Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un libro que paga a pena ler

jueves, 01 de octubre de 2009
Dende a Marronda: Un libro que paga a pena ler

Alvilares Moure, Xosé: Aínda é de noite. Literatura galega do século XIX e cristianismo. Edit. Sept, Vigo 2008, 216 páxs.
En castelán está publicado en Nova Utopía


Alá polo ano 1969 en Ediciones Marova (Madrid) apareceu o libro de Alvilares ¿Proceso a la Iglesia Gallega? Nel pretendía percorrer a historia da Igrexa na literatura galega e determinar qué trazos e características presenta a Igrexa nos escritores galegos, principalmente en Rosalía e Curros. A crítica anticlerical presente nesta literatura podería servir para sinalar os cambios e as reformas requiridas na igrexa que daquela encontraban un clima favorable despois do Concilio vaticano II Agora volve, como el mesmo di, á mesma literatura, pero non de todo ao mesmo tema, ademais, dende aquela, cambiaron abismalmente tanto o mundo coma o lector. A reflexión do autor céntrase no que el mesmo denomina “cristianismo esencial” -Evanxeo- para distinguilo das formas culturais, temporais e transitorias, nas que se ten expresado -Igrexa.
Ábrese o libro cunha presentación que o autor denomina Propósito na que se formulan unha serie de reflexións que serán algo así coma o miolo da obra e servirán de fío condutor e xustificación das tres partes que compoñen este libro.
Na primeira parte analiza o lugar que o Cristianismo ocupa no angustiado mundo interior de Rosalía, “noite que nunca se acaba”. En Rosalía dáse unha íntima identificación e comuñón entre xente e terra como ámbito de convivencia, algo que na súa vida persoal nunca puido conseguir, porque orfandade e incomuñón foron algo coma unha negra sombra que sempre a envolveu. Esa ausencia de comuñón tamén a descobre Rosalía na Igrexa que non aparece como comunidade fraternal, senón como un lugar de culto relixioso mercantilizado, refuxiada nunhas prácticas relixiosas farisaicas insensible aos sufrimentos dos pobres.
Na segunda parte da obra, Alvilares contrapón a poesía da sociedade de Curros, poeta social, coa poesía da intimidade e da soidade de Rosalía, afirmacións que considera necesario precisar.
Curros é o poeta máis anticlerical de Galicia, pero non pode identificarse anticlericalismo con anticristianismo, Curros ataca unha igrexa que detenta un poder social e político de corte feudal e absolutista, as denuncias de Curros non van contra o cristianismo, son máis ben, clamores éticos que protestan contra os que instrumentalizan a idea de Deus a prol de manter unha orde opresora do pobo.
Os tres poemas (a Igrexa fría, Mirand’o chau e Pelegriños a Roma) que motivan a condena eclesiástica de Curros, porque, segundo o ministerio fiscal fan mofa e escarnecen o sagrado nome de Deus, son analizados con certo detemento polo autor que conclúe máis “ca dunha ferinte negación de verdades cristiás era primordialmente unha denuncia irritada -e irritante- duns modos de vivila”.
O empeño de Curros é ético, comprométese responsablemente para transformar o mundo, porque os valores morais vixentes na sociedade do seu tempo son un carnaval, el sente coma unha tarefa continuar a obra de Deus, porque “Dios a quen prougo deixar moitas cousas incompretas impúxolles aos poetas o deber de as terminar”.
Segundo o autor o testemuño de Curros non resulta nos comezos do século XXI de todo inactual, “porque esta Igrexa non deixou de ser, de todo, unha sociedade clerical, non se converteu, como se prometía, nunha comunidade de membros activos e libres. Non logra prescindir de todo das súa vellas alianzas”.
Cuestións sobre o cristianismo é o título da terceira parte do libro. Neste apartado o autor fai unha fonda reflexión teolóxica, vital e existencial, que paga a pena ler con detemento e interese. O Cristianismo ou se prefire, os cristianismos,di o autor, son os modos como os homes, en tempos e lugares distintos, responden á chamada que constitúe o evanxeo de Xesús, que non é un ditado, senón unha inspiración, unha luz sobre a realidade. Non reflicte o invisible, senón que permite ver.
En “Aínda é de noite”, Alvilares intenta pensar o Cristianismo en diálogo cos escritores galegos do século XIX, en especial, con Curros Enríquez e con Rosalía de Castro. Ao longo deste diálogo está moi presente a linguaxe metafórica e poética para falar de Deus como facía Xesús por medio das parábolas. Tanto desta linguaxe poética coma dos poetas mostra, Xosé Alvilares, unha extraordinaria sensibilidade e coñecemento.
No desenvolvemento da temática do libro aparece un rigoroso coñecemento da historia, da sociedade e do pensamento filosófico e teolóxico encarnado na realidade galega que explican, e, mesmo condiciona os diversos tipos de cristianismo manifestados ao longo da historia.
Coma toda a producción en galego do autor, “Aínda é de noite”, está escrito nun galego fluído, ameno, claro, conciso e de rico léxico. É unha desas obras que honran e prestixian unha lingua.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES