Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cura Mato

jueves, 18 de junio de 2009
Chegou á nosa vida para quedar. E aí está, sempre novo, sempre sorrinte, sempre en pé de paz, o único crego da diócese que leva antes do nome o seu título máis prezado: Cura Mato.

Chegou a Radio Popular de Lugo cando a emisora era aínda unha nena. Eran finais dos anos sesenta, e nós coidabamos que -sendo a emisora do bispado- chegaba como director. Logo resultou ser Asesor Relixioso. Mellor. Mellor, porque eu non me imaxino a Mato negociando cos clientes, discutindo condicións laborais ou botando as broncas laborais habituais daqueles tempos.

Primeiro foi Don Jesús, logo Padre Mato, Cura Mato por fin. Mira que el daba facilidades, pero daquela non se usaba e tardei bastante en atualo. Corenta anos despois, leva media vida formando parte da miña familia. E do mesmo xeito que na Seguridade Social tes un médico de cabeceira, na miña familia o crego de cabeceira é Xesus Mato.

Teño por amigos diversos “especialistas”, magníficos, sufridos, traballadores e estupendos cregos que forman un curioso batallón para combatir contra a incultura, a insolidaridade, a pobreza e a inxustiza. Pero Mato é o de cabeceira.

A maioría de nós, na Radio, naqueles sesenta andabamos pola vintena de anos. Mato levábanos arredor de quince. Parecíanos moi maior. Agora as cousas están practicamente niveladas e somos xa da mesma xeneración coa salvidade de que Mato conserva intacta a ilusión, a fe e a boa fe, a ledicia. Segue a ser aquel mozo que veu a Lugo para quedar, primeiro como asesor relixioso e logo como amigo.

Era un cura raro. En Lalín andaba metido en músicas varias (fundara e dirixira coros e dera en construir vivendas para xentes sen recursos). E aquí dicía misas pola radio, andaba entre rapaces sempre con músicas, e escribiu un poema titulado “Fuxan os ventos” que orixinou a revolución máis importante na música galega do século XX.

Ademais, fundou Auxilia, que fixo máis pola redención das xentes con problemas físicos e psíquicos que todas as políticas de todas as administracións xuntas.

E hai un cuarto de século, Mato colgou a picaña dos traballos da curia e foi pronunciar un Sermón á Montaña. E segue. Vimos de editar un libro con cen colaboracións que falan del co gallo de cumprir os 75 anos de idade, 50 de crego e 25 na montaña. Pero sendo como é de teimudo vainos obrigar a que en 2033 editemos outro libro para celebrar os seus cen anos de idade, setenta e cinco de crego e cincuenta na montaña lucense.
Que todos nós o vexamos.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES