Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O fútbol

miércoles, 23 de junio de 2010
Este deporte é unha parte importante da miña vida. Hai medio século que empecei a practicalo, tentando caneos darredor dos carballos no campo da feira de Ceilán. Acadei o meu momento de gloria cun gol decisivo (de rebote contra o traseiro) xogando co Negreira no campo do Esteirana. Pero esa é outra historia. Hoxe sigo tentando mellorar, sen grandes resultados, e fago de adestrador no equipo de infantís do meu barrio coruñés.

Aínda lembro os primeiros partidos en branco e negro e os goles celebrados en grupo na taberna do Puñal. Eu, como noutros ámbitos da vida, prefiro practicar a ver, mais empeza agora un espectáculo visual ao que penso adicarlle bastante atención. O campionato mundial de fútbol que se celebra en Sudáfrica representa unha oportunidade, que se nos ofrece cada catro anos, para ver en acción os mellores xogadores e equipos do mundo. Sempre quedan nestes eventos, atrapados na nosa retina, tres ou catro instantes fugaces de beleza extrema ou de emoción rebordante.
O fútbol profesional é, no día de hoxe, un espectáculo de masas seguido por millóns de persoas a través da TV, así como un negocio de enormes magnitudes no que se moven cantidades impúdicas. Iso fai que moitas persoas vexamos de xeito crítico todo o que medra darredor desta actividade comercial. Máis é tamén un deporte universal, cunha enorme carga simbólica e coa capacidade de provocar estados de ánimo colectivos e de mover os sentimentos dos pobos.

Por iso, nos días que se aveciñan, case todos, lonxe de análises ideolóxicas ou de posicións políticas, imos sentirnos representados pola nosa selección. Coinciden os expertos, que tanto se equivocan, en situar este equipo entre os favoritos. A calidade individual e colectiva, a fortaleza do grupo e a traxectoria dos últimos anos fai que todos esteamos expectantes e que agardemos o mellor. Do seu traballo e dos resultados acadados vai depender, en boa medida, o estado emocional de todos nós.

O meu desexo? O principal é que todo saia ben en Sudáfrica, que non se produzan situacións de tensión ou desgrazas colectivas que fagan situar o fútbol en segundo plano. E tamén agardo que gañemos o Mundial. Desa forma veremos alimentada de tal xeito a nosa autoestima que teremos forzas e ánimo sobrantes para superar a crise que agora nos abruma.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES