A escola da vida: Ler é soñar
Como tódolos anos, e este non ia ser unha excepción, os libreiros saen á rúa cos seus mostrarios de novidades para atraer un variopinto grupo de lectores conscientes de que vivir tamén é ler.
Pero este ano chama a atención en particular unha campaña para incentivar a lectura que xurdiu en Cataluña. A campaña leva o nome de Ler é soñar e dedicase en particular a fomentar a lectura entre os nenos residentes en centros de acollida e en residencias de Cataluña, onde está previsto que se regalará un libro a cada un dos 3.000 menores que participarán na iniciativa. O seu principal obxectivo, segundo os seus organizadores é combater o fracaso escolar. Tras esta medida atópase a organización de voluntariado Fundación Soñar Esperto.
Teño que dicir que aínda que non co mérito e extensión que se fai, pero si recordo que nos meus anos de educador de menores unha editorial, tamén radicada en Cataluña, entregounos unha biblioteca completa de autores de tódalas épocas ó centro da Coruña en que traballaba. A donación estivo ben, pero atopámonos coa dificultade de que a maioría dos libros que se entregaron non reunían as características axeitadas para que os mozos que residían no centro lles interesasen.
Por iso, deseñar unha campaña destas características debe contar dende un primeiro momento cuns requirimentos que acheguen as condicións adecuadas para que se cumplan os fins perseguidos, como poden ser o de ter en conta os centros de interese dos menores á hora de escoller as obras ou que os educadores que os teñen ao seu cargo se involucren e colaboren de forma expresa e continuada, e non remitan a súa actuación ao momento en que se inicia pola súa novidade.
Todos somos conscientes das necesidades dos nenos e das nenas que quedaron nunha situación de desamparo e o fracaso global que isto ten para as súas vidas. E a vida escolar só é unha delas. Pola súa parte, tamén os centros de menores teñen moitas eivas que superar en moitos aspectos, o que fai, máis se cabe, que a colaboración entre os organizadores das campañas e os realizadores das accións se deba manter no tempo, e como non, implementalas con outras actividades que a fagan progresar cara ao obxectivo: desterrar, na medida do posible, o fracaso escolar das súas vidas.