Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Vates, Crebade as liras!

viernes, 09 de octubre de 2009
O insigne bardo, Manuel Curros Enríquez, poeta que nace en Celanova (Ourense) no ano 1851 e morre na Habana no 1908 cumpríndose o ano pasado o primeiro centenario da súa morte, publica por primeira vez no “Diario de Lugo” o poema que leva por título “¡Vates, crebade as liras!”o día tres de decembro do 1880, que aparecerá máis tarde na segunda edición de “Aires da miña terra”, poema no que Curros define a ética da súa estética, e no que entre outras cousas di:

A patria morre. ¡Malia
o fillo que a non mira!

E nós miramos o galego coma campá tanguida polos nosos ancestros ecoando nos vales, nos tesos montes e nas fragas, mais unha ameaza de morte cingue o badal duns políticos que tocan as campás do falecemento lingüístico nun asasinato urdido polos teimosos da convivencia, polos intransixentes dos sons, polos globalizadores da uniformidade arrepiante dos votos, e esixenlles tal e como escomeza a cuarta estrofa ameazante de intencións do noso eximio Curros

Non, feita está a pormesa
e menester cumprila

É menester cumprila para sembrar con sal os eidos dos ancestros cal Escipión fixo cos cartaxineses nas Guerras Púnicas; si, é mester para algúns rematar coa nosa identidade para que non agromen as flores da primavera no campo marondo, para que os crisantemos da campía do camposanto se murchen nun novembro arrecendente a flor de defuntos para que os seus fillos non articulen as vogais abertas á concordia e pechadas ó fanatismo e á intolerancia; mais, aínda que a “virxe poesía” clame desalentada “¡Vates, crebade as liras!”, quedará sempre o que o noso poeta chairego Manuel María nos dixo:
Renunciade a vella lingua
-aínda que non sei como
faredes pra borrar ese
oscuro acento delator-
e quedaredes capados:
sin as palabras precisas
pra aquecer o corazón,
pra expresar de verdade
o que vós sodes.

Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES