Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vale máis acender unha pequena luz, do que maldicir as tebras

viernes, 18 de diciembre de 2009
SI.- Eu acredito nisto: VALE MÁIS ACENDER UNHA PEQUENA LUZ, DO QUE MALDICIR AS TEBRAS.
Fronte á furibunda campaña actual de destrución da nosa querida lingua e cultura galegas eu quero neste Nadal, e sempre, ir acendendo pequenas luces de futuro e de esperanza.
Velaquí un cartaz apropiado para os nosos templos. Xa é antigo. É dos anos 80. Non llo copiamos a ninguén. Nin xurdiu con polémica. Naceu dentro da Igrexa e para pór nas nosas Igrexas. O orixinal é de Tori, D. Victorino Pérez Prieto.
Pódense facer fotocopias e repartilo para que se lle dean cores e logo faise con el unha boa catequese de como Deus tamén apousa hoxe connosco. Os nenos saben facelo moi ben. Si. Conviría darlle cores bonitas e axeitadas. Difundámolo.
"É domingo, día de festa, día do Señor, e El fala coma nós. E o Verbo fíxose carne. A Palabra de Deus encarnouse e segue a encarnarse en cada tempo e lugar.
A PALABRA DE DEUS TAMÉN ACONTECE HOXE EN LINGUA GALEGA. O GALEGO TAMÉN VOS É COUSA DE DEUS. DEUS ENTÉNDENOS EN GALEGO. DEUS FALA GALEGO. Mellor: Nós falamos coma El, GALEGO. E LOADO SEXA DEUS. Se El non se avergoña de nós, por que aos “deusiños” que nos gobernan lles fica pequena a lingua e a cultura e se volven perseguidores como fixeron con Xesús?
Por certo, e el terá algo que ver o de GALILEO con Galicia? Naturalmente. Os entendidos fálannos da raíz común Gal-, que une as diversas Galizas do mundo.
Os soberbios e perseguidores de Xesús aldraxárono dicíndolle que dalí, de Galilea. non podía saír cousa boa. Hoxe estase a repetir connosco a mesma historia por parte dos actuais gobernantes, deses que foron elexidos para protexer o noso mellor patrimonio espiritual: A lingua. Tamén as elites soberbias berran a súa proclama destrutora: O noso non vale para nada.
Non teremos todos que estar a render contas moi serias de ter cooperado desde a Igrexa cos destrutores do de nós? Non somos nós mesmos tamén deses perseguidores? Por que temos eses complexos? O Concilio Pastoral de Galicia, literalmente, di así:
"11.1.- O Concilio Pastoral de Galicia pídelle a todos os cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa especifica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por ende, coa evanxelización."

Os do Concilio Galego non eran ningúns tolos, nin "políticos", nin extremosos. Se de algo pecaban era de seren excesivamente conservadores e abondo timoratos. Nós como Igrexa de hogano, sentímonos comprometidos coa nosa lingua? Estámolo a facer con seriedade e responsabelmente?
Don Miguel Anxo Araúxo foi un daqueles bispos dese noso Concilio Pastoral de Galicia e el cumpriu. Mesmo por iso sufriu persecución política, e tamén desde dentro da Igrexa e dos eclesiásticos. Podo testemuñalo persoalmente. Era por maio, Festa da Pentecoste do 1975. Pero el era crente, coherente, consecuente e comprometido e por iso falou e falou palabras de vida. Acendeu a súa luz. E o seu brillo segue aí coma un facho ben esplendoroso naquela súa Pastoral a prol da nosa lingua e cultura:

"A FE CRISTIÁ ANTE A CUESTIÓN DA LINGUA GALEGA".

Benia á súa teoloxía e ao o seu compromiso de home de Deus.
"Vós sondes a luz do mundo. Vós sondes o sal da terra". VALE MÁIS ACENDER UNHA PEQUENA LUZ, DO QUE MALDICIR AS TEBRAS. Mil primaveras máis para a nosa lingua, querido Cunqueiro!

Feliz Nadal e bo Ano 2010. Que o Xacobeo sexa de verdade e non só folclórico.

Saudiña para todos e todas. Unha aperta.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania