Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anisia Miranda

martes, 27 de octubre de 2009
Anisia Miranda Todos os galegos asumimos que Xosé Neira Vilas é un dos máis sensibles intérpretes da nosa alma e do noso ser. Pois moi posiblemente Neira Vilas non chegaría a ser o que é se non tivese ó lado a Anisia Miranda.

Ela naceu en Cuba, filla de emigrantes galegos, e tiña asumido tan firmemente o seu carácter de galega que despois dunha ben longa estadía en Cuba o matrimonio ficou na pontevedresa poboación de Gres, onde Xosé nacera, e onde radica a Fundación Xosé Neira Vilas da que Anisia era vicepresidenta.

Dicímolo en pasado porque Anisia morreu o pasado xoves, ós 76 anos, case sen notalo, despois de cincuenta e dous anos de vida con Xosé.

En Cuba, era cubana. Pero todo o mundo sabía da súa galeguidade. Entre os cubanos era unha grande escritora. Entre os galegos, seguíao sendo pero era moi forte a presencia poderosa de Neira Vilas, o máis importante escritor galego que nos queda vivo na actualidade.

Anisia e Xosé compoñían unha estampa familiar para a historia, cun lugar ben gañado en vida entre os grandes da cultura e da escrita de Galicia. E en cada acto que participaban, só coa súa presencia, enchíano de sentido e humanidade, e daban calor a calquera celebración.

Na despedida a Anisia Miranda hai que lembrar a súa vocación galeguista, manifestada desde a mocidade; o seu traballo na emigración creando, xunto co seu home, a editorial Follas Novas; os numerosos premios conseguidos en todo o mundo, polas creacións literarias ou a solidariedade, e a serena presencia na madurez –xa en Galicia- arroupando o traballo e a traxectoria vital de Xosé Neira Vilas.

Quédanos orfo o inmorrente autor das “Memorias dun neno labrego”, pero sempre estará con el e connosco a grande figura matriarcal de Anisia Miranda, galega por sempre, exemplo de galeguidade xurdida na emigración na que todos teremos o exemplo perfecto de amor á terra.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES