Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu Renazo Galego

martes, 18 de enero de 2011
Non. Non me vou eu apropiar do que non é meu. Non quero que me “pille” a futura lei Sinde. Foi este un lema que fixo época dende hai 33 anos e percorre o mundo.

Abonda con pór a frase en calquera buscador na internet e aparecerá ben nidio o seu alcance. Incluso está en moitos poemas, mesmo musicados, por entendidos nesas artes. Quen o soubo recoller e espallar, como utopía e lema propio, foi Xosé Chao Rego.

“HAC LUCE”. Con esta luz. Este é o lema do campus universitario d’A Coruña no que nós, os de Ferrol, estamos incluídos. Ten como logotipo a Torre de Hércules, hoxe patrimonio da humanidade. Este é o faro esplendente e milenario que salvou vidas arreo e mesmo serviu de punto orientador para tantos mareantes incluídos os de terra adentro. É ben axeitado. Como axeitado resulta: “EU RENAZO GALEGO”.

Xosé Chao Rego, Párroco de Santa Mariña do Vilar, en Ferrol, vai ser recoñecido unha vez máis pola querenza dos máis sinxelos. “O povo é que máis ordea”.

O 21 de xaneiro, ás 18 horas, inaugúrase oficialmente o monólito que entre todos fomos.reclamando, aprobando legalmente e que agora vai ser colocado en tempo e forma no lugar onde sabemos que vai ser máis coidado e respectado.

Porque a persoa de Pepe Chao foi e segue a ser coma ese facho de luz dos mellores faros que en todo tempo serven de referencia inequívoca e inesquecíbel. Unha causa exemplar, diría Platón e os escolásticos.

Ese día tamén comeza Acuario. “Un acuario é simpático e humanitario. É honesto e totalmente leal, orixinal e brillante. Un acuario é independente e intelectual. Gosta de loitar por causas boas, soñar e planificar para un futuro feliz. Aprender do pasado, dos bos amigos, divertirse. Pola contra, a un acuario non lle van ben as promesas no aire e tampouco gosta de sentirse só. Non lle acae o groseiro e ordinario. É creativo e foxe das imitacións. Prefire ver o que hai e logo construír “ex novo”. Velaquí o noso logotipo.

“Un logotipo (coloquialmente coñecido en forma curta, logo) é un elemento gráfico que identifica a una persoa, empresa, institución ou produto. Os logotipos soen incluír símbolos -normalmente lingüísticos- claramente asociados a quen representan”.

“Na parroquia de Santa Mariña de Ferrol inaugurouse, posiblemente, un novo estilo, moi singular, moi vencellado a unha maneira de ser arrebatadamente creativa e próxima”. “Santa Mariña do Vilar segue sendo para min a gran verdade da miña vida”. (LÓPEZ MUÑOZ D., Conversa con Xosé Chao Rego, Xerais, Vigo 2002, p 41.) En Santa Mariña do Vilar somos conscientes de que estamos a inaugurar un novo logotipo que nos vai ser moi querido e entrañábel. Nós tamén: HAC LUCE.
Para que un logotipo resulte congruente e xeitoso ten de reunir estas características: Lexíbel. Reproducíbel. Distinguíbel.
Memorábel. Neste caso danse esas condicións. E non estou a referirme tanto ao aspecto físico da pedra, que tamén. Porén, neste caso, quero salientar máis a persoa como distintivo, marca e símbolo de toda unha parroquia, dunha bisbarra e de toda a Galiza. Tamén dunha época histórica que fixo historia e marcou camiños. Multitude de camiños. Cando comecen as teses universitarias, con estudos serios e fondos, veremos a inmensa riqueza deste noso mestre de vida. Velaquí unha mostra:
“O galeguismo non é un vestido, especie de traxe rexional, senón unha militancia pola galeguidade, que consiste en facer explícito o que está nas entrañas do pobo.” “EU RENAZO GALEGO”. (LÓPEZ MUÑOZ D., Conversa con Xosé Chao Rego, Xerais, Vigo 2002, p. 151).

Parabéns para todos! Verémonos en Santa Mariña o 21 de xaneiro, ás 18:00 horas e baixo o signo de Acuario. E tamén RENACEREMOS GALEGOS.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES