Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Escola de formación de axentes de pastoral da saúde 'Monseñor Araúxo'

jueves, 08 de julio de 2010
Convivencia e revisión do fin de curso 2009-2010.

O domingo, día 04-07-2010, tivemos a sorte de vivir unha experiencia gozosa, sanante e saudábel desde as varias dimensións das nosas persoas.

Os alumnos da Escola Interparroquial de Axentes de Pastoral da Saúde “Mons. Araúxo”, de Ferrolterra, dirixida polo seu creador e animador, o Sacerdote diocesano, D. Xaquín Campo Freire, vivimos esta segunda convivencia de Revisión de Vida Evanxélica, no compromiso e na acción das comunidades, aprendendo a acompañarmos a todos, do mellor modo posíbel, nos diversos intres da vida, co alento do Espírito, principalmente cando todo vén do revés.

Foi unha Peregrinación-Romaxe a Sant’André de Teixido, de Lonxe ou do Cabo do Mundo. Trinta e cinco persoas-alumnos de todas as idades partimos das diversas sedes da Escola, entre as 09:30 e as 10:15 horas.

Mágoa que os outros cincuenta, por diversos motivos, non puideran asistir. Para outro ano temos de pensar se por maio non sería mellor data para todos.

Comezouse cunha exposición detallada etnográfica, antropolóxica, histórica, bíblica e celebrativa, para situármonos axeitadamente nas contornas nas que nos íamos mover. No aquí e agora do acontecer de Deus nas nosas vidas. Creando así un clima de descubrimento respectuoso e crítico das experiencias polas que foi pasando a humanidade ata chegar a nós, cos seus tenteos e buscas gozosos ou dramáticos nunha loita pola vida e pola saúde do corpo e do espírito.

Foi un achegarnos a unha experiencia de valoración da saúde, da fe da esperanza, da oración e da pacificación persoal interior: Descálzate, porque a realidade que pisas é sagrada.

Para iso cumpría unha visita detida ao Santuario e ás contornas, intentando percibir as máis variadas sensacións posíbeis, observando previamente toda crase de detalles para a posterior posta en común: Beleza, paisaxe, mar e mariñeiros, paraxes, terra e habitantes do lugar, ecoloxía, relixiosidade, romaxes e romeiros, expresións de fe, misa e cultos (ás 12:15 horas), angustias, ansias de felicidade, loita pola saúde, tristuras, esperanzas, turismo, deportes, libros e produtos diversos de venda, ben naturais ou manufacturados, actitudes dos visitantes e tamén as nosas, capacidade de intercomunicación con todos, despistes e superficialidades, cousas mal feitas ou que non deberan ser, abusos, etc.

Teriamos así recollido un rico e polifacético traballo de campo que logo íamos seguir debullando ao longo do día. Por certo, non levamos connosco a pedra do rito penitencial para un amilladoiro. Nen deixamos o testemuño lítico.

Ás 14:00 comida. O parque-miradoiro da Costa Grande, todo para nós. Un tempo brumoso e un vento, máis ben de frío nordés, que non nos deixou gozar plenamente da paisaxe de altura, nin da Garita da Herbeira. Tampouco a vista sobre o mar era a mellor. A Barca de Sant’André, quilla ao ar, seguía alí sen afundir.

Decididamente, tiñamos de volver ao Santuario, para acougar e movernos xa con plena liberdade. Agora xa era moi pouca a presenza de romeiros e visitantes. Supuxo unha segunda nova visión, no mesmo día, que matizou e enriqueceu detalles, que logo deron os seus froitos. Saímos. Cada quen portaba en lembranza algún abelorio consigo.

Ás 17:00 horas, no adro de San Come de Piñeiro, na intimidade do grupo, fixemos unha celebración de acción de grazas, pausada e pacificadora, con avaliación do curso pasado e do vivido nesta data. Aquí a temperatura era boa. Estábase ben. Tamén apuntamos algunhas propostas dos proxectos principais para seguir no vindeiro curso, abríndonos cada vez máis as distintas realidades das nosas comunidades, familias e persoas.

En Cedeira había non sei que eventos festeiros, e a xente decidiu non parar na Vila. Mas unha parte importante do programa ficaba aínda por realizar. Necesitabamos un marco axeitado de representación escénica.

O Adro do Convento de Baltar! Tiñamos a Igrexa aberta. Saudamos ao Padre Juan Carlos e pedímoslle que nos dirixira a palabra. Foi unha benzón de Deus. Remarcou a temática da paz e da pacificación da liturxia do día (D. XIV, T.O.-C).

Unha acción de grazas a María, Saúde dos enfermos, Consoladora dos aflixidos, Auxilio dos cristiáns e Raíña da paz. Cantamos con moita devoción a Ave María. E agradecemos o remate feliz deste día.

Mas no aire estaba unha promesa: Un achegamento cumprido a toda a literatura de Santo André. Fíxose unha breve introdución-sinopse do que hai feito e escrito e da bibliografía principal que hai no mercado actual.

Máis que falar dos diversos romances e lendas o mellor era representar algúns deles. Por iso, nun intre, escollemos os artistas, repartimos axeitadamente os papeis, acomodamos o público nas escadiñas da igrexa e escenificamos en teatro lido: A GALLARDA e A DAMA XELDA. Os textos, son os orixinais destes dous romances, recollidos polo noso amigo, o historiador Rafael Usero.
A forma escénica, foi preparada por Xaquín Campo Freire.

Que marabilla de actuación. Que ben o fixeron os dez artistas que actuaron.
Puxeron as emocións adecuadas, os xestos e entoacións apropiadas. Todo pausadamente e con forza de expresión dramáticamente excelente. Gustaron moito e nos aplausos houbo que mandar parar. Foi un remate feliz. As 21:00, todos na casa.

Repetiremos. Boas vacacións. Están ben merecidas.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES