Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Lume Novo

martes, 23 de junio de 2009
Chega o día en que se queima a noite. Eu fareino na miña Terra Chá, como é costume. Na casa dos meus. Chega o Lume Novo, a noite solsticial do San Xoán. Vai calor. Chegou o verán moi amodiño. Case que, nas noites, non o cremos e píllanos de súpeto un vento frío que nos fai estarrecer e aqueixarnos da gorxa que non rexe ben polas mañás. Pero chegar, chegou. Pois todos pensamos xa nas fogueiras, nos lumes, cacharelas, lumieras e centellas que, en forma de muxicas, han encher o ceo de pequenas esperanzas feitas charamuscas. E alí facer o encontro, cos nosos e nosas, ao redor das paparotas e os zumes que lle dan cor ás nosas vidas.
Da noite dos tempos chegan as fascinacións dun lume que nos deixa aparvados e nos fai cavilar. Un lume que nos queima as penas e que acende anceios. Que nos colle os ollos e os reclama, poñéndonos en tesitura de melancolía para soerguer sempre vitoriosos cara adiante. Sempre por riba dos agoiros que nos traen as caras novas.
Ardan nel as tantas penas, as tantas equivocación, os erros todos. Nunca comprenderán a luz os que, para non ver, os ollos pechan.
Que veñan a esta cerimonia antiga todos os traidores, e alí ardan. Mentres se deposita sobre nós o orballo da noite, coma un bálsamo máxico que alumea os días, acurtando as noites para chegar cedo ao amencer vital cheo de rosas, de pétalos e fiúnchos olorosos, de antídotos protectores contra o mal, da liberación que necesitamos. Que nos colla xuntos aos amigos, apeitando contra a dor, contra o sufrir. En forma de fonte manantía que devece en augas limpas e frescas, para acabar coas sedes. Que o lume preludie dunha vez a luz, na noite das faíscas incandescentes evocadas entre as nubes e no ceo canda as luces das estrelas e luceiros. Que sexan diamantes e espellen os desexos acendidos tamén no lume novo ata facelos chegar a onde cumpra. Que soen todas as gaitas arrolando os nosos soños nun compás de baladas entre a noite e a calor das labaradas, agardando tempos novos que vi
rán! E que alí onde esteamos, veña co lume a metáfora da calor que nos purifica queimando o que non vale e que vai vello. Que marche canda o fume nunha nube.
E, pola mañá, despois de ver bailar o Sol nos contornos do horizonte, que a auga daquelas fontes mananciais nos lave o corpo posuída de recendos misteriosos. Eses que aparten de nós os malos ventos.
Saúde e que o lume non vos queime.

Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES