Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A totipotencialidade celular e o aborto

lunes, 17 de febrero de 2014
Este artigo de Pedro Rubal publicouse en OPINIÓN de www.galiciadigital.com, o 24 de marzo de 2011. Pola súa actualidade, vólvese a publicar case tres anos despois.

-------------------



Hai algúns meses que estiven oindo un debate acerca do aborto nunha emisión de radio local. Cando menos, estaba representada a Igrexa por un crego e a ciencia por un médico. Había más asistentes de recheo. As posturas duns e doutros foron as habituais: ambas con complementos ideolóxicos, sen espazos abondo para o tratamento sosegado que require esa temática: por unha parte, facendo alarde científico de cuestións metafísicas, e pola outra parte, esquecendo cás crenzas propóñense, non se impoñen.
Eu ben quixera oir outras razóns; pero non foi posible: verdadeiramente. unha temática desta natureza non debera encontrar asento nun programa dunha radio local, se non se quere trivializar. Penso que un sinxelo repaso dos capítulos de calquera Bioloxía actualizada dedicados a molecular, houberan permitido centrar máis o debate no nó gordiano do contido da discusión, polo menos valoraríase ese determinismo entre os xenes e a realidade biolóxica, porque, aínda que se pensou cá información xenética non só era NECESARIA, senón tamén SUFICIENTE, os avances na investigación nas leiras da Bioloxía Molecular estableceron que necesaria, si; pero suficiente, non.
Por suposto, isto non pasou desapercibido para a ética e, por conseguinte, tampouco para todo o relacionado co aborto, tanto dende unha perspectiva legal como doutrinal: O ser vivo xa non podía ser considerado completo dende o mesmo momento da fecundación. A pregunta estaba clara: había que protexer a vida potencial humana e o seu proceso en marcha?!.
Sen embargo, as investigacións complicaron as cousas, porque, cada vez que se aclara un punto, expoñémonos a barruntar algunhas solucións e escurecer ou acantoar outras. Agora parece que o camiño que hai que andar dende a información xenotípica ata os resultados (trazos) fenotípicos non encaixa na linealidade teórica que se pensaba, pois non é só operativa nesta liña a información xenética, senón que tamén se cruzan no camiño factores extraxenéticos de tal relevancia que poden alterar o fenotipo. E xustamente por isto, xa non cabe pensar cá información xenética sexa suficiente para determinar a SUBSTANTIVIDADE (non SUBSTANCIALIDADE, polo que explicarei máis abaixo) dun ser vivo; tamén hai que incorporar a esta función o extraxenético, o medio.
Isto complícase, porque aquí xurde a cuestión de se hai xenes que non se adaptan o medio, o que ven a xerar certas patoloxías coma os abortos naturais. E…se fora o medio o que acepta ou rechaza un xene?. Este suposto tamén se contempla na ciencia e, neste caso, a información xenética volve a quedar cuestionada no seu papel directivo do proceso. Seguramente que intuindo toda esta problemática, Zubiri xa nos falou dun proceso constituínte, non dun ser vivo constituído.
Ata agora seguimos como estábamos: saber con certeza científica en que momento o ser vivo está xa constituído como tal, ou, cando menos, en que momento do desenrolo embrionario se lle debe atribuir esa condición e por que. Volven as discrepancias: para uns, a célula fecundada é xa un ser vivo constituído; para outros, un ser vivo non está constituído ata que ten un fenotipo capaz de sobrevivir no medio. Ala…!, todos se apresuran a cubrir ideolóxicamente os seus flancos, precisamente con argumentos que non sempre xurden da observación da realidade biolóxica, senón do afán de xustificar esa cubertura.
Outro paso máis, e xa estamos falando de células embrionarias e non embrionarias. Vexan como se cocen aquí as fabas. As células embrionarias dan de si un ser vivo; as outras axudan a formar os diferentes tecidos. Os biólogos que investigan e estudan no campo da Bioloxía Molecular establecen a seguinte clasificación celular: TOTIPOTENTES, PLURIPOTENTES e MULTIPOTENTES. As embrionarias – din – son totipotentes, porque poden dar dende si mesmas un ser vivo; as pluripotentes non teñen capacidade de xerar un organismo vivo, aínda que están especializadas na creación de estruturas embrionarias, e ás multipotentes asígnaselles un papel abondo dubidoso: Dar de si as distintas estirpes celulares dun tecido determinado.
Pero, para colmo da complexidade, vexo que, hoxe en día, moitos prestixiosos estudosos sosteñen que esta clasificación non é tan clara e precisa coma se esperaba, pois detectouse que, en certos casos, as células MULTIPOTENTES poden funcionar coma PLURIPOTENTES. Incluso se cuestiona o papel das células embrionarias ou TOTIPOTENTES. Sen embargo, pénsase que son estas as que determinan todo o proceso ata a constitución dun novo ser vivo, mais inducindo tamén a diferenciación definitiva, con un programa que conta para a súa realización cun factor teleolóxico interno. Hai, incluso, biólogos que afirman que da totipotencialidade pásase a pluripotencialidade e desta a multipotencialidade, ata a célula adulta. Consulto todo isto nos traballos de Diego Gracia, de quen son as seguintes palabras:
“Un embrión de ser humano está vivo, pero non é un ser humano xa constituído; ten posibilidade de selo, pero non o é aínda. A posibilidade é xa moito, supón posuír moitos factores que resultan necesarios para a construción do novo ser, pero non todos. Entre outros, FÁLTALLE UN FACTOR FUNDAMENTAL QUE É O TEMPO. A vida é sempre o seu resultado” (As mayúsculas, introdúzoas eu). Páx. 386, de “Como arqueros al blanco”, Ed. Triacastela, 2.004, Madrid.
Este mesmo autor documenta, apoiándose en biólogos de conocido prestixio, que o NÚCLEO CELULAR NON PERDE A TOTIPOTENCIA, AÍNDA CÁ CÉLULA SE DIFERENCIE: OS XENES NUCLEARES SON REPROGRAMABLES SE SE COLOCAN NUN AMBIENTE IDÓNEO E CON INDUTORES ADECUADOS. Se se clona o núcleo de células adultas en protoplasmas embrionarios de especies distintas ás do núcleo, a célula resultante compórtase coma embrionaria. E isto permítenos concluír que o carácter embrionario defínese máis polo contexto con indutores axeitados que pola totipotencialidade. Se isto é así, agora as células totipotentes (que se consideraban un embrión en potencia) perden esta condición e con ela deixan de ser acredoras a un tratamento ético privilexiado. Sen embargo, non parece que haxa dúbida de que a información xenética é NECESARIA, pero non SUFICIENTE, razón pola que hai que considerar, científicamente, a un ser vivo, non coma un programa xenético, senón coma un fenómeno constituído. Entón, aínda cun embrión dun humano estea vivo, no é un ser humano constituído; PERO, SE DESTRUÍMOS O EMBRIÓN, PRIVAMOS DE FUTURO A UNHA REALIDADE BIOLÓXICA .
Ata aquí as necesariamente breves consideracións biolóxicas. Pero antes de poñer fin a estas liñas, que, polo menos, deberan deixar constancia da complexidade da materia, quixera ofrecerlles, xa na leira metafísica, unhas ideas zubirianas, reducidas á maior sinxeleza e, por conseguinte, non exentas de certas imprecisións. Empecemos por diferenciar (só diferenciar, porque dar razón abondo desta diferencia resultaría moi extenso) entre SUBSTANTIVIDADE e SUBSTANCIALIDADE. Aplicada ao home, hai que dicir que a realidade humana é unha substantividade, un sistema, que consta dunha serie de elementos cá integran, como notas-de (esa sustantividade); en cambio, ten varias substancias incorporadas - por exemplo, a glucosa - que están na engrenaxe sistemática, e non teñen propiamente a autonomía que caracteriza a toda substantividade. No sistema coñecido coma realidade humana hai dous subsistemas, que teñen notas (propiedades) ben diferentes: psíquicas, un, a psique; físico-químicas, o outro, o corpo. Pero estos dous subsistemas non están xustapostos, senón que son momentos distintos da substantividade humana como sistema único e dotado de unha certa autonomía. Por iso é frecuente encontrar en Zubiri a afirmación de que o home é corporalmente psíquico ou, tamén, psíquicamente corporal.
Rápidamente, e sen máis demoras, paso a aquilo que máis relación pode ter co aborto. Na célula embrionaria, ou no que este metafísico chama plasma xerminal, hai unha DOMINANCIA das notas físico-químicas (corporais); as psíquicas (intelixencia sentinte (sic), vontade tendente…) están aí xa dende o principio, pero en ACTIVIDADE PASIVA, é dicir, o corpóreo, que domina o proceso, ten, non obstante, que contar co psíquico, que dende a súa pasividade introduce modulacións procesuales. Poño un exemplo aproximado para a mellor comprensión: Vamos paseando por un camiño (en actividade activa) e nel encontramonos cun obstáculo que, por estar en actividade pasiva, obríganos a “modular” a nosa traxectoria. Pois ben, tuvo unha actividade sobre o noso comportamento. Xustamente isto é o que pensa Zubiri que ocorre coas notas psíquicas no plasma xerminal. Escuso dicir que se os biólogos chegaran a confirmar esta intuición metafísica, o plasma xerminal sería xa unha morfoxénesis psico-orgánica, na que a psique non ven a ser UN RESULTADO da actividade celular, senón un MOMENTO do mesmo plasma xerminal, anterior a toda actividade: un momento CONSTITUTIVO, non CONSECUTIVO do plasma. A vitalidade humana, neste suposto, non é un carácter propio da psique, nin do meramente biolóxico, senón do sistema, da substantividade. O nó gordiano quedaría así desfeito: Dende a fecundación habería vida humana. Pero…este é un razoamento metafísico que, aínda que podería orientar a investigación científica, hoxe por hoxe non ten máis valor que o que lle corresponde polo seu estado epistemolóxico. Sen embargo, as cousas tal e como están non parece que deban propiciar posturas comprometidas con afirmacións absolutas: Nada de euforias pedantescas nin de condenas estrepitosas: As solucións legais deberían ser extremadamente prudentes, porque…non existen suficientes elementos de xuizo para abrir camiños que a mesma ciencia pode cerrar con fundamentos RACIONALES e a metafísica xa ten pechados no ámbito do meramente RAZONABLE.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES