Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Des-Almados

jueves, 27 de enero de 2011
A “Perica” era atolada e moi larpeira. Un neno de sete anos arma moi pouco e a vaca ben o sabía.

Miña tía tivera un derrame cerebral e había que atendela en todo momento. Meu avó tiña 94 anos. Miña irmá, a maior, tiña 11 e de súpeto tivo de converterse en ama de casa e atender ás outras dúas nenas de 5 e 2 anos e á enferma. A nosa nai e o noso irmanciño pequeno finaran había uns meses. Esa era a nosa realidade existencial.

Aquel era un día de moito apuro. Tiñamos xente de fóra axudando non sei agora en que traballos dos que se facían en común. O noso pai andaba moi triste e non daba feito. Por iso me pediu que me fixese cargo aquel día das catro vacas na Pena do Bueiro. Eu entendía ben o problema. Pero a Perica escapoume e foi larpar, atrapallar e larfar os nabos á Leira do Camiño, a do tío Rufino de Pedra Pequena. Por máis que corrín, a vaca fixo un verdadeiro estrago. E para que a desfeita fora menos visíbel arrinquei como unha ducia de nabos ao salteado e cun canoto grande transplanteinos de espicho. Cousas dun neno de sete anos! Ao día seguinte estaban pampos. As pegadas da vaca marcaban o recorrido e os nabos comidos daban conta da zaragallada. Fíxena boa! Eu falláralle ao meu pai. Tiven medo.
Calei. Non dixen nada na casa. Non quería engadir máis tristezas.
Pasados tres días, chegou á casa Rufino moi enfadado.
Relatoulle a meu pai toda situación e coa aguillada na man
pretendía que meu pai me breara para darme un bo escarmento.
- “Mira Rufino, vas a miña Leira do Cuco e, cando queiras, apáñala toda enteira. O de pegarlle ao neno, permíteme que sexa da miña exclusiva responsabilidade. Xa me abonda coa que me está caendo”. Así lle falou o meu pai con moita seriedade.
A tía Sabina de Agramonte era costureira. Estaba na casa arranxándonos roupa, pois non tiñamos quen nolo fixera. Nunca vin unha muller con tanta enerxía. Erguéuse e púxolle os puños na cara a Rufino. Díxolle que era un malnacido e chamoulle desalmado. Foi a primeira vez que eu escoitei esa palabra. E entendina.

Por qué me ven agora á memoria este sucedido da miña infancia? Vou reproducir un titular que lin hai días pasados:
“Yo sé que en la política hay gente capacitada, honesta, trabajadora y comprometida”. “Pero no me engaño. También, hay muchos desalmados que especulan con el bien ajeno, con las riquezas nacionales y con la Madre Naturaleza¡”

Consultei a definición da RAE: “Desalmado, da. (Del part. de desalmar) 1. adj. Falto de conciencia. 2. adj. Cruel, inhumano. 3. adj. ant. Privado o falto de espíritu.”

E pensei na forma de tratar a lingua e cultura galega por parte dos políticos da nosa Comunidade e mesmo do Estado. Incluso por un grande sector da poboación. Noutro dicionario aparece a etimoloxía: “Sen alma”. E decateime de que a un pobo non lle pode pasar cousa peor do que perder a alma. Estaremos sendo todos uns ‘des-almados’? Estaremos todos vendendo a nosa alma ao diaño?

Asistimos a cotío ao espectáculo de como ante o patrimonio espiritual común e secular da nosa Comunidade entran estes señores como a “Perica” no nabal. Fan unha auténtica desfeita.

Abusan de que un neno orfo, un pobo avellentado, é quen ten a misión de coidalo. Non teñen paraxe. Só deixan detrás as pegadas das súas malas artes e poñen a andar todas as aguilladas para brear á nosa cultura, á nosa lingua, aos nosos nenos, e a toda a cidadanía, quen medorentos, calamos, calamos e calamos.

Corremos aceleradamente a ficarmos todos DES-ALMADOS. Cantos Rufinos de Pedra Pequena todos os días! Pegar, brear, destruír, arrasar! Só saben facer iso: DES-ALMAR! Cando aparecerá unha tía Sabina de Agramonte que nos diga e lles diga: DES-ALMADOS! Esperta pobo galego que te deixan sen-alma!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES