Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A saúde como negocio

miércoles, 18 de mayo de 2011
O sistema sanitario é un elemento clave do estado do benestar. En España, ademais, os servizos sanitarios son moi eficientes: a porcentaxe do PIB dedicada á saúde é das máis baixas da contorna mentras que os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo. Sitúase tamén como un sector importante da economía, xerador de emprego e de tecnoloxía. Pero hai unha estratexia global, impulsada por potentes grupos empresariais, que tenta desviar cara ó sector privado aquelas parcelas da sanidade que teñen capacidade de producir ganancias. Hai unha intensa presión para abrir a porta e que a banca e as construtoras poidan facer negocio co diñeiro público.

Os gobernantes teñen a obriga de protexer o sistema público. Pero en Madrid e Valencia, onde goberna o PP desde hai anos, hai unha crecente tendencia á introdución dos intereses privados na sanidade. Os espazos de negocio estanse a xerar, de maneira principal, na construción dos novos hospitais a través dun sistema de concesión (PFI: Iniciativas de Financiamento Privado). A empresa concesionaria constrúe o hospital que despois xestiona durante 20 anos, e a administración deberá pagar un canon polo alugueiro das instalacións e polos servizos de mantemento.

Trátase dun negocio seguro: unha vez construído o hospital, a compañía privada ten garantido un fluxo de ingresos procedentes do sector público durante dúas décadas. Este sistema comezou a utilizarse no Reino Unido, en tempos de John Major. A economista Sally Ruane asegura que a PFI resulta máis cara que os modelos convencionais e, ademais, distorsiona as prioridades de planificación xa que subordina as necesidades sanitarias aos intereses do capital privado. Afirma rotunda: "Este modelo está deixando nas arcas públicas inglesas deudas millonarias. Está calculado que a construcción de cada hospital pola vía PFI custa tres veces máis que polo modelo tradicional. Os hospitais saen máis caros, as condicións de traballo empeoraron terriblemente, reducíronse os postos de traballo, hai menos servizos para a poboación...Coa privatización, baixa a calidade asistencial”.

Hai uns días estivo na Coruña o pediatra madrileño Marciano Sánchez Bayle, un home admirable que leva anos traballando pola sanidade pública. Os novos hospitais de Madrid están xestionados polo sistema de PFI. As súas conclusións tamén son contundentes: os centros sanitarios construídos deste xeito son máis caros, reducen camas e servizos e empeoran a calidade do emprego. Neste negocio só gañan as empresas adxudicatarias; o sector público, os traballadores e os usuarios saen perdedores. Entende Marciano que "a xestión pública da sanidade garante que a atención sexa un dereito, pois a presenza do mercado e dos intereses privados fomenta que pase a considerarse mercancía".

Pero hai quen busca precisamente iso: poñer o negocio por diante do dereito á saúde das persoas.

A experiencia indica que este sistema produce incremento do gasto e deterioro da calidade asistencial. Pero, ademáis, a administración pública fica como refén das empresas adxudicatarias. Se non consiguen o beneficio agardado as arcas públicas serán de novo saqueadas. Así acontece agora en Madrid. As empresas que xestionan os sete novos hospitais, que Esperanza Aguirre inaugurou na lexislatura, reclámanlle 80 millóns de euros máis a o incremento do canon anual en outros 9,2 millóns. Advirten que, do contrario, producirase un “colapso” non funcionamento dos hospitais. A chantaxe é clara. Pretenden, outravolta, desviar diñeiro público para garantir o beneficio privado.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES