable definen inequívocamente tanta beleza

BELEZA que se fai arte na expresión das forzas plurais
cando non se tolera
o inxusto.

Por iso nós...
tamén estamos nesa BELEZA
movéndonos por nós…
man a man...
todas as mans.

E así amigas e amigos desde a FUNDACIÓN DO PADROADO PEDRÓN DE OURO, na motivación que conlevan os PREMIOS PEDRÓN DE OURO e PEDRÓN DE HONRA, neste ano 2011,centenario de Álvaro Cunqueiro, señor da palabra nosa, do idioma propio feito literatura; el, que tamén foi Premio Pedrón de Ouro, nós queremos traer aquí a recordo aquel texto del aquí pronunciado co eco inmorrente de cívica proclamación e concordar con el no rogo, no desexo ou imperativo, para dar brado limpo para todos os nortes desta Terra

“ MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A NOSA LINGUA”.

Desta maneira desde a representación que me outorgaron os compañeiros da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro ,
e xa que logo indo polos recoñecementos, permitídeme debuxar en fantasía de real contido…unha liña. Unha liña de letras maiúsculas ouradas de nomes propios. Unha liña que comezaría o seu andar na Pobra de Brollón… dicíndo LIDIA, e seguiría por terras de Sarría …a chamar AURORA, para abeirar a toda marabilla en Lugo… onde pronunciar ANDRÉS.

E así esta liña con eles e indo nós da man dos nosos corazóns…volvámola rolda comunal, e xirando… como arredor da fogueira de San Xoán, tal aquela doutrora debuxada por Castelao na revista Nós, pois nós aquí queremos presenciar festa.
Facelo…na honra dos tres premiados: LIDIA SENRA, AURORA LÓPEZ e ANDRÉS POCIÑA

E tamén na honra da vosa asistencia aquí…que é mostra clarísima de comuñón de sentires neste eirado e horto da casa de Rosalía de Castro ( tan ben recibidos e atendidos pola cordialidade das e dos da súa Fundación)

Hoxe por decisión dos Membros da FUNDACIÓN DO PADROADO PEDRÓN DE OURO na reunión celebrada para tal fin na CASA DA CURISCADA DA ARZÚA e seguindo así os acordos tomados, entregamos: Os Premios Pedrón de Ouro e Pedróns de Honra.

E así A FUNDACIÓN DO PADROADO PEDRÓN DE OURO recoñece como premiados a: LIDIA SENRA, AURORA LÓPEZ e ANDRÉS POCIÑA.

Faino por seren tres referentes cualitativos de ben e obra para contido substancial e definitorio de Galicia - o noso Pobo do Galego- que niso vai tamén un incremento esencial da nosa esperanza.

E con todo dicimos que aínda estamos nun mundo de mal vivir. Nun mundo en mans de tratantes cativos, de mercaderes e de piratas que non dan a cara. Piratas que son donos de moitos loros e os outros que son amos dos que ao seu dictado moven as marionetas. E nós non queremos que eses nos usen para lles buscar os recursos e que eles logo nolos xestionen explotándonos, non…nós non queremos servirlles para iso. Para que nos usen.

Nós a vista e a sentir o antedito , como galegas e como galegos, debemos tomar terra e participar activamente na construcción dun mundo novo. Un mundo sostible ,máis distributivo, en economía de vida, onde nós tamén esteamos na centralidade, na dignidade, corpo a Corpo, onde nos realicemos libres, en valores de uso que posibiliten as nosas realizacións. E así na nosa soberanía, sermos os habitantes dos froitos que nos pertencen vividos a casa de nenez, a suar de pobos solidarios, así como parte da cidadanía universal. Que así teremos a certeza… de que outra Galicia é posible, necesaria, urxente…de que outro mundo é posible.

“ E aí estaremos nós…
onde a ninguén se lle silencie,
que por moito frío que nos dean…
os seus nomes…
aí estará a forza…
da nosa maior mornura…”

Pero imos mal… e na confesión de altísima insatisfacción polo que vivimos…resistimos… pero imos feridos polo revisionismo gubernamental en Galicia, en San Caetano…tal sublevación institucional, a golpe decretal, onde as galegas e os galegos deste Pobo do Galego semellamos ser infractores sociais, cidadáns perigosos, sospeitosos que reeducar e uns de non fiar a colonizar.
E van … e todos sobrados… xustifícanse para proceder cos seus desatinos e con discursos e declaracións…a toda clase de agresións destructoras… a toda claridade de facer mal invocando legalidades e lexitimidades, obran en acordo a moral e a métodos de corrección, a emendas necesarias, – din…- xa que así llelo permiten e lexitiman os votos dados pola cidadanía.
Velaí como sufrimos esa sublevación institucional tan destructora e sen reservas, nin reparos, enunciando liberdade contra imposicións para executar falsas reparacións ( a toda comenencia ben deseñada, faesmente) dicíndoas democráticas, xa
que así todo llo xustifica ata para declararnos como inimigos de Galicia.
Que velos aí…( e seguindo as palabras do profesor Ramón Lorenzo…)… como terxiversan a realidade…e aínda que o digan…non fan ningún galeguismo… nin cordial… nin da cordialidade… Convencen de que son os bos e nós os malos…

Pero nós hoxe como nos é mandado imos coa nosa. E así aportando, andando e agardando, resistentes, e convosco, os do PE DRÓN DE OURO queremos celebrar… recoñecendo.
Por unha banda, na referencia vital e humanística do proceso pedagóxico e educativo, na intencionalidade da construcción democrática dos saberes, na interdisciplinariedade do contexto e dos contidos do ámbito universitario, nese axeitado baseamento no que proxectar vida na docencia responsable de pular polo avance da cidadanía hacia a liberdade, exercendo con responsabilidade e obrando, na orientación e referencia do sistema de ensino público, na defensa da igualdade de xéneros, no facer sensible da literatura, na poesía e na música, nas artes e en tantas outras disciplinas, temos a todo merecer como Premios Pedrón de de Honra a Aurora López e a Andrés Pociña.

Eles dous galegos de nacer e sentir, na amorosa relación a familia consolidada, a parella ben avida, a proxectos compartidos,
a se sentiren felices benlevados, con este seu pobo, Galicia, repito, como galegos, impartindo ensinanzas, orientado e axudando ( que iso é aprender dúas veces),Licenciados pola Universidade de Salamanca, os dous na Universidade de Granada,

E así por unha banda direi… Aurora…
Aurora López natural de Sarria, catedrática, profesora titular de Filoloxía Latina,especialista en Literatura Latina, traballando sobre a Literatura feita por mulleres, achegándose ao estudo das nosas poetas Rosalía, Luz Pozo Garza, ou Xela Árias. No eido musical, intérprete e compositora de canción galega, velaí o seu disco SALOUCOS con pezas a quince poetas Galegos. Tamén sobresae a súa adicación á investigación e aos estudos literarios sobre a Muller Galega, sobre Rosalía e Maruxa Villanueva.

E pola outra banda direi…Andrés …
Andrés Pociña natural de Lugo, Catedrático de Filoloxía Latina. Tamén especialista en Literatura Latina. Ten publicados máis de dous centos traballos destacando os adicados ao teatro clásico, á Literatura Galega, sobre Rosalía de Castro. Na poesía, ” Versos para Aurora”, ” Apócrifo de Fiz matinando en soños” Os narrativos como a novela “ Nas transpariecias do Miño”, os relatos “ Quince mulleres, quince momentos”, o Premio Manuel Murguía: “ “ As dúas vellas do Iguasú” e os correspondentes a acceses do Premio Modesto R Figueiredo do Pedrón de Ouro: “ Lembranzas dun tempo”,” Con colar indio” e “Medea en Camariñas”

Direi que son máis as obras deles dous que aquí poderíamos enumerar e valorar, pero ao andar deste Premio Pedrón de Honra queremos salientar de forma relevante e no expresar dos afectos e vivencias acariñadas, que Aurora e Andrés exemplifican a xeito vital dúas aportacións responsables e cualificadas da súa obra para ben e Patrimonio desta terra e pobo, Galicia. Son dous rigorosos investigadores e animados divulgadores da nosa Lingua e da nosa Cultura. E aínda que cada lugar ten a súa atmósfera, a súa paisaxe que ler, eles dous vivindo na diáspora, en Granada que sabe a Lingua nosa maniféstanse con orgullo e a toda referencia como galegos

Contando historias e verso a verso….exercen como faros de navegación, orientados polo seu anaco de ceo e de mundo expresado en Lingua Galega. Aurora e Andrés son escritores Galegos en Granada, diremos que o son así de certo e sen marchar nunca do seu ser, nin do seu pobo. A toda presencia e identidade forman parte dunha xeración verde emerxente ( e dirémoslle así pola grande esperanza que viviron, aínda que algo escura na realidade) e así compartiron un xermolar galego e colectivo no alborexar da transición pactada. Forman pois parte dun xermolar de valentes de iren polo mundo, no medio de moita herba mala e de mato cativo, todo iso cheo de oportunistas obedientes complacentes. Pero Aurora e Andrés xunto con outras e con outros nosos non se instalaron na mediocridade, confiaron no que construían e
escolleron e expresaron a fermosura.escribindo coa forza da sinceiridade facendo literatura. Ese froito que nos alimenta e que nos dá frescura e comunicación.Esa integración a humanismo vital, a emocións, a luz pura e limpa de compartir…

Que así tamén desde a docencia promoven, moven e removen, conmoven e integran, a diversidade de contidos ( os educativos implícitos), fóra de estereotipos, a dimensións de utopías, presididos polo coñecemento, a historia, o saber e a arte como creacións humanas compartidas.

E sabede ben, que así volo confeso e declaro , que isto que dixen de Aurora e de Andrés, non vos son metáforas excesivas.
O que si é que tamén…Andrés vai con Aurora nese proxecto. Aurora vai con Andrés nese proxecto.

Velos aí aos dous, a Aurora e Andrés, na súa obra. Obra como ambrosía nutrinte da nosa identidade nunha labarada compartida de sentimentos con sabor a pobo.
Velos aí aos dous, a Aurora e Andrés, a corazóns que voan tal andoriñas, e que volven sempre, pois son dúas sensibilidades teimosas que arrecenden de contino a Pobo…e a Patria.

Amigas e amigos…dígovos en confesar de pobo…

Que a palabra sen acción…
é baleira…
Que a acción sen a palabra…
é cega…
Que a palabra e a acción…
fóra do pobo… é a morte.

E así os poderosos ( en palabras de Jean Paul Sartre…)
tamén poden confesar:

“ A nosas víctimas coñécennos polas súas feridas e polas súas cadeas.Iso fai irrefutable o seu testimonio.Basta que nos ensinen o que lle fixemos… para que recoñezamoso que fixemos de nós mesmos…”

E polo mesmo haberá que loitar para que o confesen.
E ela faino e loita por iso e máis. Faino e loita porque ela é esencia de muller plena, labrega galega.Faino e loita porque ela padece o avance productivo desmedido que nos leva ao desastre ambiental.E rebélase. E na rabia…( diremos que “ na fe furiosa”)
Resiste.

E por iso sabe da urxencia de orientarse, da urxencia de celebrar a dignificación fundamental da aldea, do rural, do pobo,
acariñando en especial as mans labregas. Mans labregas que nunca deberán entregarse a outras mans xigantes e invisibles.
Ela quere notar soberanía, Manter plena confianza na construcción dos estados plurinacionais en defensa dos propios recursos e a libre determinación dos pobos. Por iso exerce A solidariedade como divisa da humanidade na soberanía esencial. Recoñecendo na dignidade dos seus marcos sulturais,

Vive na tolerancia plena hacia as diferencias,que estas non poden ser valores de cambio. Estas , e os pobos, non cotizan en bolsa, como tampouco non cotizan os traidores…pero si o fan as traizóns…

E así defende a vida dos pobos. Sabe que son horas de saír. De poñerse en movementos ofensivos, xa que a verdadeira morte destes pobos non é a súa desaparición física senón que será o
control, a destrucción e o olvido, o silenciamento, das súas linguas, da súa identidade. A verdadeira morte tamén o será a contaminación ambiental, a perda de diversidade, o perigo e sufrimento dos animais, a expulsión ( emigración) dos habitantes, cidadáns nativos das súas terras, a imposición doutra lingua e doutra cultura.

Iso e tanto máis será a morte, pois cando se rompe o equilibrio,ven a catástrofe e os provocadores dese mal van e celebran os éxitos, pois eles trocan o sostible por produccións desmedidas para comercializar, para especular, en bolsas e mercados, dicimos que a lucros inmedibles.

Por iso sabe que son posibles outras alternativas, outras respostas emancipatorias, para unha nova sociedade onde prime a economía ecolóxica, sostible. Unha agricultura de cerca para alimentos de ao pé e non a milleiros de quilómetros.
Ela non quere que a natureza sexa mercado, nega a privatización, pois a vida non pode etiquetarse en productos,
nin en mercadurías.

En palabras de Leonardo Boff:

“ … é unha ilusión pensar que os que produciron a crise… agora teñan a chave da súa solución…
Eles propoñen máis do mesmo:
Máis producción, máis fertilizantes,
Máis productos xeneticamente modificados, máis mercado…
E non para dar calmo á fame…
Senón para facer máis e moito máis diñeiro…”

Facer máis diñeiro. Nesa orientación ao lucro que multiplica capitais por cifras astronómicas e que lles permite aos seus donos
facer coas propiedades o que lles pete. E así van e promoven… e incentivan a destrucción do ambiente local e aceleran o cambio climático global.

Velaí que… de non poñérmoslle remedio aos feitos e aos proxectos desas intencións xas ditas… veremos que marabilloso benestar e que idílica felicidade nos agarda.
E iso sábeo…ten os pés na terra e por iso a súa responsabilidade militante non é a de loitar polo imposible. Ela loita a cada hora polo posible.

Estamos a falar de LIDIA SENRA, PREMIO PEDRÓN DE OURO, muller galega,labrega, feminista, lider entrañable do sindicalismo labrego galego.Unha referencia obrigada dentro do movemento agrario europeo e internacional. Promotora no Sindicato Labrego Galego da Secretaría da Muller e así representante da Comisión Internacional de Mulleres de Vía Campesina.

Lidia non gusta do pan e circo e moito menos deste circo sen pan que hoxe sufrimos, pois nada de proveito regalan…E por iso exerce de nós na Comunidade internacional co empuxe desde abaixo para que tomen nota os de arriba, para crear un fervedoiro irmandiño ( e presión) que sexa corrección para a pérdida de poder deses que non queren que nada mude.

Na súa tarefa de cada día, Lidia teima na responsabilidade de manter operativa unha alternativa á sociedade neoliberal patriarcal. Reivindica que se valore e recoñeza os saberes e coñecementos das mulleres e a súa función primordial como transmisoras de cultura.Sabe que a solidariedade transnacional feminista é ferramenta necesaria para cambiar o mundo.E así ten acción desde nós, que como así dixo Xosé Manuel Beiras:
“… é mesmamente o que Lidia - e máis todas e todos, as compañeiras e os compañeiros do SLG - que seguen a reclamar e practicar co seu propio exemplo de xenerosa entrega contra o proceso de extermínio do campesiñado galego”

Desta humildade polo orgullo de ser como é, como pensa e milita, Lidia comparte casa, terra e eido, ecoagricultura, ecoproductos, para os mercados de cerca, desde Feal- Merín de terras de Vedra, do Ulla,fai vida, comparte ilusións e proxectos,
traballa a feitos de valía, con Miguel, Manuel, Rosalía e Luzía.
Dígovos que ela, Lidia Senra, ten soños de humanidade como o ben que teimosamente persegue. Soños como astros de luz postos en nós…

Dígovos que ela, Lidia Senra,debuxa proxectos éticos nos alborexares dos seus días
E nese desfilar de estrelas… aflorece unha… a nome de pobo e de nación, Pobo e Nación que nos debese espertar…abrindo tantas noites.

Pois Ela, Lidia Senra… non é refén de nada que se manifeste covarde.

Parabéns pois a Lidia, a Aurora e a Andrés, aos tres premiados.
Que non pare a roda de ben e de festa que hoxe disfrutamos e sigamos a facer camiño e Pobo. E niso tamén contemos cos froitos do 15 M, á luz das Prazas, cos fillos da luz. Cóidemolos. Dígovos que estamos nun renacer magnífico e tiralo a un contador…non diría ben de nós.
Moitas grazas todas e a todos.

(David Otero, na entrega dos premios do Pedrón de Ouro)
Otero, David
Otero, David


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES