Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os exames de setembro dos pais

jueves, 16 de septiembre de 2010
A escola da vida: Os exames de setembro dos pais

Chega setembro e os pais examínanse. Ah!, pero non, eran os fillos, dirán vostedes. Pois tamén, pero só os que teñen algunha materia suspensa. Pero no caso dos pais que teñen os seus fillos ou fillas en idade escolar, fano todos sen excepción. As súas materias non son as mesmas que as dos fillos. Son moito máis prácticas, aínda que para superalas teñan que estrullar moito os miolos.

A primeira delas é a de colocación. Esta materia consiste en colocar ou elixir o colexio que mellor lle conveña ao seu fillo e ao pai e/ou a nai. As opcións son: ser un bo colexio e estar próximo ao domicilio familiar ou ao traballo dalgún deles. Algúns pais fan filigranas para que os seus fillos teñan un bo colexio e poidan compatibilizar os seus horarios coa saída e entrada nos seus traballos. Algúns chegan a mentir con documentos oficiais na man. Esta materia suspéndena os que son collidos en delito flagrante.

A segunda materia é a de economía. É unha disciplina moi complexa porque esixe moita disciplina, pois mestura os gastos propios coas subvencións alleas. Os conceptos son tan variados como material escolar, libros, roupa, tipo de centro (público, concertado ou privado), etc... As compoñendas son moi complicadas e cando un consegue compatibilizar todo dáse un sobresaliente. Os suspensos quedan para os que deixan todo para última hora e todo son queixas de todo o mundo. Estes sempre acaban pedindo favores e diñeiro a propios e estraños.

A terceira son as actividades extraescolares ou que facer co cativo cando un non está? Se as outras dúas eran duras, esta para moitos é un óso. Porén, algúns apróbana pola cara, a maioría deles son funcionarios con horario similar aos mestres e profes dos seus fillos. Pero fóra destes, os demais teñen que facer moitas veces encaixe de palillos. Unhas veces porque non hai actividades nos seus ámbitos, maiormente rurais, e outros porque non se poden permitir as que hai. A estes, moitas veces, só lles queda o último recurso: os seus familiares.

Así que, cando a xente pense no duro que o teñen os fillos que suspenderon algunha materia en xuño, que se acorde dos pais, pois eles tampouco o van ter moito mellor, e as súas probas vanas ter que pasar inescusablemente todos os anos mentres os seus fillos estuden.
Suárez Sandomingo, José Manuel
Suárez Sandomingo, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES