Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Galiña azul non está choca

jueves, 27 de agosto de 2009
Normalmente todas as persoas temos preferencia por algunha cor, tales preferencias están determinadas por razóns máis ou menos conscientes e mesmo polo inconsciente.

O Conselleiro de Educación, don Jesús Vázquez, vén de cambiar o nome e a imaxe das Galescolas, que en adiante aparecerán como Galiña azul. O señor Vázquez, economista de formación, igual sabe, porque é un rapaz listo e aguzado, que a cor é unha parte do espectro lumínico, en definitiva, enerxía vibratoria, algo que para os profanos significa tanto coma a transcentalidade do ente ou as procesións ad intra na Divina Trindade, é dicir, nada.

Pero o inconsciente é moi traidor e, con frecuencia, moi clarificador. Non cabe dúbida que no PP existe en moitos dos seus membros unha fonda e nostálxica querencia polo azul, cor que por outra parte suxire uniformidade, quietude, infinitude desnaturalízante e carente de agrado segundo dixo Aristóteles, seguramente por iso di que hai que cambiar, despolitizar e desideolixizar as galescolas e iso vaino lograr cambiándolles de nome e de logotipo. Non sei o qué entende este señor, político el, por política, salvo que siga os consellos do Caudillo de facer como el: non meterse en política. Pregunto eu, e logo, a actividade que desenvolve o citado economista non é política?, acaso é militar? Despolitizar, señores Conselleiros, dise cando unha persoa, grupo, asunto ou reunión perde o contido político, pero namentres sexamos membros da polis faremos política.

As ideoloxías, señor Conselleiro, non son malas, se tal como se entende no mundo do comportamento social consideramos que a ideoloxía é o conxunto de ideas que definen e xustifican un corpo doutrinal acerca do comportamento humano na sociedade. Non pretenderá vostede desarmar ou descerebrar aos seres humanos?

En consecuencia, desideolixizar como finalidade dun sistema educativo aparenta ser moi grave, pois a escola debe espertar e fomentar ideais, capacidade de análise, compromiso para crear mediante actuacións políticas un mundo máis solidario e xusto, en definitiva, dar razóns, motivos e argumentos para ser un cidadán responsable. Desideoloxizar non consiste en condenar as ideoloxías, como fan moitos cidadáns simplificando a súa responsabilidade, senón en conservar a liberdade de xuízo para realizar unha crítica dos postulados para unha maior evidencia dos contidos de verdade.

Outra cousa,que non quero nin pensar, é se esa preferencia polo azul non esconderá ideais “joseantonianos” de levarnos a esa unidade de destino no universal mediante comportamentos gregarios, exentos da mínima capacidade de análise.

Dáme a impresión que os autores deste disparate ou non leron o precioso conto de Carlos Casares ou non entenderon absolutamente nada, pois a Galiña azul tiña ideoloxía, é dicir, un conxunto de ideas que xustifican o seu comportamento e non precisamente coincidente coa que trata de inculcar o señor Conselleiro. Era distinta, con personalidade, di “cocorocó”, ten plumas azuis, por iso o alcalde a quere prender, seguramente”por roja y separatista”, ¿sóalle esta expresión?

Onde está a o pecado de chamarse Galescolas? Acaso, non son escolas de Galicia? De onde lles vén a vostedes esa xenreira a todo o que alude a Galicia? De onde son vostedes? quen lles paga? Foron elixidos para seren un apéndice do PP de Madrid e da FAES ou como servidores das galegas e galegos e dos seus valores? Como goberno de Galicia soamente servirán a España se serven a Galicia, ambas moi por enriba do PP e de todos os Partido Políticos. Se vostedes se entregan a ese rancio e degradado españolismo, tan excluínte como repelente, serán unha fábrica de separatismo. Porque cando un grupo social ou político exclúe tamén se exclúe ao mesmo tempo a si mesmo.
Non queremos ser uns estranxeiros na nosa Patria, na nosa Terra, nin ser unha colonia humillada. Gañar unhas eleccións non concede dereito de pernada e moitos votantes do PP queren seren galegos e viviren como tales. Respecto para todos os galegos e para todas as galegas. Se somos algo e porque somos galegos, e somos galegos porque temos unha lingua, unha cultura, un territorio, unha paisaxe e unha sensibilidade distinta.

E con estas particularidades sentímonos solidarios con todos os pobos de España e partícipes dos seus valores e da súa cultura, que tamén consideramos nosos. Se vostedes se queren separar, xebrarse, é cousa súa. En todo caso, que teñan boa viaxe.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES