Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha Garza Real sobrevoou o penal de Teixeiro

jueves, 21 de abril de 2011
Benquerido amigo/a: Se buscas un notición, non sigas. Estoume a mover no terreo do “insignificante” para a ciencia. Lembras a “Milana bonita” de Delibes, o “Adiós, Cordera” de Clarín ou “O Pachín de Balbino”, de Neira Vilas? Vou máis por aí.

Martes, 12 de abril de 2011, ás 11,15, estabamos no patio do Modulo 7 uns vinte homes. Baixaran dos talleres para descansar un pouco. Comigo estaba un rapaz. Foi o primeiro que a viu: “Ollade! Unha garza real. Está desorientada. Perdeu o río. Despistouna esta mole de cemento”. Gravei as verbas na miña memoria emocional.Todos os ollos fitamos cara ela. Durante uns minutos deu voltas e reviravoltas, moi amodiño. Incluso empezou a baixar. Certamente estaba desorientada. Deixamos as conversas para atenderlle. E foise. Como ves, “todo insignificante”. Pero eu vin bágoas en máis dunha cara. A outro entendinlle entre dentes: “Eu non quero seguir. Estou cansado”. Aínda non tivemos tempo de falar do asunto. Tratarémolo no taller de terapia do próximo martes. “Ti non entendes o que significa isto para min!”, dicimos tantas veces. O valor dos significantes e dos significados. Eu nunca me unirei aos que se lles enche a boca dicindo: “Ata que podrezan no cárcere!” Entendo a rabia das vítimas. Solidarízome con elas. Mais non entendo a demagoxia de quen rabuña aínda máis nas feridas para que sigan sangrando. Iso non cura a ninguén. Dará a sensación de que imos de redentores. Así nos vai nunha sociedade enferma. Iso disque non é violencia.

No meu internado, anos cincuenta, un colega, noviño e criado sempre en Ferrol contábanos a gargalladas como, cando foi á casa dos avós, na do lado morréralles un pucho, un becerriño. E aqueles ‘pailáns’ choraban “coma se” fose por unha persoa. Seu pai traballaba na Bazán e cobraba ben a final de mes. Este meu amigo, excelente compañeiro, estaba incapacitado para entender os significados. Non alcanzaba a ver o que supuña naquela casa aquel puchiño que morrera. El só sabía do que era morrer as persoas. Trabucábase cando facía a comparación: “coma se”. Non era rural.

Nesta sociedade que vivimos temos atrofia de sensibilidades. Escoiteille un día a un eclesiástico de alto rango dicirlle aos sacerdotes: “Eso del gallego es cosa de políticos, Lo nuestro es anunciar el Evangelio”. Xesús de Nazaré nunca diría tal. Este tampouco entende nada, dixen para min. E lembreime daquel compañeiro meu. Confúndeo todo. A referencia á política non sei se o dixo pola cantidade de actos que copreside, onde a eucaristía pasa a ser un número máis da efeméride, veña a conto ou non. Como se pode así entender vitalmente a linguaxe sacramental? Estes son dos que berran se se lle dá a paz á familia do finado. Pero logo nos actos de pro van facer o “rendez-vous” ou prohiben aplaudirlles a uns noivos, pero eles comezan a facelo cando vén o Papa. Vemos o problema dos significantes e dos significados na vida e tamén na linguaxe sacramental? Que ben nos viría unha pequena dose de educación na intelixencia emocional, da que nos falou D. Goleman, e un chisquiño da autenticidade de C.Rogers.

Que poden significar os complexos dun homiño, nacido e criado en Os Peares, cando ataca con tal saña á lingua do pobo que o criou, na que falaron todos os seus devanceiros, e arrodeado dos adláteres, mirándose nel, entran coma xabarís nun maizal?

“Ollade! Unha garza real. Está desorientada. Perdeu o río. Despistouna esta mole de cemento”, dixo aquel rapaz, falando en profecía.. Que parecido é o mundo ao patio dun penal nunha mañá na que o sol foi quen de rachar os fiaños dunha brétema que se mete coma unha mala nabiña na alma. Quen puidese ser garza real!: “Reorientarse. Reencontrar o río. Liberarse da mole de cemento”. A min tamén se me humedecen os ollos cando vexo á garza real remontar o voo da liberdade. Voar cara ao infinito!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania