Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As lerias de Bergantiños

viernes, 30 de julio de 2010
Teño un amigo eu a quen admiro como persoa, a quen quero como paisano e ao que leo con lecer na súa arte de ben escribir.

Cando falo da arte de ben escribir estou a falar do fondo e da forma.

No tocante á forma, escolleu o mestre Bergantiños a nosa fermosa e poética lingua galega. Arte galana e normal de expresármonos os que, sendo xa entradiños en anos, tivemos a sorte de recibirmos dos nosos devanceiros este fermosísimo idioma nas máis puras esencias e que queremos deixar en herdo aos máis novos.

As raíces concretas do noso autor xorden nas terras do antigo rei Vitiricus, Guitiriz, ás que eu por nacenza tamén pertenzo.

Xosé Bergantiños, sente e pensa, poetiza e relata, escrebe e comunica desde o corazón. Un corazón universal, porque el é home de infindas singraduras. Só quen non teña corazón ou padeza raquitismo cardíaco non saberá valoralo de verdade. Mas iso xa non é problema do meu señor Bergantiños, que voa a grandes alturas. Fiquei absolutamente engaiolado co seu primeiro libro “Arredor do meu río”. Aconsélloo sempre, utilízoo con moita frecuencia e mesmo o teño agasallado a moitos amigos. Todos eles me deron as grazas pola exquisitez de tal regalía.

Agora, con Lerias, (Ferrol 2010), estame a pasar algo parecido. Anque teño de recoñecer que, despois de dúas lecturas rápidas, quero volver demoradamente sobre este libro con outras dúas ou tres lecturas pausadas. E fareino a non tardar. Quero saborealo e tamén facerlle crítica seria, que todo autor estima de verdade. Bergantiños é un bo autor. Á volta do verán merece máis presentacións. Farémolas.

O conto, de seu, ten de ser breve. Se non está ben estruturado nótanselle moito os defectos xa sexa na presentación, no desenvolvemento, no ritmo e por suposto na coda final. Unha boa apoteose deixa na alma o pracer poético de algo ben feito, mesmo cando o fondo do relato sexa tráxico ou dramático. Bergantiños ten unha habilidade innata no manexo do difícil xénero literario do conto. Ademais, ao ser tan esixente consigo mesmo, resulta ser un escritor e relator excelente de contos. Métese na mesma vida. É un mestre.

Aquel día, na presentación, vin a Xosé coma tendo que andar xustificando algo no trasfondo e doeume, Como se, xentes que el aprecia, lle fixesen censuras non científicas. Iso non é leal. Eu podo non gustar de certas formas de Pérez Reverte. Mas o problema está en min. Reverte é un grande escritor.

Amigo Bergantiños. Ti es mariñeiro e marino de altura. Home de pensar profundo. Non te achicaron os temporais. Non deixes que se che seque o tinteiro. Aínda hai moito en ti do que estamos a necesitar. E só ti nolo podes brindar. Graciñas, meu señor.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES