Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciña Natural

jueves, 14 de abril de 2011
Sempre oín que a fe move montañas e debe ser tan certo como que a autosuxestión move cordais. Son sentenzas que aprendín de nena e tiven a ocasión de comprobar.

Teño chegado á casa do Golpe e atopar á súa dona facéndome acenos de que non falara moi alto. Eu acataba a orde porque sabía que alguén estaba na casa realizando algunha actividade que non se podía interromper. A miña curiosidade, non obstante, levábame até a porta do cuarto dende onde axexaba a ver se vía o que acontecía dentro e escoitaba palabras que non entendía: “Indo por un camiño que non sabía/ encontrei un home que non coñecía./ Pregunteille que menciña me daba para o fogo salvo. / Deume terra do terral, / graxa de porco sen sal, / cuspe sagrada en xexún/ e polo poder que Deus ten, Virxe María, amén”. Esta pregaria tiña que ser rezada nove días, cada día nove veces, cercando a mancha na pel todo arredor coa terra e a graxa mentres se dicía o rezo. Era a bendición do fogo salvo, enfermidade da pel que nunca cheguei a identificar.

Tanto o Golpe como a súa dona sabían centos de pregarias coas que curar ou polo menos aliviar enfermidades de todo tipo: a úlcera, o catarro intestinal, as lombrigas, as belidas, o mal da toupa, a ictericia e un longo etcétera. Algunhas eran semellantes a cantigas coas que acompañabamos os xogos, como a da bendición das belidas: “Santa Lucía/ tres libros tenía:/ en uno leía, / en otro escribía/ e noutro as belidas diminuía/ de nueve en ocho,/ de ocho en siete,/ de siete en seis,/ de seis en cinco,/ de cinco en cuatro, / de cuatro en tres,/ de tres en dos, /de dos en una, de una en nunguna. / Polo poder de Diós e da Virgen María/ vaite belida, amén”.

Do mesmo xeito tanto o Golpe como a súa dona coñecían moitas herbas medicinais. Non era estraño atopar na eira unha colcha de tear estendida chea de plantas a secar ao sol: macela, malvela, romeu, árnica, gran de corvo, aveas, ortigas, ruda, dentebrú, menta, perexil, apio, eucalipto, abrollos de piñeiro… todas servían de menciña combinadas ou por separado en infusións, cataplasmas, pomadas ou postas sobre as feridas despois de moídas, tanto para curación das persoas como dos animais.

Era normal este coñecemento, aínda que non todo o mundo o
posuíra, pois a sanidade como hoxe a coñecemos non existía. O médico estaba na cabeceira de comarca e tiña que atender a vinte e nove parroquias e os seus arredores. Só se solicitaba en caso de extrema gravidade. Lembro un feito que presenciei cando tiña pouco máis de dous anos. Estabamos en Bustofrío -unha fermosa parroquia na montaña do Courel, en Samos- Xa sendo noite pechada de inverno, apareceu un séquito de varias persoas precedido de catro homes que levaban sobre un colchón a ombreiros a unha muller doente. Ao chegar diante da casa onde eu vivía coa familia, pousaron as improvisadas andas e releváronse os levadores. Moito máis tarde contoume miña nai que era unha señora que estaba de parto e, como se complicara, ían á Ponte de Lóuzara ao médico. En Vilapedre non asistín a nada semellante, o que non quere dicir que acontecera tamén do mesmo xeito.

Para os demais males, estaban as curas caseiras. Hoxe a penas se usan; deixamos todo en man da sanidade pública ou privada.
Non obstante, aínda hai persoas que posúen esa fe que cura, esa autosuxestión que, por desgraza, as fai caer en redes de curandeiros e santóns que moitas veces son só fraude, engano do que se aproveitan para sacar lucro.

De todos xeitos, é fermoso coñecer todas aquelas bendicións que o Golpe utilizaba para aliviar o corpo e o espírito. Gardareinas como ouro en pano, para que non caian no esquecemento.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES