Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Muralla de Lugo e a circulación rodada

lunes, 28 de junio de 2010
Habitualmente, os lucenses consideramos a Muralla en si mesma, como un todo, como unha unidade absoluta, porque o monumento meréceo e ten presencia propia e permanencia garantida no decurso dos séculos.

Pois temos que acostumbrarnos a pensar nela tamén como parte indispensable, viva, da cidade na que vivimos, como elemento que pecha a cidade antiga, e polo tanto como unha entidade que ten que interrelacionar coa vida que pasa polas súas portas e coas realidades cambiantes que lle afectan, aínda que só sexa por proximidade.

Non tivemos ata agora os lucenses visión de futuro en relación coa muralla e a circulación rodada, un dos aspectos da cidade que máis lle afectan. Só contou o Concello coa realidade da Muralla, sen a máis mínima alteración, e limitouse a pechar unhas portas á circulación rodada, e canalizar a través de outras todos os vehículos que entran dentro de murallas.

Así non entran coches pola porta de San Pedro, nin pola do Cárcere, e xa que logo pola Porta Falsa, que con escaleira non o permite. Entran só residentes por Bispo Aguirre, Santiago, Miño e Porta Nova. Quedan tres, dúas para que entren os coches – Estación e Bispo Odoario- e unha de saída, Porta de San Fernando.

De feito, estas tres portas canalizan todo o tráfico que entra e sae da cidade, dirixido ós aparcadoiros soterrados, tres municipais explotados por empresa privada, e outros dous privados, na rúa Anxel Fole e detrás do Colexio Médico.

Certo que bastante traballo costou no seu momento, hai case un cuarto de século, construir eses tres aparcadoiros como para pensar en facerlles entradas a diferente nivel. Visto cos ollos de hoxe, os coches deberan entrar a diferente nivel, por debaixo do nivel das rúas, de xeito que nin o monumento sufrira nin Lugo estivese invadido por automóviles.

E soñamos cun aparcadoiro na praza Maior, que enlazase por debaixo da rúa da Raíña co de Santo Domingo, e este á súa vez a través de San Marcos – onde se podería facer outro aparcadoiro- co da Praza de Ferrol, e este, por debaixo da rúa e porta de San Fernando, cun na explanada de San Fernando, onde hai anos se pretendeu facer unha instalación así pero non se atopou empresa que a afrontase.

Unha obra deste tipo necesitaría investigación histórica, excavacións arqueolóxicas complexas, para poder rescatar todo o que neste momento quede agochado nestas zonas. E, naturalmente, un gran investimento pero a rendibilidade estaría asegurada, non só no aspecto económico que por fin os lucenses afixémonos a utilizar estes aparcadoiros senón no aspecto social, xa que gañaríamos unha cidade sen coches, sen fumes, sen contaminación acústica e visual. Pero esto polo de agora é ciencia-ficción.

O Concello vai renovar agora o pavimento da rúa da Raíña. Velaquí que podería ser boa ocasión, pero perderémola nestes momentos de crise. Como hai uns anos, na última remodelación da rúa da Raíña, se perdeu a ocasión de deixar un pasadizo interior para nel distribuir todo tipo de canalizacións e tendidos eléctricos, telefónicos ou desagües, como se está facendo polo mundo adiante en moitas cidades para non ter que andar furando nas rúas cada certo tempo. Non se fixo por problemas económicos, e porque ninguén o propuxo.

Tamén se vai afrontar a peonalización da rúa de San Marcos, remodelación da rúa, apertura dos xardíns da Deputación inmediatos á muralla. Ocasión perfecta para deixar planificada esa unión dos dous aparcadoiros, pero moito nos tememos que tampouco vai ser posible.

O Partido Popular propón que se unan os aparcadoiros xa existentes a través de San Marcos, como aquí estamos expoñendo. E a Confederación de Empresarios está de acordo. O Bng rexeita un aparcadoiro na praza de San Marcos e aboga pola praza da Constitución para conseguir máis prazas para estacionar vehículos.

Vai resultar que hai case un cuarto de século foi visionario o feito de plantear dous aparcadoiros soterrados no centro da cidade, e un na praza da Constitución. E costou Deus e axuda conseguilo. Vintecatro anos despois, seguen a ser iniciativas ailladas, que ninguén se preocupou de facer evolucionar.

Se seguimos con estas ataduras resultará que a Muralla vai coartar o desenvolvemento da cidade, vai impedir a entrada e saída fluida dos lucenses dentro de Lugo, e simultáneamente seguirá sufrindo as agresións sonoras e contaminantes dos centos de automóviles que a diario acceden ó recinto amurallado, máis os milleiros que circulan á súa beira.

Levamos na mesta situación vintecinco anos. Se para unha persoa é como mínimo a cuarta parte da súa vida, tamén para unha cidade é moito tempo. Sobre todo para estar parada nun tema tan esencial.

A muralla ten moito tempo, leva moito tempo cinguindo a cidade de Lugo. Hai que buscarlle solucións de cara ó futuro. E non parece que polo momento, os políticos que nos gobernan estean polo labor.

E resulta unha verdadeira pena, porque non é máis que adiar o tema, e traspasar ós nosos netos un problema que chegará a ser moi grave.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES