Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ética da responsabilidade

miércoles, 02 de marzo de 2011
Para contextuar a Ética da Responsabilidade hai que falar de dous tipos de ética que predominaron na primeira mitade do século XX, e aínda teñen seguidores na actualidade.

En primeiro lugar, estou a referirme a Ética da Convicción, que os estudosos alemáns designan con unha longa palabra composta, GESINNUNGSETHIK, de Gesinnung, modo de pensar, ideas, conviccións, e Éthik, ética. Esta ética fundamenta a vida moral, concisamente falando, en principios e regras. É un paradigma ético, semellando a Khun, no que non contan nin as circunstancias nin preocupan as consecuencias, e cando entran no debate teñen un influxo pouco concluínte á hora de decidir se unha acción ou conduta é éticamente correcta. En xeral, é a posición dos neokantianos, como Paul Natorp e Leonard Nelson, por exemplo. Deste último permítanme que lles recomende a lectura da súa obra, titulada Ética Crítica, Sudamérica, Buenos Aires, 1.988. É nela onde xustifica este paradigma ético, da convicción, por oposición á coñecida coma Ética do Éxito.

Hai que salientar, en segundo lugar, a Ética do Poder polo Poder, a MACHTETHIK, para os alemáns, traducindo MACHT por PODER, non por forza (Kraft), no sentido de influencia (Einfluss). É a ética do político que vive non PARA a política, senón dela (DE ela), á que atribúe unha angueira meramente económica. Max Weber pon un exemplo abondo extremoso, do que se fai eco Diego Gracia, o do BOSS norteamericano, que busca o poder para obter diñeiro. Aquí, naturalmente, interesan moito os resultados e as consecuencias proveitosas, prescindindo de principios e regras. Como era lóxico, esta ética foi obxecto de rexas e vigorosas críticas da Escola de Fankfurt, cualificándoa de estratéxica e instrumental, adxectivos que por si solos din abondo. Coñécese este paradigma ético tamén como Ética do Éxito, á que chaman os estudosos alemáns ERFOLGESETHIK, de Erfolg, éxito, consecuencia.

Con esta panorámica dos modelos éticos á vista, MAX WEBER, sociólogo e economista alemán, nacido en Prusia, que se fixo famoso polo éxito que acadou a súa obra “La Ética protestante y el Espítitu del Capitalismo (Die protestantische Éthik und der Geist des Kapitalismus), propuxo un modelo de ética, alternativo ós anteriores, que se coñece como ÉTICA DA RESPONSABILIDADE, tamén en alemán VERANTWORTUNGSETHIK, nome derivado do verbo verantworten, responder de, ser responsable de. O substantivo VERANTWORTUNG toma parte na formación doutros compostos, que paga a pena mencionar pola súa semántica, coma, por exemplo, VERANTWORTUNGSBEWUSST, consciente da súa responsabilidade; VERANTWORTUNGSBEWUSSTSEIN, sentido da responsabilidade, etc. Con esta familia semántica podemos achegarnos á concepción weberiana da ética, pois parece claro que para ser responsable é mester ter un sentido da responsabilidade, concienciándoa, é decir, non abonda aterse a uns principios, xa que é unha irresponsabilidade adoptar decisións con consecuencias éticas partindo duns principios e esquecendo a incidencia das circunstancias nelas. Sen embargo, non é esta unha ética do éxito, porque, en oposición a ela, non prescinde dos principios, senón que lles asigna o seu papel, e como dí Diego Gracia, emulando a Kant, e traducido ó galego, “no proceso de elaborar xuizos morales correctos, os principios sen a consecuencias son cegos, e as consecuencias sen os principios, baleiras”, páx. 477, en “Como arqueros al blanco. Estudios de bioética”.

Parte, xa que logo, esta ética duns principios universalmente aceptados, pero tendo sempre moi en conta as circunstancias, e tamén coidando de que a aplicación destes principios non xeren consecuencias derivadas en razoamento meramente formal, sen traer a palestra ós factores socioculturais, os abafamentos económicos, etc. Non pode tampouco esquecerse que hai unha evolución da conciencia moral, que vai dende as normas convencionais ata as universais, e isto impón unha ponderación asisada de principios e consecuencias. Dí, a este respecto, este profesor citado, que acostuma a obxectárselle a ética da responsabilidade un certo relativismo, por non considerar como absolutos os principios deontolóxicos; pero isto resulta un tanto sorprendente, pois non se utiliza o termo “relativo” como oposto a “absoluto”, o que leva a ponderar a condición absoluta dos principios nunha medida prudencial que non pode abandonarse en prol dunha mera dedución lóxica fría e desalmada.

Xustamente por isto, argumenta Diego Gracia, na páx. 478, ibidem, tamén traducido ó galego, o seguinte: “Cando nos debates se cualifica a algunha doutrina ética coma relativista, o que realmente se está querendo dicir non é iso, senón que non se cre cás decisións concretas poidan tomarse só a vista dos principios, por absolutos que estos sexan, dado que tamén hai que ter en conta outros factores, como as circunstancias e as consecuencias. Agora ben, na ética isto non se chama relativismo, senón proporcionalismo”, e recolle estas ideas de John Finis, da súa obra “Absolutos morales”, Ediciones Internacionales Universitarias, Barcelona, 1.992. Por suposto, é este paradigma ético o que o profesor defende en bioética, coas matizacións que aconsellan os distintos procedementos terapéuticos.

Evidentemente, nesta ética non rexe en forma absoluta aquel principio que afirma que o fin nunca xustifica os medios, nin tampouco o medios poden converterse en fins en si mesmos: a ética da responsabilidade outorga a posibilidade de acadar determinados fins, aínda que sempre a través dos medios dispoñibles. Teses esta que eu, e descúlpenme esta autoreferencia, sostuven no meu libro, publicado no 2.005, titulado “De Maquiavelo a Wallraff. Dos víctimas de la hipocresía ajena”, o que noutro traballo farei máis ampla referencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES