Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E se un día te levasen preso?

martes, 15 de febrero de 2011
A quen? A min? Ti desvarías. Tes cada cousa! Como se che ocorre tal? Estás seguro que non bebiches algo estes días? Eu ao cárcere nin de visita!

Sendo eu moi neno moito me chamou a atención o que nos dixo un día o meu avó: Ademais desta casa, temos outras tres: O hospital, o nicho do cemiterio e o cárcere. O do hospital entendino porque viamos pasar a “Cruz Roja” pola Nacional VI. O do cemiterio, porque xa tiñamos moitos dos nosos alí, entre eles á nosa naiciña. O do cárcere ... ? Supoño que o comentario do meu avó veu por alguén a quen acolléramos.

Na nosa casa, desde antigo, sempre se lle deu “pousada ao peregrino”, como dicía o Catecismo nas Obras de Misericordia. Recordo moito aos toliños que levaban vida de vadío despois daquela guerra incivil. Tamén teñen durmido persoas que confesaban que saíran do cárcere e ían camiñando cara ás súas casas. Só Deus sabe onde sería! Nunca nos pasou nada. Por máis que ás veces a pinta non pintaba nada ben. Daquela, nas casas das aldeas, eramos moitos vivindo. Non tiñamos medo. E por derriba de todo pesaba a compaixón. Doíanos. Non podiamos botar ao mundo na friaxe da noite a persoas que chegaban molladiños coma pitos e coa fame nos ollos e no mesmo andar.

Hoxe a sociedade cambiou moito e as cousas xa suceden de formas moi diferentes. Hoxe, ser humanos, vai por outros vieiros. Porén os problemas seguen aí. Di Isaías (58,7-10): “Parte o teu pan con quen ten fame, hospeda aos pobres sen teito, viste a quen vai espido e non te peches á propia carne”. Iso de chamar “propia carne” a todos eses que el cita, dá unha inquedanza ben fonda. Non si? E sei que non son o único, por sorte.

E se un día te levasen preso? Cómo te situarías alí dentro? E a túa familia, non iría contigo tamén ao cárcere da veciñanza, da sociedade? O nome da casa xa ficaría co estigma: “Eses téñenche un familiar no penal X”. Agora chamáselle eufónicamente: “Centro Penitenciario de ..... ”

Do cárcere sáese. Tarde ou cedo, pero sáese. E eu pregunto: A sociedade de hoxe, ti, eu, o outro, ..., temos xa ben integrado iso de “doerse da propia carne”? Se nos pedisen axuda calquera institución, familia, ou persoa, seriamos capaces de apoiar unha reinserción, dar un traballo ou acoller na veciñanza a alguén, sen poñer cara de perdoa vidas, e dar de verdade outra oportunidade a quen o necesita?

Se tiveches a paciencia de lerme ata eiquí, pódoche dicir amigo, que esta está sendo unha tarefa ben dura para os que meritoriamente traballan, traballamos, esta parcela das nosas novas pobrezas.

Se non se axuda a cambiar a auga do acuario, o peixiño está en perigo de morte cando volva de novo ao ambiente. E xa non morre só por el. Tamén morre por nós. Nós, todos, somos coma esa auga. Pode ser saudábel ou mesmo envelenada. Non somos unha sociedade moi proclive a mudarmos nos nosos presupostos.

E se fose eu, ou o teu fillo, ao que lle tocou entrar e logo saír, que ambiente acolledor desexariamos? Non esquezamos que todos temos esas tres casas. No cárcere é moi fácil ingresar. E... á saída? Qué e quén?
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES