Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quen nos quer sen fala, quer matarnos

jueves, 04 de febrero de 2010
Seguimos aínda coa referencia aos profetas bíblicos. Estes tamén tiñan na súa misión a denuncia profética: (Xr 1,10):
“Irás a onde eu te envíe e diraslles todo o que eu che ordene”, “...para arrincar e destruír. Non lles teñas medo”.
Teño de confesar que a primeira vez que lin “Canción para cantar tódolos días”, do benquerido Manuel María, o poeta da Terra Cha, resoou en min a profecía forte, rexa e tronante do profeta Amós: “O luxo do que fachendeaban uns poucos conseguíano á conta dos pobres. Os xefes, os ricachos en terras, os comerciantes prosperaban baseados na inxustizas sociais. Os xuíces, pola súa parte, puxéranse da parte dos ricos, deixándose subornar en prexuízo dos pobres. O culto volvérase idolátrico, era un salvoconduto de seguridade incondicional para vivir con impunidade na inxustiza amparándose, por unha falsa confianza, nos privilexios de Israel”. (Comentario na Biblia da Casa da Biblia, p. 971).
Amós era un civil: “Eu non son un profeta profesional”. (Am 7,15.) Endexamais pensei que andando o tempo e en plena “democracia” o autor de Canciós do lusco ó fusco, 1970, ía ter máis razón ca nunca. Que pouco cambiaron os tempos! Eis unha escolma deste poema do Manuel María, outro noso profeta civil:
“Hai que defender o idioma como sexa./(...) Hai que defender a fala en loita rexa.
Temos que pelexar cos renegados,/ cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados/ que desexan matala i enterrala. (...)
Seríamos, sen fala, unhos ninguén, / unhas cantas galiñas desprumadas.
Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas.
Idioma somos nós, pobo común,/ vencello que nos xungue e pon en pé,
Herencia secular de cada un, / fogar no que arde acesa a nosa fe.
Hai que afirmar a fala con tesón, / defendela con uñas e con dentes. ( ...)
Hai que darlle ó pobo a súa voz pura./ Quen nos quer sen fala, quer matarnos.
¡Hai que defender a fala con mao dura / pois precisamos da fala pra salvarnos!”
Temos de entrar a fondo no poema e ver que linguaxe fala, cales son as súas armas, o seu estilo, a súa defensa. A linguaxe certamente é forte, porque as situacións son dramáticas, mortalmente dramáticas. E cómpre non desvirtuar a denuncia profética da mensaxe do poeta por parte de inimigos interesados.
El mesmo nos dá a clave esexética: “Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas”. As armas dos inimigos son as espadas. A forza do profeta, A PALABRA. Na palabra está hoxe a nosa forza e non nos arredaremos da palabra. Xa quixeran os provocadores da masacre da nosa lingua, verdadeiros violentos actuais, que caéramos na tentación de entrar na súa dialéctica malvada e provocadora da violencia. Pero NON! NON NOS MOVERÁN!
Multáronnos nos tempos do franquismo e tamén nos nosos seminarios, escolas e internados por falarmos no de nós. Xa non digamos no servizo militar.
Pero nunca se percibiu tanto auto-odio destrutivo e perseguidor coma nos mandatarios de agora e nas capas dominantes. Incluso se nos nega aínda o dereito a morrer na fala nai. Que mal vos fixemos? Os únicos bilingües somos nós, o pobo. E os plurilingües tamén, porque somos os únicos que necesitamos das linguas se queremos traballar. O único que emigra sempre é o pobo. O que vós queredes é un pobo mudo, sen fala de seu. Novamente someter ao noso pobo afogándolle a palabra, a fala, o idioma. Rompelo na súa identidade. Canta hipocrisía!
Pois dinos o corazón que coa forza da palabra do noso pobo, xusta e honrada: VENCEREMOS NÓS! Coa forza da palabra, ALGÚN DÍA VENCEREMOS!
Como di o profeta civil: “Hai que darlle ó pobo a súa voz pura.

Seríamos sen fala uns ninguén. Quen nos quer sen fala, quer matarnos”.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania