Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Parga a Pastoriza

lunes, 19 de abril de 2010
De Parga a Pastoriza “Desorballando os prados coma sono,/ o Tempo vai de Parga a Pastoriza”, cantou o poeta Díaz Castro, e envoltos neste halo, viaxaremos, o xoves, a Pastoriza, convocados polo Pai Miño, alí preto das súas orixes. Porque a lagoa de Fonmiñá dálle alento as súas augas. Non nos sorprende que todos queiran compartir a súa fonte primixenia, tamén se debate o nacemento do Danubio, o Nilo, etc. Pero o que arrequece é que estas terras e lagoas lle dean tanto pulo e enerxía, que pode percorrer toda Galiza, convertido na súa columna vertebral. No seu curso, vai de sobrado, con tantas cantigas, agarimos e versos que lle dedican os nosos vates e cantoras. Pero, nese día, imos asistir ó parto doutro poemario, dedicado a el, creado por un escritor moi achegado ao seu fluír cotián, un veciño que comparten o mesmo devir existencial, Pepe Otero, da Ponte de Outeiro, igual ca outro Pepe, o Crecente Vega. Estes versos acreditan esa simbiose e familiaridade entre o río e o seu cantor. Un caudal tan vizoso abrolla creatividade a cachón, coma ten testificado Manuel María, que baixou un día, nos 50, daquel outro Outeiro, ata o Miño, e descubriu nunha viaxe máxica as fontes da verdadeira poesía. Pero, Miño, río pai e amigo, non é só poesía, achega a pintura e debuxos de nove creadoras e creadores, que tamén descubriron no seu leito as formas, sons, recendos, cores, que agora nos comunican, coma escribe Otero: “pintura transparente que molla”. Os editores, a Irmandade Manuel María, sabedores de que para aprender ler no lombo e no fondo do río, hai que deixar bulir as súas augas no corazón coma un surtidor, encargaron ao profesor Primitivo Iglesias, o prólogo. Coñecedor rigoroso das entrañas do noso idioma, e arestora rexedor de Pastoriza. O profesor ten fortes vencellos co Pai Miño. O parentesco ven de lonxe. Igual co do outro padriño desta obra tan intensa, Manolo Vila, tamén guieiro e animador cultural e social, pola largacía da Chaira. Unha homenaxe a un río, de nai chairega, que vertebra o noso país, e do que todas/os nos sentimos achegados, da mesma familia, porque a psicoloxía desta comarca lévanos a sentir unha total comuñón coa natureza, sobre todo, coas criaturas máis sinxelas.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES