Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No día das nais, parabens a moitos!

domingo, 02 de mayo de 2010
Veño de escoitar a noticia: Morreu unha nai en Vigo a pouco de dar a luz. Así de entrada, teño de ser sincero: Non son en absoluto obxectivo neste tema. Miña nai morreu dunha forma algo parecida. Mas iso foi no ano 1944. Nin sequera había penicilina e si moita fame e tamén medos. Por esas datas, o Dr. Fleming viña de descubrir o grande remedio contra das infecións bacteriolóxicas. Pero xa non había nada que facer. E así o aceptamos con moita coraxe e forza interior. Sabiamos que o futuro ía ser ben cruel connosco. E foino. Pero estamos aquí. Porque o amor e a humanidade que nos mostraron en toda a comunidade rural foi inmenso. Para todos eles, que foron moitos, grazas infindas. Soubestes suplir moitas carencias. Grazas!

Agora, no 2010, cando lemos estes casos, non tan raros, caemos na conta de que non somos deuses. De todos modos, cústanos aceptar e comprender como pode ser que no primeiro mundo morra una muller nos intres de dar a vida. E no terceiro e cuarto mundos? E na miseria, fame e sede? E nas guerras e nas explotacións do mundo da muller? E que elas non son nais coma as nosas e non lles doen os seus fillos? E non choran anticipadamente aos seus orfos?

O día da nai celebrámolo con moitos agasallos e moitos parabéns. Con moita festa. Que marabilla! E tamén adicamos un recordo moi fondo e tenro para as que xa nos deixaron definitivamente. Uns poñen ramos, outros crean expresións literarias ou mesmo musicais. Aos que somos crentes a fe préstanos unha forma axeitada de vincularnos dunha maneira viva desde unha presenza espiritual sempre inmorrente. Hai unha esperanza.

O elemento festivo enche o ambiente e é mellor así. Mas no día seguinte e en todos os días do ano non podemos esquecer isto: Dar a vida, custa a vida. Tanto se se morre no intento, coma se se vai facendo pouco a pouco. Porque morrer tamén e ver morrer. E ver morrer os fillos é peor que morrer un mesmo. Principalmente cando a morte non ten sentido ou, peor aínda, cando a vida vai por vieiros de morte, desas mortes que non debían ser. Impresionoume, nunha visita ao cárcere, ver os nenos de nais presas que están dentro da prisión. E dixo Curros: “se este é o mundo que Eu fixen,..... Teño que confesar que chorei. Unha nai nunca debera estar na cadea e os nenos endexamais!

Que bonito é felicitar ás mamás e ás avoas e trasavoas nestes días. Para elas, as miñas e as nosas mellores mostras de cariño e as meirande tenruras. De todo sodes merecentes.

Mas, malia que vaia a contracorrente e se me acuse de non seguir a tendencia do pensamento positivo do Dr. Seligman, de quen son un afervoado seguidor, permítaseme que neste día me poña na fila dos que teñen o corazón ferido. Iso non quer dicir que avogue polo pesimismo. Todo o contrario. Só quero salientar ese outro grupo grande de nais de todos nós que queren acoller e recibir unha lembranza sentida e ao mesmo tempo unha promesa de facerlles honor á súa vida entregada, dorosa e dorida, que loitando bravamente pola vida deixaron a vida en nós plantada. De non ser así, de non sumarnos á súa causa, silenciosa e silenciada, mesmo traizoariamos a súa fonda razón de ser nais: Deron a vida para que a vida non esmorecera con elas.

Para vós, nais de todos os tempos e idades, de todas as terras lugares, para vós, queridas nais, sempre un amor. O que vós nos destes. Para vós un bico e unha pregaria confiada e agradecida. E por cima de todo, respectaremos e defenderemos canto acompañe sempre á maternidade. Sempre de vós.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES