Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os vellos do mundo

miércoles, 24 de junio de 2009
Neste mundo occidental, a ancianidade é xa unha denominación relativa. Cando eu era pequeno, hai medio século, a ancianidade comezaba ós sesenta anos, chamábase “terceira idade” e supoñía o pase a unha dimensión venerable cara á que os rapaces gardabamos un respecto infinito.

Ós do meu tempo educóusenos na obediencia ós “maiores en idade, dignidade e goberno”. E a ancianidade entendiamos que era a sublimación de ser maior.

Moito cambiou este mundo noso e a ancianidade resístesenos tendo agora que percorrer moita maior distancia que antano. E aínda que todo é relativo, e segundo se avanza en idade a denominación de “maior” vai variando, o certo é que agora non sabemos cando empeza exactamente a “terceira idade”, sendo quizais elemento máis decisivo o estado de saúde ou de conservación que a pura referencia temporal.

Claro que as miñas referencias son deste primeiro mundo en crise, que nada ten que ver cos outros mundos menos desenvolvidos e as súas crises permanentes das que moitas leccións poderiamos aprender.

En occidente suspiramos pola ancianidade, que supón descanso. E sen embargo non hai tanto tempo que en Galicia ancianidade moitas veces significaba desamparo, pobreza, esmola e soidade. Moitos vellos eran solitarios e lentos moribundos que agardaban pola parca benefactora que os xubilara da vida.

Se isto dura, a ancianidade galega ten garantida a continuidade da súa pertenza ó primeiro mundo. Deben preocuparnos os vellos que non pertencen a esta privilexiada zona, que son millóns en todo o mundo. Millóns de persoas conscientes das súas carencias como ninguén, porque a súa experiencia vital dilles ben ás claras todo o que se lles foi coa mocidade.

Senón todos, pensemos neles os que imos para vellos coa ledicia de sabernos coa vida asegurada. Bastante ten esta inocencia final de desenganos e traballos, como para ter problemas e miserias.

Imponse unha unión dos vellos do mundo. Posiblemente teñan -teñamos- moito que dicirlle ás novas xeracións que chegan con gañas de facer un mundo novo. Posiblemente poidan -poidamos- axudarlles a que ese mundo novo sexa para todos un mundo mellor.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES