Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Control dos axentes económicos

martes, 24 de mayo de 2011
Cada vez ós gobernos se lles escapa máis o control das grandes empresas e cada vez a internacionalización das mesmas dificulta a eficacia lexislativa en torno a elas, ata o extremo de que adoitan arrepoñerse ós mesmos gobernos, que, dentro de certos límites, nunca deberan aceptar esa clase de actitudes; e no caso do noso Goberno Central, habería que coidarse moito de que as Autonomías, directa ou indirectamente, non sumasen puntos a esa debilitación, evitando que unha desproporcionada e ilusa centrifugación de competencias poida por en perigro a estabilidade nacional e, incluso, os principios que inspiran unha democracia representativa.

Como exemplo recente ben pode valer o descontrol financeiro, precisamente cando os nosos gobernantes se oufanaban de ser un dos máis eficaces do mundo, e resulta que aínda agora estamos a contas cos flecos do descontrol. Por suposto, que a crise era imprevisible, pero o que ten mellor paraugas soporta mellor as chaparradas. Ademáis, ese control sempre será tanto máis eficaz canto máis abarcante sexa o ámbito competencial dos gobernos. E quizabes en España teñan que ir pensando os partidos de ámbito nacional en arranxar a Lei Electoral, para non caer no vergoñoso chantaxe para acadar as maiorías parlamentarias, finamente servido por algunhas autonomías a través de partidos propios, que contan con un non desprezable apoio das entidades económicas radicadas nos seus territorios, poque esperan, sen dúbida, incrementar as posibilidades de exercer manexos en prol dos seus intereses: unha esperanza lexítima se non encerrara a vontade de fuxir dos controis nacionais. Hai razóns que apontoan todo isto, algunhas das cales intento expoñer.

Os partidos políticos necesitan diñeiro non só para facer unha lucida presentación das súas preferencias ó conxunto dos cidadáns e potenciar e soster a imaxen dos seus candidatos, senón tamén para presupostar, polo menos, algunhas das súas promesas onde teñan xa o goberno, e se chegan ó poder teñen que complementar os recursos ordinarios con achegas dos axentes económicos, que, como se dí da curia romana, non buscan as ovellas sen la (“curia romana non quaerit oves, sine lana”), non se marchan da operación sen levar algo substancioso entre as unllas, e non sempre diñeiro, senón tamén privilexios, no sentido etimolóxico do termo. E os gobernos, cando queren defender certas decisións públicas e intentar acadar éxito nas súas propagandas políticas, que solapada e sutilmente acompañan certas accións de goberno, constitúen dependencias de aqueles axentes. Pero isto, como se di coloquialmente, pon en solfa os necesarios controis e, o mesmo tempo, arremeten contra a esencia da democracia representativa.

Por outra parte, hoxe en día ninguén dubida, con tanta corrupción en voga, da existencia de conexións personais entre políticos e entidades económicas, con persoas procedentes destas últimas en postos de responsabilidade nas esferas elevadas da Administración do Estado, das que hai que sospeitar que as súas empresas de orixen reciben privilexiadas e importantes informacións, que utilizarán non só para competir con vantaxe no mercado, senón tamén para chantaxear ó mesmo goberno, vía ameazas máis ou menos camufladas, como pode ser o artello de cribles suxerencias de desinversión, por exemplo, coa dolorosa consecuencia do desemprego.

É realmente un tópico que as persoas e entidades con moito poder económico teñen unha posición privilexiada para influir nas decisións gubernamentais, de tal maneira que estas non perxudiquen os seus intereses e, incluso, os favorezan.

Recentemente, en España, tivemos a información de que un banqueiro se permitiu darlle algúns consellos ó Presidente do Goberno, e isto ocorre porque, como di un especialista nesta temática, “os poderosos teñen a posibilidade de chegar ó piso de riba da política sen pasar polo de abaixo”, e na maoiría dos casos non se diferencian do común por un especial talento, senón polo seu embrutecemento moral e a insolidaridade verdadeira, porque a “oficial”saben lucila e dala a publicidade: Outra pasada de chularía ós principios democráticos, e unha evidente confirmación do que aquí deixamos dito, sobre todo porque nese piso de riba está a cume da representación cidadán, que, pese a que fai alarde do seu exquisito sentimento democrático, escolle a visitas, e o que é peor aínda, está fomentando actitudes antidemocráticas, priorizando os LOBBIES, esos grupos de presión formados por persoas influentes, xustamente a mesmas que artellan sagazmente as ameazas ás que me refería máis arriba.
Isto recórdanos aquilo que dicían Marx e Engels cando se preguntaban ata que punto os poderes públicos, nos países autodenominados demócratas, desempeñan o papel de consellos de administración dos asuntos da burguesía, dado que pode constatarse que hai decisións públicas que favorecen sempre ós mesmos e perxudican tamén sempre os mesmos, sen excesiva xutificación.

Pois ben; tanto os cidadáns coma os seus representantes deberían de estar alerta, precisamente para evitar estes atropelos antidemocráticos, e un remedio a estas condutas podría vir, aquí no noso país, da firme decisión dos gobernos nacionáis de manter, e incluso aumentar, o seu ámbito competencial de decisións públicas no económico, para a salvagarda dos intereses cidadáns en xeral . Por iso non parece democráticamente aceptable, nin moralmente xustificable, que sexan eles mesmos os que, a veces, favorezan as fusións para crear competencias nacionais, sen asegurarse de que van devir axentes económicos en monopolio que, vinculados a algún partido, axúdanlle a adquirir servilmente o poder político.

Tampouco resulta nada alleo e raro que un partido moito máis interesado na independencia da autonomía, onde ten a súa verdadeira leira de exercicio político, axude a outro de ámbito nacional a acadar ou manterse no poder, pois sempre están subxacentes as pretensións económicas da súa autonomía. Aquí os medios que forman a opinión pública xamais lles será profesionalmente lícito renunciar á súa función máis relevante: denunciar a falta de transparencia nestas cambadelas políticas, porque a súa eficacia póñena en evidencia, no caso do Watergate, por exemplo, a labor dos reporteiros do The Washington Post, Bob Woodward e Carl Bersgtein, e o mesmo cidadán, nestes e semellantes casos, debería ter facilidades no marco legal correspondente, para propor axeitadas medidas lexislativas extraordinarias, pois hai que estar alerta dos cebos con matices democráticos do capitalismo autoritario ou das arteiras propagandas da pseudoesquerda. En todo caso, parece que a disciplina de voto imposta polos partidos sería ben que estivera prohibida, polo menos, en certos supostos, para facilitarlle os nosos representantes legais o exercicio do voto en conciencia, así como que o respecto escrupuloso da división de poderes contara cunha protección eficaz, establecendo a inhabilitación para cargos de responsabilidade pública das persoas implicadas nas transgresións da mesma; incluso a convocatoria de eleccións debera producirse cando os mesmos cidadáns determinaran que os parlamentarios xa non os representan en número razonablemente suficiente, porque desta maneira poderían revogarlles a representación a aqueles afeccionados á disciplina partidista, se a consideran inxustificada dende o interés xeral do país.

Por último, a esixencia de que os gobernos do Estado non se pasen concedendo transferencias de competencias estratéxicas ás AAs., sobre todo cando poden por en perigro o seu lexítimo poder para exercer os controis necesarios dos axentes económicos, para a mellor defensa dos intereses xerales no ámbito do país, con plena eficacia, tería que ser operativa, en función de determinadas circunstancias, sendo automáticamente revogables aquelas polo propio Parlamento do Estado, a instancia e na forma en que se regulara, porque, na miña modestísima opinión, as competencias autonómicas dimanan da propia soberanía nacional, que non está constituída polos refugallos que aquelas ex sua voluntate teñen a ben cederlle: ir esquecendo isto é un grave erro, que, pouco a pouco, pero sen tregua, vai socavando, xeneración tras xeneración, o sentimento de pertenza a unha patria común, concebida, sobre todo e principalmente, na súa diversidade cultural.

CODA: Este artigo leva varias semanas escrito e substituíno por outros. Pensei non publicalo, porque o seu contido coincide con alguna reivindicación dos agora coñecidos coma “Sin, Sin”; non obstante, decidín facelo, porque estas ideas están avaladas por outras publicacións anteriores: Vexan, por exemplo, co título de “Algúns Problemas da Mocidade: Reflexións,” do 26 – 01 – 11, neste mesmo medio.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES