Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A relatividade das distancias (Microrrelato)

viernes, 04 de marzo de 2011
Cada día de feira, o Golpe e a súa dona erguíanse máis cedo do habitual. Despois dun almorzo contundente a base de sopas de pan de centeo con leite, caldo requente da véspera e unha copiña de augardente, saían da casa. Tiñan por diante unha boa camiñada -dez longos quilómetros- para percorrer até chegar á vila cargados con cestas que levaban sobre o molido colocado no curuto da cabeza en perfecto equilibrio e que contiñan queixos, ovos e algunha galiña ou coello para vender na feira. O camiño de volta non sería menos soportábel, pois a carga moitas veces era superior á da ida. Co gañado na feira mercábase todo o que non se podía producir na economía de autoconsumo na que estaba inmersa a sociedade rural. Queixos no tempo dos nabos, xamóns e lacóns curados despois do San Martiño, ovos e bechos miúdos durante todo o ano, servían de moeda do troco necesario e tantas veces insuficiente para acadar azucre, aceite, chicoria, viño ou unha peza de lenzo e aínda había que gardar para pagar o censo – que moitas veces non chegaban as catro perras aforradas e había que vender un becerro.

A distancia, non obstante, non supoñía un problema, afeitos como estaban de percorrer varias leguas diariamente para levar o gando ao monte ou para realizar as súas tarefas agrícolas en reducidas leiras espalladas na bisbarra, distantes unhas doutras e sen acceso a maioría para levar un carro que aliviase a carga dos inmensos feixes portados sobre o lombo a cotío.
De cando en vez, sobre todo no verán, as mulleres adoitaban a acudir a feiras máis distantes. Isto supoñía que ao chegar a Vilalba tivesen que subir na baca do roulón autocar no que xunto coa mercadoría se acomodaban en bancos de madeira para realizar o seu longo percorrido até o Viveiró, Muras, Gontán e incluso Viveiro. É curioso que ás mulleres da chaira na costa lles chamasen as “zoqueiras”, pois estas ían sempre en chinelas, cando en Viveiro xa gastaban zapatos.

Sen embargo, cando se tiñan que desprazar á Coruña, Vigo, Santiago e aínda a Lugo por outros motivos, como visitar a un familiar enfermo ou ir a un enterro, a distancia facíase para eles longa. O mesmo que consideraban fóra do alcance recibir a un parente residente na Habana, Bos Aires ou Venezuela, lugares tan lonxincuos que non acadaban medir cos seus parámetros habituais, non con medidas de lonxitude senón de tempo empregado no percorrido.

Actualmente ese tempo reduciuse por mor dos avances nas comunicacións: avións e non barcos nos transportan a países afastados nun tempo cada vez máis reducido; as vías de comunicación terrestre son máis en cantidade e en calidade, así como os vehículos utilizados. As distancias acúrtanse en tempo aínda que permanezan estables en lonxitude. Iso é o que as fai relativas.

De seguro que o Golpe e a súa dona, de viviren hoxe, considerarían o mundo máis pequeno e accesíbel, e as súas antigas viaxes a pé dende Vilapedre até Vilalba unha anécdota para contar aos pequenos da casa, quen a penas os entenderían, pois viven inmersos nun boom comunicativo nos que as distancias está desdebuxadas por completo.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES