Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ramistas vilalbeses

jueves, 04 de febrero de 2010
Polo que se ve, saíunos madrugadora a Comisión de Festas do San Ramón, que está a traballar intensamente, e ós seus componentes férvelles a cabeza con ideas de todo tipo de acontecementos festeiros que incluir no programa do próximo San Ramón.

En tempos, a tradición das festas contemplaba que os ramistas -que así se chama ós que forman parte dunha comisión festeira- sacasen en limpo para un traxe. Pero eso é so un chiste malo, e o certo é que o que se mete nunha comisión festeira ten garantido un inxente traballo, pequenos aplausos para os acertos e incomprensión e críticas en cantidade para os naturais erros que se produzan na organización.

Teño que recoñecer que a miña visión dese papel é forzosamente pesimisma, que algo tamén teño participado en tarefas organizativas -nada menos que cinco anos como secretario da Comisión de festas do San Froilán en Lugo- e coido saber do que falo cando menciono o ingrato traballo dos membros das comisións, e o curtidos que hai que estar para sacalas adiante.

En Vilalba, este ano, polo que se ve os da comisión lévano bastante ben xa que empezaron con moito tempo, que é vital nestes traballos, e teñen a estas alturas do ano xa contratadas dez orquestas que, tendo en conta que van actuar na forza do verán, a finais de agosto, é traballar con vista e conseguir uns precios que a última hora é imposible conseguir.

Fálase de que o Rallye San Froilán poida pasar por Vilalba como un complemento festeiro tendo aquí un fito ou etapa, de incluir un torneo de tiro ó plato e unha feira hípica, ademáis dun sorteo no que se poñan en xogo dous turismos e 3.000 euros en metálico. O que queira colaborar coa comisión pagarán dez euros por rifa, e ademáis de participar na financiación das festas optará a algún destes regalos.

Pero o que máis me chamou a atención foi o de incluir unha raíña das festas da terceira edade, para recoñecer o traballo da xente maior.

Que haxa unha raíña das festas, escollida entre as mozas da localidade, forma parte da tradición e eu lembro raíñas e damas de honra nas festas de Vilalba desde comezos dos anos sesenta, en tradición ininterrumpida ata a actualidade.

Logo veu a raíña infantil, relativamente recente, na que unha nena se incorpora á comitiva real para, se a maior é a raíña das festas en xeral, a pequena o sexa das festas dos nenos, que viven o feito festeiro aínda con maior intensidade que os maiores. E un ano houbo que tamén existíu un Rei infantil. Que está ben, que con esto da igualdade de oportunidades entrámbolos dous sexos, a monarquía festeira -aínda que fose na excepción dun ano- tamén pode ter elementos masculinos.

Que agora veña unha raíña -e por que non rei?- da terceira idade, non queda mal, que todo o que engada elementos chamativos contribúe á brillantez das festas.

Eu teño experiencia de presentar o acto no que as raíñas e as damas de honra reciben os seus atributos reais e festeiros, pois son máis de trinta os anos que levo no Certame literario e nas ceremonias que as festas levan consigo- e para a relevancia das festas (sempre hai críticas) non lle ben nada mal que haxa raíñas que reinen de xeito efémero, que paseen a súa fermosura en actos e procesións, e que deixen lembranzas fotográficas que anos despois se vexan con nostalxia.

E se agora hai unha raíña máis, da terceira idade, a fin de contas da miña quinta, terei moito gusto en decir fermosuras da elixida que, sexa quen fose, terá méritos sobrados para ser honrada durante o próximo san Ramón.

Eu deséxolle a esta comisión de festas moita sorte. Non só porque os seus éxitos van ser os éxitos de Vilalba e as súas festas, senón porque o traballo longo e intelixente merece como primeiro resultado que as cousas lles sallan ben. Meréceno.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES