Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A galeguización dos viños galegos

viernes, 06 de mayo de 2011
Na mesma estancia do pazo dos Ulloa (Esposende-Ribadavia) onde don Álvaro das Casas na década dos anos trinta do século pasado fundara a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia, entregaranse este sábado os PREMIOS BACELOS DE PRATA ás adegas de Alfredo Alvarado Pires e Elisa Collarte Fernández.

Os galardóns foron creados pola asociación que leva o nome daquel activista do galeguismo para fomentar a lingua galega na etiquetaxe dos viños. Un obxectivo que ten acadado unha ampla receptividade no sector vinícola.

Oito anos despois de iniciado este labor xa son máis de cento setenta as marcas que utilizan nas súas etiquetas o noso idioma para pregoaren as súas bondades e cualidades. Se ten curiosidade por coñecelas, amigo ou amiga lectora, non ten máis que entrar na web http://www.galeguizargalicia.com e abrir calquera das tres edicións publicadas do libro “Palabras da terra”.

Esta elección idiomática sintoniza cos resultados dun estudo publicado hai tempo que recolle a reacción dos consumidores ante a posibilidade de elixir entre un cartón de leite etiquetado en galego e o mesmo cartón coa etiqueta en castelán; un 43,9% decantouse polo primeiro. Só un 1,7% polo castelán, mentres o 54,4 restante non manifesta ningunha preferencia; é dicir, que son indiferentes pero non belixerantes. Os datos deste estudo son extrapolables ao sector vinícola. Sorprenderase.

Nas sociedades onde o plurilingüismo se ve como unha riqueza cultural acéptase con naturalidade que os produtos se oferten nas linguas de orixe. Por se alguén aínda non reparou niso, velaí están as botellas de coñac, champañas, whiskys… expostas nos andeis de cafeterías, restaurantes e centros comerciais.

Os galegos consumimos bebidas etiquetadas en variados idiomas. Está dentro da lóxica, pois, que os nosos adegueiros etiqueten tamén as súas marcas en lingua galega, sen ningún complexo, emulando aos fabricantes doutros países. De feito moitas das marcas dos nosos viños comercialízanse nos mercados internacionais no noso idioma, que fai parte do patrimonio cultural da humanidade.

É importante que os adegueiros que aínda non galeguizaron as súas etiquetas reparen nas vantaxes de facelo, porque os idiomas reforzan as denominacións de oríxe e, xa que logo, a súa autenticidade. Neste proceso de normalización é decisiva a actitude coherente dos consumidores , nomeadamente daquel sector máis comprometido coa defensa dos nosos sinais de identidade, mostrando preferenza na elección pola calidade e marcas etiquetadas no noso idioma.

Se queren participar na festa da concesión dos BACELOS DE PRATA 2011, as portas do pazo dos Ulloa están abertas para todos e todas.

*Presidente do Foro E. Peinador
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES