Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Las niñas ya no quieren ser princesas

viernes, 23 de octubre de 2009
E os rapaces? Os rapaces non perseguen sonos de exploradora, médico sen fronteiras, bombeira ou astronauta. Empurrados polos pais e pola nai televisión queren ser como Beckam, o personaxe máis influínte en toda a historia da Humanidade, segundo o estudio sociolóxico dunha universidade inglesa. No segundo lugar desa enquisa hai outro campeón da intelixencia humana, da grandeza política e do compromiso social: un tal Brad Pitt.

Obnubilados polo arrecendo efémero da beleza e polo brillo infame dos cartos, ‘los niños y las niñas’, os rapaces e as nosas pequenas renunciaron a soñar e loitar por un mundo mellor para todos, unha sociedade máis solidaria, un reparto máis xusto da riqueza, unha utilización máis ecolóxica dos recursos dun planeta esquilmado.
Renunciando á heterodoxia imprescindible, a nosa xuventude é tan politicamente correcta como asquerosamente ortodoxa.

E os adultos? Os adultos, pais de familia agobiados, nais de familia despistadas, laiámonos de que as nosas crías amoblen o seu ocio co ruído do alcohol, co kepchup estupidizante dunha televisión de xulgado de garda e de obediencia ovina. Á falta de libros de fadas onde as nenas soñaban con ser princesas sempre nos quedará o castelo dourado, o bosque tenebroso da televisión (ningunha é privada: o espacio é de todos). O dragón mediático das sete cabezas segue empeñado en mostrar o peor de cada familia, o vilán que todos levamos dentro.

Vivimos tan a présa que non temos tempo de percatarnos de que esta mocidade reflicte como un espello os nosos comportamentos, o mundo invivible que fumos construíndo: un caixón de xastre no que moi poucos están a gusto.

Vendemos mellor a Beckam que a Platón. Admiramos a Brad Pitt infinitamente máis que a Fleming, ese ‘pailán’ que din que inventou a penicilina (¿qué cousa é iso da pinecilina?) Calquera idiota sacado da carpa decrépita dos programas de prime time ten máis predicamento que Mahatma Gandhi. Postos a elixir entre Eminem e Xesucristo, a cousa non ten color: o rapeiro vende máis CDs.

A pesares de todo, cómpre non mirar a realidade como miran os burros con orelleiras que ven tan só o que teñen cerca e diante dos ollos. Certamente hai unha mocidade ancorada na indiferencia. Vivindo no presente e negándose a preparar o futuro semellan atoparse a gusto usufructuando o traballo durísimo de quenes manteñen o estado do benestar. O froito amargo é o fastío de quen malgasta o tempo, a indiferencia ante todo compromiso social e a falta de piedade ante as traxedias e o sufrimento que golpea no lombo dos desprotexidos. Pero hai outra mocidade que fai a súa revolución no silencio das bibliotecas, que aprende a exercer a cidadanía entregando parte do seu ocio ós outros, que amobla a súa intelixencia coa boa rutina dos libros, do estudio e das clases, que descubre traballando cada día xacementos de riqueza para mellorar o mundo nese cofre do tesouro que é o cerebro humano, ou que aprende a resistir á dor e a enfrontar o sufrimento colgado da parede dunha montaña.

Así pois, depende de onde enfoquemos o ollo da cámara para non ter que repetir aquilo de que “a xuventude está podre ata o fondo da alma. Os xoves son pérfidos e neglixentes. Xamais se parecerán ós de outros tempos. A nova xeneración non saberá conservar a nosa cultura”, tal e como escribía un sacerdote da época de Hammurabi. Xa saben, no século XVIII antes de Cristo, hai case 4.000 anos.

Coa voz rota pola noite, pero sazonada pola vida segue cantando Joaquín Sabina que as nenas xa non queren ser princesas, e podemos ler o futuro de moitos rapaces nos posos de desesperanza dun vaso de xenebra. Non é mal castigo para unha sociedade que exiliou as fadas. Nacidas para manter vivos os soños, dormen a mona na alta madrugada das noites de viño e rosas que manteñen en pé a nosa economía.

Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES