Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Acerca do sentido

viernes, 20 de mayo de 2011
Permítanme que lles diga que “o sentido ten diversos sentidos”.

Non é o mesmo dicirlle a unha persoa: “non tes sentido”, “o teu sentido anda polas silveiras”, “perdiche o sentido do oído”, que dicirlle que lle “dea sentido a súa vida”. Adoita o home/muller destos nosos tempos conceder escasa importancia a isto do sentido: “son cousas de curas”- di displicentemente. Pois non.

Son cousas da realidade, que, cando ten as propiedades axeitadas, o home descubre nela, nas formas distintas en que se presenta, un sentido segundo as funcións que delas se espera en cada situación. Unha cova xeolóxica, cando o home a utiliza coma guarida adquire un sentido, e unha madeira que serve para facer unha cadeira, tamén se investe dun sentido que non tiña.

Como se nos ocorre pensar, entón, que o home vai ser menos que as demais realidades?.

O sentido biolóxico dota o home da necesaria harmonía fisiolóxica que lle permite vivir, da mesma maneira que a un animal calquera, aínda que os coñecementos científicos, froito da súa intelixencia, estean aí coas distintas terapias. Sen embargo, cando se lle invita a que “busque sentido a súa vida” non se trata deste sentido, senón daquel que está nas súas mans acadar. Cómo?. Por suposto, xa non no ámbito da ciencia, senón do meramente moral e espiritual, relixioso, porque aquí non se trata de contestar a cómo vive o home, senón que é a persoa humana e en que consiste a súa verdadeira felicidade, preguntas estas que non teñen resposta nas leiras da ciencia. Polo tanto, o home, en canto persoa, terá que dotarse das propiedades adecuadas que estos ámbitos razoablemente lle aconsellan para acadar o sentido que el mesmo se da, porque só el se autodefine no decurso da súa vida, en aras da liberdade que posúe, pero ata a autodefinción definitiva, na que o escatolóxico, o seu estado último, queda libremente decidido por el mesmo. O que si é un contra-sentido é, precisamente, negarlle a persoa humana con razóns espurias aquilo que máis a dignifica: buscar o seu propio sentido.

Certamente, sería complexa unha exposición sobre o concepto de “persoa”, porque, ademáis habería que optar entre a variedade de ofertas, e isto entraña xa un compromiso co “sentido”; pero non me parece axeitado todo o que implica para un artiguiño coma este: só apuntarei algunhas ideas para que o lector non informado, polo menos, adquira e capte a complexidade da temática.

Hai definicións verdadeiramente chuscas e outras, claro está, coas que estamos moito máis familiarizados. Entre estas figura a de Boecio, para quen a “persoa é unha substancia individual de naturaleza racional” (“rationalis naturae individua substantia”). Hoxe obxectaríaselle que non se trata dunha “substancia”, senón dunha “substantividade”, algo completamente distinto, porque, por exemplo, a “substantividade humana” está constituída por diversas “substancias”, e, incluso, o axiólogo D. José María Méndez, escribe que non é só “rationalis”, senón tamén “libera”, xa que o pensar e decidir, propio da persoa humana, van sempre xuntos e isto implica a liberdade. Pero este autor de “Cuestiones Ontológicas”, obra publicada pola “Asociación de Estudios de Axiología”, Madrid, 2.009, aventura a súa propia definición de “persoa”, dentro do campo da lóxica formal. Escribe: “En rigor, como o negador lóxico confróntanos co valor da Verdade – neste sentido o primeiro dos valores -, nunha definición máis breve e incisiva sería PERSOA O ENTE QUE POSEE O NEGADOR LÓXICO”.

Creo, pois, que pode ser entendido, sen máis complicacións, como aquel que ten a capacidade de negar os valores.

Hai tamén unha curiosa definición de Plotino, quen dixo que “o ápice da personalidade consiste en chegar a estar SOLO A SOLAS CO SOLO” (enténdase con Deus). Recolle esta definción Juan David García Bacca, na páx. 100, da súa “Antropología Filosófica Contemporánea”, Anthropos, Barcelona, 1.982.

Pola súa parte, o físico Frank J. Tipler escribe que “en concreto se
define unha “persoa” coma aquel programa de ordenador capaz de superar o criterio de Turing”, páx. 176, da súa obra “La física de la inmortalidad”, Alianza Editorial, Madrid, 1.996. Pero …, en que consiste o criterio de Turing?. Gustavo Bueno, sen complicarse, dínos o seguinte: “criterio de Turing: se en dúas habitacións distintas e separadas por un tabique opaco da nosa, están instalados respectivamente un ordenador e unha persoa que reciben as nosas mensaxes e responden de tal maneira que, nun intervalo de tempo suficientemente grande, non poidamos discriminar cal é a persoa e cal o ordenador, entón o ordenador haberá de ser considerado coma unha persoa”, páx. 140, da obra “El sentido de la vida”, Pentalfa Ediciones, Oviedo, 1.996. Aquí hai que entender que para Tipler un ser vivente é unha información que pervive gracias a selección natural.

Complicadiño… verdade?!. Xa para terminar, quixera que repararan en que nalgunhas definicións non se toman en conta as dimensións moral e teologal (non necesariamente teolóxica!) do home, e, polo tanto, modestamente, pensamos que non son correctas, e arrastran consigo un incorrecto enfoque do “sentido” da persoa humana.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES