Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fornada

lunes, 09 de mayo de 2011
Xa se ten feito referencia nesta serie de relatos etnográficos ao pan, mais non se falou del como produto indispensábel na mesa nin do que supoñía elaboralo.

É ben sabido que o pan forma parte esencial na nosa cultura e non só da culinaria, senón que está estendido por moitas das nosas manifestacións culturais, sobre todo as relacionadas coas crenzas e a relixión, pensemos, por exemplo, en que as figuras que fan de amuletos no Santo André de Teixido están feitas de pan, ou que nas lendas populares o pan xoga un papel protagonista. Non saiamos da casa sen levar un anaquiño no peto, era venturoso máis que efectivo, para gardarnos dos males que nos puideran ocorrer. O pan é sinónimo de amor, de querer, de aprecio: cando chegabamos de nenos a unha casa, sempre se nos ofrecía cando menos un curruchiño de pan.

O pan foi en épocas moeda de troco e pagamento de foros, bulas e impostos tanto por parte dos señores coma dos cregos en todas as súas formas (gran , fariña, fornadas…) e tamén sinal de riqueza ou de carencia. Se dicimos “pa negra” non nos referimos só a unha cinta cinematográfica, referímonos a toda unha época de fame, á miseria da posguerra española, e, por extensión, a todas as posguerras.

Por todo o antedito, o día de cocer era un día especial en todas as casas labregas e nesa tarefa colaboraban todos os da familia.

Habitualmente cocíase cada quince días, que era o que duraba o pan dunha fornada. Na casa do Golpe só eran dous, pero nese día xuntabámonos todos os achegados máis por comer a bola que por axudar no traballo, aínda que tamén botaramos a man.

Pola mañanciña, o Golpe deitaba un saco de fariña na maseira mentres a súa dona poñía auga con sal a quecer. Cando a auga fervía, vertía unha pouca enriba do fermento nunha cazola e desfacíao até que quedaba convertido nun mollo espeso, que botaba nun burato que facía no medio da fariña da maseira.

Despois engadía o resto da auga. Non sei como se amañaba, pero nunca lle sobraba ningunha, era sempre a cantidade necesaria e suficiente. Logo chegaba a tarefa máis traballosa: amasar todo aquel engrudo até convertelo en masa de pan que deixaría enfariñada e cuberta -despois de bendecila cunha cruz que gravaba na masa- cun pano de liño ou algodón e coa tapadeira da artesa fechada, para que fermentara o tempo preciso.

Mentres a masa repousaba, a tía Remedios elaboraba o recheo das bolas. Adoitaba a facer tres (eran as que cabían no forno ademais dos bolos de pan): unha de liscos, outra de coello e unha de mazás. Guisaba o coello, que tallado en pequenos anacos e adobado con cebola, allo, pementos, sal e perexil, constituía o recheo da bola. Tamén pelaba unhas mazás que cortaba en láminas e poñía a sofritir nunha tixola con moito azucre e unhas gotas de auga, para facer a bola doce de mazás. Ademais, fervía en leite uns liscos de touciño entrefebrado e cortaba en anaquiños uns chourizos para a bola de liscos.

Cando a masa ía levedada, separaba unha pouca para as bolas, os boliños preñados que facía para as pícaras e a bola na tixola- unha presa de masa que aplanaba coa man, untaba en aceite e poñía a fritir a lume moi lento para que non se queimara nunha tixola de ferro- que supoñía o pan que se xantaba ese día. Co resto tendía os bolos de pan en número suficiente para que duraran uns quince días.

Despois do xantar o Golpe roxaba o forno queimando nel toxos, xestas, carqueixas e carabullos de distintas árbores até que estivera ben quente. Antes de enfornar, metía dentro uns ramallos de loureiro, para sacarlle a fogaxe e que o pan non se queimara.
Era entón cando o cheiro do forno se facía perceptíbel en todo o lugar e polo que se sabía que en Cas Paredes estaban a cocer. Co rodo sacábanse os restos de brasas e cinsa do forno e cunha grande pa de madeira íase introducindo cada peza dentro do forno colocada con sumo coidado, non de calquera xeito. Ao remate metíanse as bolas e boliños preñados de chourizo, que era o que máis axiña se cocía.

A maseira tiña que quedar limpa para unha nova fornada. Con ese fin a tía Remedios collía unha rasqueta e retiraba toda a masa que ficara pegada e con ela facía unha torta de rascas engadíndolle abundante azucre e que metía uns minutos no forno. Era o primeiro que sacaba e servía para a merenda.

Aquela mesma noite ceabamos todos das bolas acabadas de facer acompañadas por un forte tintorro de Chantada, dese que manchaba a cazola; aínda que as nenas bebiamos leite dunha canada acabada de muxir, que sabía a gloria!
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES