Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A exemplaridade é pedagóxica

jueves, 07 de abril de 2011
Os termos tamén teñen modas. “Dignidade” e “exemplaridade” non parece que estean moito en boga, quizais cheiren a rancio ós progresistas dos nosos tempos. Pois é unha pena, porque o termo “dignidade” andou ó longo da historia dende o sánscrito ata o nosos días mantendo iso, a súa dignidade, e carrexando un rico contido semántico. Sente o orgullo de estar enraizado en DEC, coma DECente, un parente nada desprezable, e que non sei se tamén cheira a rancio a moitas xentes destes tempos. O caso é que está disposto a prestar diversos servizos: o mesmo se dí, con el, un despacho “digno” que un comportamento “digno” e non lle agrada a “indignidade”. Claro, agora entendo, noutros tempos pasouse, porque tamén connotou “excelencia”, “nobreza”…, e nesta liña semántica deixou un tufo desagradable abondo, segundo parece, por ese ar de superioridade. Por iso, aínda hoxe o concepto de dignidade xira ao redor de tres significados: o debido a unha persoa ou cousa, a excelencia na sociedade organizada, e o poder ou autoridade, e por todo isto, o de estima e aprecio. Polo tanto, a posesión da dignidade investe a unha persoa coa exemplaridade, faino un modelo de referencia moral e fonte de efluvios pedagóxicos, do que tanto carecemos nas nosas sociedades actuais. Intúen a xustificación do título?.

Pero non se me anoxen, porque hoxe en día, calquera persoa, con independencia da súa suposta superioridade ou inferioridade, no orde que sexa, ten inherente unha dignidade que debía fundamentar todas as democracias, as cales deberan sempre ter moi en conta aquilo que dixo A. Machado: “Por moito que valla un home, nunca terá un valor máis alto có de ser home”. Eu diría, ó contrario, ten unha obriga, a de ser exemplar, é dicir, acredor a ser tomado coma exemplo ou modelo nas súas distintas actividades socias. E esta obriga é tan esixente que na nosa sociedade non parece que sintan o orgullo de asumila un número moi elevado de persoas. É lóxico e consecuente cos feitos que poden obsevarse todos os días, aínda que o lector teña o maxín posto necesariamente nos políticos; pero sen se descartar outros cidadáns. Sen embargo, de todo isto da exemplaridade, da dignidade e dos efectos, positivos ou negativos, na orde pedagóxica, ninguén pode excluirse: todos temos manchas negras, cando menos nos rexistros da nosa propia conciencia; pero, evidentemente, os políticos terán que ser moito máis cuidadosos, e non esquecer que o pobo mantenos en estreita vixiancia, sobre todo pola posibilidade que teñen de devir manipuladores.

Ata onde o coidado da dignidade e conseguinte exemplaridade produce os esperados efectos non é fácil de obxectivalo, pero, en xeral, as persoas que se preocupan de que a súa propia conduta sexa correcta evitan, incluso, revoltas antisistémicas, pois moitas delas xéranse reivindicando transformacións fundamentais nas relacións sociais, confundindo frecuentemente os comportamentos dos que rixen ás institucións que estruturan un Estado con estas mesmas. Por conseguinte, o non concienciarse do seu roll pedagóxico os mesmos representantes dos pobos, adoita traer consecuencias indesexables. Por iso sería máis positivo que en vez de acusarse mutuamente, uns a outros, nos debates, de crispación, faríano moito mellor se un deles, neste caso o acusador, tomara a iniciativa de comportarse exemplarmente, porque os ointes non son parvos e saben distinguir moi ben a corrección, da torpe picaresca; a exposición seria e documentada, da literatura encartonada e reiterativa, etc...

E nestes casos, ós mesmos rapaces lles fallan os modelos morais e pedagóxicos, empurrándoos irresponsablemente a comportamentos frívolos e antisistémicos. De pouco serve a “educación para a convivencia” sen exemplos naqueles que teñen a obriga de dalos!.

A firmeza das decisións tomadas despois dun exhaustivo e riguroso proceso de racionalización, e, no seu caso, de razonalización, dan seguridade e sosego os pobos e enervan os ecos, nos cidadáns, das crispacións xeradas pola debilidade intelectual e conseguinte carencia de ideas nos seus representantes, pois uns simples datos manipuladores a nivel explicativo poden volverse contra quen os profire. En consecuencia, o proceso deliberado de manipulación, máis ou menos solapado, é indigno, inexemplar e desastroso socialmente, porque desalenta, desmotiva e esvaece a vontade dos cidadáns, sobre todo tendo en conta que as manipulacións non inciden só nos procesos de socialización temperán, causando irreparables perxuizos ós rapaces, senón que se estenden tamén a todo o longo da vida dun individuo, impulsándoo con insistencia ò que os psicólogos chaman “disonancias cognoscitivas” (Festinger), quebrándolles desta maneira a necesaria coherencia condutual. Explícome: Cando unha persoa manipulada se concibe a sí mesma cunha imaxe “incompetente”, adquire unha feroz tendencia a facer mal aquelas cousas para as que cre que non serve, porque sempre tende a comportarse de acordo con esa imaxen, e, incluso, está afectado, máis ou menos conscientemente, por unha submisión que o leva a autoconvencerse de que a conduta que ten que adoptar obrigadamente non é tan desagradable como ó principio pensaba e, co paso de tempo, chegará a considerala como realmente convinte. Aquí podríamos incluir aqueles afiliados a un partido político ou a outros grupos sociais que son incapaces de ver e xulgar os máis evidentes erros dos seus xefes: Sen darse conta, perden o nivel de autoestima!.

Pois ben; chegan aquí as consecuencias da falta de dignidade e exemplaridade daquelas persoas que foron chamadas a cargos públicos relevantes, carentes de sensibilidade pedagóxica: Sempre os escusa a errónea convicción de que eles non teñen nada que ver coa pedagoxía; pero cando se lles pasa pola cabeza o recordo de que teñen que volver a presentarse ás eleccións derrochan esforzos pedagóxicos por todos os costados, tratando de instruirnos e adoutrinarnos coma cordeiros ó noso servizo. E cando eles ocupan un cargo para o que foron nomeados, pese a súa manifesta incompetencia, o ridículo asoma sen reparos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES