Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mandiá: Hai 111 anos (III)

viernes, 17 de septiembre de 2010
Co aquel da festa, volvemos ás nosas pequenas historias, que por seren nosas témoslles lei. Lembremos algunhas curiosidades que mesmo nos poden interesar.

Aquela antiga igrexiña xa non admitía máis arranxos polo seu estado ruinoso. Xa non se tiña en pé. Hoxe, cos medios que hai, de seguro que se restauraría. Marica non chores! Dicían os latinos: ‘Distingue tempora et concordabis mores’.

Estaba situada no que hoxe é o solar do cemiterio antigo, o que está mesmo na súa entrada principal, detrás da sancristía. Moitas pertenzas dela recicláronse, adaptándoas debidamente, para seguir sendo útiles no novo templo.

Por exemplo, dos tres retábulos pequenos existentes, souberon compor con acerto marabilloso un só, o grande que lucimos actualmente. Os entendidos da Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza, cando aquilo da restauración de hai dez anos, manifestaron que resultou ser esta a maneira máis excelente de conservar todo, conseguindo unha nova unidade artística extraordinaria e cun un gusto exquisito.

Temos datos para afirmar que esta adaptación se fixo baixo a dirección do mestre ebanista D. Anxo Toimil. Hai pezas do 1648. Outras partes son máis antigas. Poden consultarse as referencias na Gran Enciclopedia Galega ou no Diccionario de artistas que florecieron en Galicia xvi-xvii de Pérez Constanti.

No 1893 adquiriron unha nova campá, encargada a un mestre campaneiro de Xuvia. Alí traballaban moi ben o cobre e o bronce, pois non esquezamos que tiveron a real fabrica de moeda. Algúns recordamos sendo nenos como entre a xente se seguía pagando cos ‘patacóns’ e ‘perros chicos’ de cobre, xa fóra de lei, que alternaban no uso diario cos novos. Eu aínda teño algunhas pezas daquelas xa moi gastadiñas polo uso.

Nese mesmo ano tamén trouxeron pedra para a meseta dunha nova espadana e o ferro para facer a cruz que a coroaba, que nós conservamos, mas xa non no campanario.
Tivemos de substituíla por perigo de caída. Estaba moi deteriorada polo óxido. Agora témola, xa sandada, nas paredes de dentro da igrexa. Está linda.

No 1899 organizaron carretos para traer pedra de mármol de Moeche e faceren a nova pía bautismal e o precioso pórtico que tanto realza o frontal da porta principal.

O armario grande que está na sancristía para gardar as roupas litúrxicas, o da caixoada, tamén é destas datas, así como a lámpada de metal branco.

Deste mesmo ano son as catro urnas de mármol de Moeche, de propiedade privada, que hai no chan do Cemiterio antigo. Dunha delas roubaron hai cinco anos unha placa de cobre que tiña datos acreditativos. A cousa foi denunciada. Coma se nada.

É mágoa ver onde van parar moitos dos nosos vestixios históricos. Na mentalidade da xente está que se os que rouban poden vender, será porque hai quen pode comprar impunemente. Non si?

Se alguén tiver vontade seria de afondar nos coñecementos sobre o Señorío de Mandiá, teremos de acudir aos mellores especialistas actuais: D. Fernando Dopico e D. Alberto Moreno, vinculados á Casa do Monte, aos que debemos amizade e gratitude pola súa sempre amábel acollida, colaboración e esmerada custodia da nosa historia.

Só nos resta dar os mellores parabéns a todos os de Mandiá por seguiren fieis un ano máis ás súas multiseculares tradicións.

Boa Festa!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES