Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fotos antigas

lunes, 11 de enero de 2010
Adoro as fotos antigas, esas fotos que despertan recordos, que cando as vemos nos transportan a outros tempos, aínda que non nos afecten nin coñezamos ós que nelas figuran.

É encomiable o traballo do “Instituto de Estudos Chairegos” na recuperación de fotos antigas vilalbesas, onde sempre atopamos xente á que lembrar, moitos deles vivos pero moi diferentes en idade, que nos amosan esa Vilalba que permanece na memoria dos máis vellos, totalmente descoñecida para a maioría dos vilalbeses.

Eu supoño que o entrañables que nos resultan esas fotos solo funciona cunha determinada idade, porque nos transporta a un tempo que identificamos, que lembramos, que nos di algo. Por outra parte, para a xente nova, esa sucesión de fotografías pode resultar unha antigüidade, dependendo do nivel de sensibilidade de cada un o impacto que poida producirlles.

As fotos antigas son un xeito de recuperar a memoria, e pareceume moi ben a iniciativa do xa mencionado “Instituto de Estudos Chairegos” cando nunha exposición destas fotos antigas solicitaba a colaboración do público para a identificación de algunhas persoas que resultaban descoñecidas, pensando que a lembranza de cada un pode facilitar pistas para localizar persoas que deste xeito non caerán no esquecemento definitivo.

Eu conservo un agasallo que se me fixo dunha memoria dixital na que figuran perto dun cento destas fotografías antigas, que son outros tantos documentos que algún día terán que figurar conxuntamente nunha publicación que escriba a crónica do século XX vilalbés.

Algo así ven de publicarse no Ferrol, onde o concello ven de promover unha exposición e un catálogo con motivo do cento cincuenta aniversario da cidade, a partir da exposición “a fotografía decimonónica”, que abarca desde 1858 a 1904. Algo así está facendo o Centro cultural Ignacio Rey Stolle de Bazar, en Castro de Rei, do que segue a ser alma mater, trinta anos despois, o noso compañeiro Luis Veiga Veiga, que ven de organizar a exposición “As fotos da nosa vida”, para lembrar “tal como eramos hai noventa anos”.

Son oitenta fotografías antigas conseguidas por este Centro Cultural, que permiten recoller o pasado para trasladalo ó futuro. Toda a parroquia se involucrou nesta iniciativa, cedendo fotos que doutro xeito durmirían o sono do esquecemento en calquera caixón, sendo unha exposición aberta que segue a agardar pola colaboración dos veciños para seguir medrando en beneficio de todos.

Algunhas das fotos quedarán no centro cultural expostas de xeito permanente para lembrar a iniciativa e provocar a recuperación da moita riqueza visual que siga existindo nas diversas casas da comarca.

Parece chegado o momento de valorar aínda máis o papel da fotografía. De sempre se evidenciou a súa importancia, e a historia haberá que dividila en antes e despois da aparición da imaxe, sen esquecer esa máxima interesada de que unha imaxe vale máis ca mil palabras.

Pero agora de repente comprobamos o que vale a fotografía para cada un de nós, para unha parroquia, para unha vila, para gardar memoria colectiva. É unha riqueza impagable, e autoridades e particulares, todos, faremos moi ben en conservar fotos antigas, cuidalas e admiralas e, cando chegue o momento, saber cedelas para reproducilas e poder utilizalas en beneficio de todos.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES