Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Plan para a Terra Chá

viernes, 18 de diciembre de 2009
Os que queremos á Chaira, desexamos que esta comarca natural deixe de ser só unha referencia cultural e literaria para ter significación propia no eido social e, consecuentemente, no económico. Por eso coido interesante o proxecto que existe da promoción da Chaira conxuntamente, desde o punto de vista turístico, poñendo en valor as excepcionais riquezas que a comarca posúe.

Hai pouco, reuníronse os alcaldes dos concellos que desde hai anos comparten programas dotados con fondos comunitarios, correspondentes a Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, A Pastoriza, Guitiriz, Xermade, Muras e Vilalba. Non é exactamente a comarca que aprendimos a querer hai tempo, xa que daquela non estaba Muras e si estaban Rábade, Outeiro de Rei, Friol, Pol e Meira, totalizando trece concellos.

Sexan nove ou máis, o certo é que estes concellos teñen caracteristicas comúns e moito que sumar e aportar a iniciativas promocionais conxuntas se, como se pretende, se afronta un plan de desenvolvemento turístico, que fixe poboación no noso rural e proporcione recursos económicos ás xentes da comarca. Un plan de desenvolvemento, enfrontando con saber e con gañas por parte dos concellos integrantes e co apoio doutras institucións e administracións podería facilitar unha oferta turística de primeira orde, situando a Chaira no centro do turismo provincial.

Sen que esto pretenda ser un inventario senón unha mención de pasada, pensemos nas rutas da auga que se poderían confeccionar ás beiras do Río Miño desde o seu nacemento ata chegar a ser o gran río dos galegos, os lugares de interese comunitario do Ladra e do Parga, as lagoas de Cospeito, de Caque e do Ollo, as augas mineromedicinais de Codesido, Guitiriz e de Pardiñas.

Pensemos na gastronomía e atoparemos o capón, o roscón e o queixo de San Simón en Vilalba, a torta de millo en Guitiriz, as patacas e os grelos en toda a comarca. E as numerosas casas de bo comer, e no inverno o Belén de Begonte para visitar, e as romarías, as festas patronais, innumerables elementos e motivos que deben figurar nun colectivo Plan turístico da Terra Chá.

Hai 1 parador, 1 balneario, cinco hoteis, 1 camping, 11 casas de turismo rural, 2 apartamentos, 4 hostais e 22 pensións, cun total de arredor de mil prazas de aloxamento na comara.

Ademais dunha grande riqueza paisaxística, está a monumentalidade da comarca con mámoas, túmulos e necrópolis de perto de cinco mil anos de antigüidade, máis ou menos coincidentes do apoxeo da civilización exipcia, con abrigos nos que vivían os nosos devanceiros de hai arredor de quince mil anos, destacando dous museos -Viladonga, en Castro de Rei e Vilalba- onde poder facer fincapé no noso pasado histórico e, polo que ó de Viladonga se refire, visitar un dos mellores castros de Galicia en continua exploración e conservación. Sen esquecer outro museo vivo como é o de Victor Corral, en Baamonde, coa magnífica obra deste escultor chairego.

Dos monumentos hai que salientar os centos de capelas, humildes e fermosas, de toda a nosa xeografía; os cimiterios coroados polas cruces talladas polos canteiros de Román, tendo como sen igual punto de referencia o castelo vilalbés, hoxe parador de turismo, que conserva nas alturas o mellor punto para otear as profundidades da Chaira.

O Alcalde de castro de Rei, Xoán Xosé Díaz Valiño, abogou porque a Terra Chá non fose somente un lugar de paso entre o centro da provincia e a costa lucense, senón que fose punto de destino. Quizais aí atopemos o punto de referencia definitivo: conseguir que a Chaira sexa punto de destino, onde xurdan iniciativas turísticas, culturais e sociais, e onde converxan os visitantes a ver, escoitar e mercar; a contemplar o mundo desde unha perspectiva diferente, dándolles motivos para vir e estar, para recoñecer as nosas diferencias e as nosas potencialidades, e para transformar en negocio moito do que temos e ofrecemos gratuitamente, para poñer en valor todas as nosas potencialidades e moitas das nosas xentes poidan vivir de traballar neste sector.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES