Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celanova e o audiovisual

lunes, 23 de agosto de 2010
Hai uns días, cando xa os proxectores do Ourense Film Festival empezaran a rodar, eu asistín en Celanova á presentación dunha curta realizada por un mozo que aínda me portén na familia e que sen máis publicidade cá do boca-orella, case encheu o salón municipal.

Chámase Bruno Nieto o rapaz, e con pouco máis cás arrobas de ilusión que ten por facerse cun lugar no audiovisual, a colaboración dalgúns nomes que empezan a soaren na Televisión Galega e un feixe de amigas e amigos que completaron o “staff”, confeccionou unha historia de corte psicolóxico que entretén ó espectador e incluso axuda a pensar.

Pero antes, nos meses do verán, outra celanovesa, Judit Casas, presentou outra curta baseada nun relato de Dieste, que xuntou a máis de 400 persoas no claustro monacal.

E por se isto fora pouco, aínda hai un intre que acabo de falar con outro mozo, neste caso da Bola, chamado Raúl García, que anda a rematar unha curta de animación baseada no fermoso poema de Curros, “Nouturnio”, que tanto axudou a popularizar a voz de Pucho Boedo con aquel “cro cro” difícil de olvidar.

Folga falar, loxicamente, de Carlos Montero, que conta xa cun nome de prestixio no panorama nacional, por ser, ademais dun recoñecido guionista, o autor da idea orixinal da serie televisiva “Física o Quimica”, e que tamén é celanovés de carta cabal.

Pero aínda hai máis. Por exemplo Alberto Blanco, que reside en Barcelona e que nos últimos anos se ten especializado na realización de video-clips para grupos como Estopa, Violadores del Verso, Tote King, La Mala Rodríguez ou Antonio Orozco.

En fin, que agora que o Ouren-se Film Festival está a dar os últimos pasos dunha edición máis, hoxe espertóuseme a alma “caldereta” e apeteceume fachendear sobre cómo Celanova é xa un referente no audiovisual.

Espero que me saiba perdoar a licencia, querido lector, pero isto sérveme para dicirlles ós responsables do OUFF que hai vida cinéfila máis alá da capital e que por aí -se cadra- van algúns dos novos camiños que deben explorar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES