Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nonne galleciae linguam louatur Deus? Etiam

jueves, 22 de octubre de 2009
Estiven na manifestación do domingo dia 18 en Santiago. Ía coa idea de observalo todo e, subido nun altiño na Praza de Galiza, estudiei detidamente todo o discorrer desa grande maré humana. E fíxeno de cabo a rabo con ollos de sociólogo e de investigador social. Non quixen perder ripio para que logo non me conten mentiras.

Procurei cargarme previamente de obxectividade, sen deixarme influír polo entusiasmo, que era doado, nin tampouco polo pesimismo que tampouco é difícil, tendo en conta o poder e a rabia que teñen os nosos dirixentes actuais.

Moitos interrogantes pasaron pola miña vida ese día.

Non alcanzo a saber por que nos odian tanto a nós, como pobo, a toda a nosa cultura milenaria e a nosa lingua. Non teñen razóns. Teñen odio, xenreira, complexos. E iso forma parte dos sentimentos, do mundo do emotivo. E aí xa nos movemos por paixóns e intereses, non por razoamentos. Pero por iso mesmo son moito máis perigosos.
Como por outra parte son soberbios, están incapacitados para escoitar. Son mesías. Enviados. Salvadores. E que Deus nos libre dos tal. Xa Don Francisco, o Sr. Bahamonde, se descubriu a si mesmo coma o paladín dos salvadores na Cruzada de Liberación Nacional. E tivemos 40 anos de “salvación”. Canto se lle parecen estes! Se non fose que estamos na Comunidade Europea, repetirían o esquema. Os razoamentos son ben iguais.

Subido naquel podium vin dous valores encontrados: Un pobo sinxelo, chegado de todas as Galizas, que nun tono festivo, algareiro e pacífico, sen maldade e case suplicante, reclamaba respecto para os seus antergos e para o herdo sagro que a eles os identificou: A nosa fala.

Nesa nova Alba de Gloria eu tamén fun vendo desfilar a todos os meus anteriores, humillados e esquecidos, e os improperios que están escritos con sangue e bágoas nas vidas das miñas, das nosas e das vosas xentes. Tamén na das deles. Paradoxos da existencia: Hable en Cristiano. Sea civilizado y hable castellano! Ustedes son analfabetos, cállense! Ni hablar saben, sólo ladran. No sea patán. Aldeano!...

Eu de neno vin chorar a miña tía Sabela e tamén ao tío Antón de Agramonte diante daquel funcionariño aproveitado e posto a dedo, miliciano de pró, que na feira de Parga se valía do seu carguiño para meternos medo. E, abofé!, vaia se o conseguía.
Pasaron moitos anos. Xa case o tiña esquecido, polo menos tíñalle aplicado o cauterio da historia: O tempo xa pasado. Sempre oín dicir que o tempo borra todo. Pero o tempo tamén volve a memoria case todo. Que mágoa!

Estou a ver de novo o mesmo estilo, a mesma agresividade, a mesma tolemia. Dos nacidos de entre nós. Executores enrabiados dunhas afrontas que ninguén lles fixo. A grande xustificación: Ía no noso programa electoral e cumprirémolo, din co peito inchado.
Realmente é para terlles medo! Porque, ... si. Estes, coma aqueles, estes cumprirán! Son da mesma escola.

Despois de dúas horas de facer mirada sociolóxica, funme achegando á Quintana e topei coa Porta Santa, entrada multisecular de peregrinos. Estaba fechada. Aínda non é o ano da perdoanza.

Dende Praterías entrei no gran Santuario. E alí tiven outra visión. Xentes vindas doutros lados, alleas ao que nos estaba a pasar. Non entendían case nada. E teñen razón e motivos. Porque tampouco nós o entendemos.

Pasou un cóengo e tamén algún dos de seguridade. Anunciaron algún culto. En voz baixa alguén estaba a queixarse do barullo perturbante dos manifestantes da rúa.

Sentei nun banco e recei. Eu son crente. E pregunteille a Santiago de que lado estaría o seu e meu Mestre San Xesús de Nazaré. Aló no corazón, díxome el: Vaite onda o Mestre Mateu e faille a pregunta inicial: NONNE GALLECIAE LINGUAM LOQUATUR DEUS?

E decateime que o mestre Mateo falaba galego e díxome: Daquela Deus tamén falaba galego. “ETIAM”, me dixo rexamente. E esta Catedral estaba chea desta fala que era a súa propia e tamén a de Deus.

Entón sentín bagoar os meus ollos ao constatar: Hai moito que a nosa Igrexa, os eclesiásticos, nos abandonaron no falar.

E Deus tamén nos abandonou? E non souben contestar. Anque me parece que non. Penso que el non está de acordo con esta persecuzón. Deus vai falando no tempo. Pois Deus dirá. Si. Deus dirá. E nós tamén, pero logo non lle botemos a culpa a El.

Este día en Compostela o pobo falou. E Deus tamén falou polo pobo en plena rúa e ao pé da Porta Santa puxando por entrar.

Abrirán?
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES