Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Excomuñón e herexía

jueves, 19 de noviembre de 2009
Dende a Marronda: Excomuñón e herexía

O portavoz da Conferencia episcopal española, monseñor Martínez Camino, vén de afirmar que aprobar a coñecida como Lei do aborto é unha “herexía” e leva consigo a “excomuñón”. Son palabras maiores e con moita historia conflictiva ao longo da historia. O étimo herexe, do grego hairesis, significa doutrina, partido, é dicir, o que abraza un partido ou opción contraria aos dogmas de calquera relixión establecida, para un protestante ou para un ortodoxo grego, o catolicismo tamén é unha herexía.

Creo que as expresións de monseñor Camino necesitan algunha precisión, sen entrar para nada nun asunto tan sensible e esvaradío coma é o do aborto. Tentarei facelo dentro de brevidade que impón esta comunicación.

O Código de Dereito Canónico di que”se chama herexía a negación pertinaz, despois de recibir o bautismo, dunha verdade que se ha crer con fe divina e católica, ou a dúbida pertinaz da mesma” (canon 751). Daquela, a herexía non é un acto de desobediencia a unha decisión do bispo ou do papa, nin tampouco “insubmisión” ás orientacións dos bispos, non se refire á “obediencia aos bispos”, senón á aceptación da fe divina e católica, ou sexa, o que Deus revelou e a Igrexa propón como tal (Concilio Vaticano I), polo tanto, o aborto soamente sería herexía se se considera coma unha verdade de fe divina e católica. De certo que Deus prohibe matar, non soamente aos non nacidos, senón a todo ser humano, pero a Igrexa nunca declarou herexes aos que admiten a pena de morte ou a aqueles que provocan guerras con milleiros de mortes, aínda máis, durante séculos os clérigos consideraron coma un deber condenar a morte a herexes, homosexuais, infieis, bruxas e meigas.

Sobre o momento no que un embrión empeza a ser “un ser humano” non hai consenso nin na comunidade científica, nin na comunidade de crentes. Polo demais, o Parlamento non vai impoñer a obriga de abortar, unicamente vai regular para crentes e non crentes, para cidadáns, as condicións nas que as mulleres que decidan interromper o seu embarazo poidan facelo en circunstancias menos perigosas, traumáticas e inhumanas.
O canon 1331 do Código de Dereito Canónico entende por “excomuñón”a privación da comuñón sacramental, participar en cerimonias de culto sagrado e desempeñar cargos eclesiásticos. Xesús nunca excluíu a ninguén da súa mesa, nin tan sequera a Xudas. Xa nos primeiros séculos da Igrexa introduciuse o costume de prohibir a comuñón a pecadores “escandalosos”, é dicir, públicos e notorios, non consta que a “vida privada” dos cristiáns fose motivo de exclusión da Eucaristía. Parece evidente que a interrupción do embarazo nos comezos da xestación hai que situalo no ámbito da privacidade da persoa.

Nun asunto tan complexo hai que escoitar aos entendidos en bioloxía, en medicina, en dereito e noutros campos do saber. Como é lóxico, eu limítome a expoñer, de forma bastante elemental e seguindo voces moi autorizadas, o sentido dalgúns termos que se manexan na declaración de monseñor Martínez Camino.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES