Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Touros en Foz

martes, 04 de agosto de 2009
O 10 de agosto de 1969 (hai 40 anos), nunha tarde de domingo radiante de sol, tivo lugar a que acaso fose a primeira e última corrida de touros da historia da vila. A praza instalárase no prado de Ramos e o éxito foi total. A comisión aceptara o risco económico co fin de introducir na programación un número exótico que espertase a curiosidade das xentes, como así foi... Os destros foran Hilario Taboada e Alfonso Cela, parente de “Celita”, o mellor toureiro galego de tódolos tempos, e así o facía constar nos carteis. A novillada foi merecente de figurar nos anais da tauromaquia se atendemos ó insólito do seu desenvolvemento. Os instaladores do curro, como dixemos no Prado de Ramos, non cubriran o piso coa area característica, quedando ó alcance das xovencas a herba do prado, pouca pero abonda para que os animais se entretivesen en roer nela, co desespero dos novilleiros que non lograban chamar a atención dos cornúpetas, que erguían a testa, ollaban despectivamente ó desesperado toureiro, e seguían fozando no chan, alleos á súa obriga de turrar o trapo vermello, que o destro teimudamente lles amosaba. A falta de experiencia na organización de tales eventos propiciou algúns fallos que houbo que resolver sobre a marcha da mellor maneira que se podía, e así esqueceuse a previsión de contar con música en vivo para amenizar os lances afortunados ou anunciar os cambeos de tercio. Chegado o intre de comezar o espectáculo e detectado o fallo pretendeuse arranxalo pedíndolle á orquestra Radio da Coruña, que actuaba na festa, que desprazara algún dos seus músicos para cubrir a falta, pero esixían unha sobrepaga. Como a comisión non tiña un carto rexeitouse esta solución. ¿Cal, entón? Alguen tivo a xenial idea: que fose o gaiteiro de “Brisas do Masma”, grupo encargado de poñer a nota enxebre na programación musical, que realizase tal cometido. Suso de Mondoñedo, o polifacético gaiteiro, que non era “xentil e aposto” coma o de Penalta que describe Curros Enriquez, senon pequeno, repoludo e coloradiño, fiel devoto do deus Baco, viviu a experiencia insólita de amenizar, coa gaita galega, unha corrida de touros, na que os berros de ¡olé, olé! mesturábanse cos sons da muiñeira de Chantada. Posiblemente o único caso na historia taurina deste país.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES