Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Sr. Lorenzo e a síndrome do maltratador

martes, 28 de septiembre de 2010
Referireime só á lingua galega e ás actuacións e confesións públicas e publicadas do Sr. Lorenzo encol da lingua galega. Para nada falo da vida privada deste señor a quen non coñezo nin me importa.

Tampouco quero minimizar, todo o contrario, a lacra das dramáticas mortes de tantas mulleres. Só, tal vez, anotar como as raíces deste problema psíquico están infiltradas, coma “El huevo de la serpiente”, non só nas relacións interpersoais senón tamén nas interculturais e intersociais.

Como describir esta síndrome? Sempre aparece un miñaxoia emerxente que non é ben acabado na integración da súa dimensión afectiva-emocional, da que tanto nos falou Daniel Goleman, e mesmo por iso, a situación sobrepásao. Despois dun tempo breve de amaña e compón, o maltratador vese desmascarado e séntese impotente. Non sabe facerlle fronte á realidade afectiva na que está e sae do enredo a base de experimentar coa violencia.

Primero insulta para que estale o conflito e dar razóns externas ao seu cabreo interno. Logo, pasará aos feitos: Malla, zosca, deixa boquexando á vítima. Marca o territorio. E preso da mala conciencia, volve a maltratar, pero agora comendo a bicos envelenados á vítima, declarándolle amores para que así acougue máis aínda, anestesiada. No episodio seguinte, con calquera escusa pero con máis razóns, seguirá mallando impunemente nela. Incluso a invita a que reflexione sobre o seu mal comportamento convencéndoa de que a culpa é dela e axúdalle a descubrir a sorte que ten de telo a el ao seu carón. Grazas que a súa protección estará sempre aí. El é coma o seu reeducador e salvador. Esta será a fase máis perigosa e degradante. Cando ela está xa a morrer, e non dá mostras de ser como debe ser, vólvese inútil toda labor con ela, resulta desesperante, e daquela, finalmente, será mellor rematala na próxima arroutada.

“Se non provocase reiteradamente a situación e non me provocase a min desesperadamente eu nunca faría tal”.

Fiquei impactado para moito tempo coa película, “La decisión de Sophie”. Ademais da problemática sobre o nazismo, vin graficamente, na última parte do filme, as fases do proceso crecente do papel dun maltratador e o progresivo descenso na desestruturación da vítima, comida pola culpa, anulada na súa personalidade, na autoestima e na autodefensa. Chega o momento en que a mellor decisión, a única e a lóxica elección para ela, é morrer.

E aquí ven, Sr. Lorenzo, como eu vexo en vostede dende hai unha tempadiña a manifestación dos signos claros da síndrome do maltratador en relación a canto poida supor Galiza. Velaquí algúns dos elementos:

Vendeu vostede a súa alma ao diabo, ao Sr. Feijoo e a J. Vázquez, que non o enganaron, pois era o programa deles. Caeu de tonto útil, e agora diante do xurado popular, incluso o do PP., quere vendernos a burra dos seus bicos envelenados para adormentar as vítimas: Lingua Galega, Cultura Galega, Publicacións e Xornais Galegos, Libros galegos destruídos e prohibición de publicación doutros textos novos nesas materias, ameazas a cantos ensinen nesa inútil lingua, etc, etc. Voulle citar só dous exemplos, un chisquiño longos, dun Xornal dixital. Un dos que aínda non caeron afogados por vostedes. Veremos se colle alento abondo para non ficar sen folgos. Vaiamos ao espello:

“Na mesma semana en que naufragou no Congreso o acordo polo que, tamén de xeito unánime, o Parlamento de Galicia reclamaba a transferencia das competencias de Tráfico –e, polo tanto, o despregamento da Policía galega–, Lorenzo aproveitou a homenaxe a Gonzalo Jar, xeneral da Garda Civil recentemente falecido e coñecido defensor da lingua galega, para reclamar que “os corpos de seguridade que operan en Galicia, así como a Xustiza” opten pola lingua propia do país.”

“Mentres, no ámbito educativo, o decreto xestionado polo seu departamento está a xerar toda unha treboada entre a comunidade escolar, Lorenzo considerou o acto en honra do axente falecido coma unha “excelente oportunidade” para o “recoñecemento” non só do homenaxeado, senón “de todas aquelas persoas e entidades que traballan a prol do idioma propio de Galicia dende a sociedade”, enfatizou.”

“Neste escenario, Lorenzo considerou que o acto de lembranza a Gonzalo Jar é “un bo lugar para que todas as Administracións, iso que chamamos Estado en sentido amplo, nos comprometamos a explorar todas as vías de cooperación” co obxectivo, di, de continuar o labor iniciado en campañas coma En galego, con toda seguridade, no que se perseguiu o “obxectivo de que se divulgase nas comisarías os dereitos lingüísticos da cidadanía e o establecemento nas súas dependencias dos servizos para atender oralmente e por escrito en galego”. XORNAL.COM 12/09/2010 - 00:57 h.-


Vaia aínda, entre moitas, outra perla preciosa. Toda a Xerarquía Eclesiástica Galega e máis vostede en publicado contubernio fan un concerto para promover dicir unha palabriñas en galego nos actos solemnes que lles pete.

Manda “trillos”, que diría D. Federico. Que toda unha Igrexa que ten o exemplo vivo de Xesús de Nazaré, quen falaba o arameo popular, no hebreo culto e probabelmente en grego, que ten toda a teoloxía do misterio da encarnación no seu patrimonio e, por se tiña dúbidas, ten todas as declaracións e aclaracións do Concilio Vaticano II e do Concilio Galego e a Pastoral de Monseñor Araújo, que ten autonomía de seu, que foi unha das causantes seculares da perda e descrédito do idioma autóctono, lembremos o de “Hable usted en cristiano” no que todos, todos, os nosos devanceiros foron reiteradamente aldraxados, que nos multaron nos seminarios por falalo e outras cousas, ... , pois manda “trillos” que teña que vir o Sr. Lorenzo facer un compromiso cos señores bispos, clero e sacrosanto pobo de Deus da Galiza, para dicir unhas mal urdidas palabras na lingua deste pobo. E xa sei que houbo moitos eclesiásticos ou alumnos de seminarios que son figuras e modelos na Literatura. Pero foron a excepción díscola e discordante da que algúns queren agora apropiarse, o mesmo que fan con todo o que Castelao significa. Felices todos! Volvamos ao espello:

“O Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, mostrou hoxe o seu interese por fomentar a utilización da lingua galega nas celebración relixiosas e a actividade eclesiástica da Catedral con motivo do Ano Santo.
Así o asegurou tras manter unha reunión co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que lle trasladou a importancia de incluír este idioma en celebracións tan relevantes como a Misa do Peregrino, "un dos actos de maior asistencia de fieis, especialmente durante o Xacobeo".

Así mesmo, Anxo Lorenzo ofreceulle ao arcebispo o asesoramento lingüístico necesario para facilitarlle a utilización da lingua propia de Galicia noutras iniciativas, como a web do Arcebispado.
Ademais de "favorecer que os fieis galegofalantes se sintan aínda máis acollidos no templo do Apóstolo", Anxo Lorenzo resaltou que a presenza do galego nas celebración relixiosas é "un xeito de compartir cos peregrinos de fóra de Galicia unha das maiores riquezas da Comunidade".

Respecto á próxima visita do Papa a Santiago, o responsable de Política Lingüística destacou este acontecemento como unha "oportunidade" para "poñer en valor a riqueza lingüística de Galicia" e expresou o seu desexo de que o galego estea presente nas intervencións do Santo Pai.

Grazas á súa colaboración con Política Lingüística, o Arcebispado de Santiago elaborou e difundiu en 2009 diverso material divulgativo de tema bíblico en galego.- XORNAL.COM 12/09/2010 - 00:57.


Que heroicidade por parte dos dous! Merecen o “PREMIO PERELLO 2010”.

Mírese no espello, Sr. Lorenzo, con eses ollos tan expresivos e rebuldeiros que Deus e os seus pais lle deron, mírese no espello. Se o espello non esta trucado nunca engana. Porque espello só reflicte a imaxe obxectiva do que se lle pon diante, neste caso, vostede mesmo. Porén, sempre podemos autoenganarnos.

Non, Sr. Lorenzo. De ser un vostede un maltratador da nosa lingua nunca se librará por moitos trucos que empregue. Vostede xa nunca máis será de fiar. Porque vostede era profundamente consciente da situación real da nosa lingua. Vostede mesmo militou conscientemente contra desta situación esmorecente e agoniante. Agora o espello só amosa unha traizón. E a dos bispos, tamén.
Os seus bicos actuais están envelenados. Coma os de todos os maltratadores, que viven nunha profunda esquizofrenia vital, só fai estes xestos coa policía, cos bispos, cos grupos de fóra do país, para lavar a súa mala conciencia. Mas o decretazo está aí. E o galego varrido da escola. Os nenos xa non saberán nunca máis falar galego. E o que é peor, co exemplo de vostedes, xa lle profesan agora un auténtico noxo e desprezo. Iso si que é seu. Este é o voso trofeo. Nunca máis serán de fiar. Cando poidan darán a estocada final. Mas nunca será o heroe nacional. Galiza tampouco paga a traidores. Vostede só será un pobre maltratador dunha vítima inocente: A LINGUA GALEGA. Pasará á historia como tal. Pode ter fachenda! Parabéns Sr. Lorenzo!

Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania