Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha gran banda

martes, 29 de diciembre de 2009
Aínda que sei dela dende a súa fundación e nalgunha ocasión tiña oído algunha gravación, non tiña -ata o de agora- escoitado “on live” (é dicir, en vivo e en directo) á Big Band que patrocina a Deputación provincial de Ourense e que está constituída por preto dunha vintena de excelentes músicos ourensáns ou que desenvolven a súa actividade musical dun xeito principal en Ourense.

Esta fin de semana, no marco da programación estival da miña vila e no entorno dunha case outonal Praza Maior celanovesa, gocei (nunca mellor dito) desta posibilidade por vez primeira e descubrín, unha vez máis, ata qué punto Ourense é farturenta na nobre arte de parir artistas.

Eu, que non lle coñezo máis sarillos á música cós que me entran polo mal dotado pavillón auditivo e alimentan de forma inconsciente os meus rexistros sensitivos, e que o máis que logrei facer con un instrumento musical foi aprender catro posturas mal dixitalizadas nunha guitarra adolescente, regalo de meu avó; pero que non sería capaz de acabar esta columna sen a compaña sonora dalgunha melodía, sentinme mergullado, esoutro día, no ambiente desta formación musical coma se estivese formando parte dela no escenario.

De tódolos colectivos musicais que ampara a Deputación non pasa por ser, nin moito menos, o máis coñecido, porque non é este –o de Big Band- o formato máis promovido nos conservatorios e nas escolas de música.

Sen embargo -e sen que con isto pretenda desmerecer ós demais-, non temo dicir ningunha arroutada se afirmo que é o colectivo de máis alto rango musical de todos eles. E que a Deputación faríalle un gran ben á música de Ourense se deseñara unha rolda de concertos desta magnífica Big Band polas cabeceiras comarcais, ou -indo un pouco máis alá- se lle organizase unha xeira por unha rolda de teatros doutras provincias.

¿Por que Ourense non vai poder contar cunha orquestra provincial –pregunto-, se xa a ten e soamente a ten que dar a coñecer ó nivel da calidade musical que atesoura?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES