Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xantar no Lusitano

jueves, 14 de enero de 2010
Dende hai uns cantos anos, un grupo de amigos adoitamos convocarnos un día de verán arredor dunha mesa para gozar dun dos praceres mundanos máis grandes que o ser humano ten á man, como é o de conversar arredor dun magnífico xantar regado sempre cun excelente viño, que no noso caso adoita ser aportado por un dos comensais (este ano tamén foi cousa do restaurador) que conta co privilexio de ter cupo na elitista adega de Vega Sicilia.

A virtude do encontro ten alicerce no feito de que non nos convoca nada especial. Nin a data ten que ser especial, porque muda segundo o ano e porque non conmemoramos ningunha efemérides. Nin o xantar ten que ser especial, porque queda ó dispor do “chef” e porque normalmente adoita ser un arroz con lumbrigante que a min me leva a elixir un menú alternativo, non tanto polo lumbrigante, canto polo arroz, do que xamais comín un grao, nin penso comer mentres viva.

Ora ben, o que si é fixo, é o lugar onde quedamos emprazados. Un lugar que seguramente xa coñece, querido lector –e, se non, recoméndolle que o visite- e que está aberto no mesmo corazón do Parque do Xurés (Lobios) -a carón da estrada que leva cara o “máis alᔠde Portela d’Home- dende o ano 1930 en que o avó de Javier -o seu actual propietario- se achegou a estas terras procedente do municipio de Amares (Portugal) –de aí a súa denominación- para traballar nas minas das Sombras, aínda que logo, na compaña da súa muller, mudou o sacrificado traballo da extracción do wolframio polo da atención ós feirantes e viaxeiros que facían tal percorrido seguindo os pasos da vella Geira.

Nantronte “celebramos” tal cerimonia e xa quedamos emprazados para a do ano que ven, porque, como dixen ó principio, non hai máis grande pracer ca xantar, beber –moderadamente- e conversar cun feixe de amigos daqueles temas que o viño vaia ensarillando, nun santuario do bo trato e do bo xantar, como é (aqueles que xa teñan estado non me deixarán mentir) o restaurante Lusitano.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES