Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Puro teatro

jueves, 22 de abril de 2010
Non pense, querido lector, que o título vai con segundas, nin pretende desprestixiar esa fermosa arte comparándoa coa arte, a miúdo non tan nobre, da política. Ó contrario, hai tempo que non me sento con tanta predisposición a escribir seriamente.

Porque seriamente, arroupados por unha estudada e perfectamente ensarillada escenografía, facendo gala dun altísimo grao de veracidade no relato, dunha máxica verosimilitude na recreación da historia e dunha profesionalidade individual e colectiva que sería merecente, se cadra, de procurar (traducíndoa, loxicamente) os grandes escenarios do Estado, foi como recibín, o pasado sábado pola noite, a regalía da representación da Esmorga polo grupo ourensán Sarabela.

Malia que sei que estivera en cartel unha longa tempada, non tivera lecer eu daquela de poder asistir á representación que hai 13 anos fixera o grupo da obra cumio de Blanco Amor.

Descoñezo, polo tanto, cánto queda daquela primeira experiencia e cánto hai de novidade no relato dirixido por Ánxeles Cuña. Ora ben, o que si sei –e podo dicilo con todo o orgullo de ourensanía, porque a compañía é ourensá- é que saín da sala coa sensación de ter participado eu mesmo na esmorga, é dicir, de ter sido abducido polo Cibrán, o Bocas e o Milhomes, do mesmo xeito que unha gran novela te atrapa nas súas páxinas e che fai perder a conciencia do tempo ou unha excelente película te eleva a outra dimensión, borrando todo o que se move ó teu redor.

Sei pola propia Ánxeles (e porque me sorprendeu gratamente ver xente moza a mans cheas asistindo ó teatro -e ¡pagando!- coma se fosen á última montaxe de Spielberg), que nesta nova andaina como “compañía residente” teñen, todos eles, grandes esperanzas depositadas.

Noraboa, pois, querida Ánxeles, querida Fina, querido Fernando…, entoando un mea culpa por non ter podido asistir á estrea para terlle recomendado antes, querido lector, que non perda a ocasión de ir ver a “Esmorga” alá onde Sarabela colgue o cartel de tan maxistral representación.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES