Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O máis novo dos Portomeñe

martes, 16 de junio de 2009
O mis novo dos Portomee Como eu fun o pregoeiro da feira de produtos agrícolas da Milagrosa, na capital lucense, o pasado 2008, encargáronme de presentar o pregoeiro deste ano, o máis novo da familia dos Portomeñe.

Fíxeno, pero antes quixen ter unha lembranza de José Antonio Redondo, o milagrosista que morreu recentemente deixando un gran baleiro entre as xentes da Milagrosa. Coñecino profesionalmente cando restaurei a miña casa, e logo puiden ver a súa dedicación á Milagrosa, participando en todo, e representándonos sempre e ben. Creo firmemente que sempre é demasiado axiña para deixar este mundo. No caso de José Antonio Redondo, dobremente axiña. Queda para sempre na lembranza das xentes que vivimos neste conxunto urbano tan especial.

Despois da mención sí que lle pasei o testigo ó pregoeiro deste ano. Non é que por ser pregoeiro o pasado ano tivese eu algunha potestade que transmitir ó pregoeiro de 2009. Cada acontecemento ten vida propia; cada pregoeiro ten o seu papel e o seu momento. Agora era o momento de José Vázquez Portomeñe. Pero a presentación deume pretexto para pescudar na traxectoria deste home calado e sinxelo.

Taboadés da colleita de 1948, é lucense do centro da capital, aínda que o seu actual destino ou posto de traballo lle fixo trasladar a súa residencia a un palacete desde onde en tempos se rexía a vida política da capital e aínda hoxe impón respecto baixo o nome de Subdelegación do Goberno en Lugo.

Un ve a Pepe Portomeñe e cre firmemente que é un licenciado en dereito pola Universidade de Compostela, Master en recursos humanos, funcionario con máis de trinta anos de experiencia... e así podiamos liquidar o tema. Pero non seriamos xustos.

Poderiamos engadir que foi Director Provincial do Instituto de Mediación, Secretario Provincial da Consellería de Traballo, Vicexerente da Universidade de Santiago para o Campus de Lugo, Director Xeral de Relacións Laborais, Xerente da Universidade de Santiago e Secretario Xeral da Consellería de Traballo, entre outros cargos. Estas mencións completan os datos biográficos e permiten ir esbozando o perfil dun home nacido para administrar, para gobernar, para demostrar que é moi nobre o servizo público nas Administracións.

Se mencionamos que foi Vicepresidente do Consello Galego de Cooperativas, Secretario da Fundación Rof Codina, Presidente da Fundación Galega de Prevención de Riscos Laborais, Vogal do Consello de Medio Ambiente, da Comisión nacional de Seguridade e Hixiene e da Fundación Estatal de Prevención de Riscos laborais, e membro do Consello Social, Xunta de Goberno e Claustro da Universidade de Compostela, completamos un cadro complexo de actividade persoal e profesional, apenas un retrato robot que indica que é difícil resumir en cinco minutos a complexa vida dun home que traballa.

Pero hai un último detalle que quero destacar neste home que o fai tremendamente diferente e tremendamente válido, digamos que tremendamente especial, porque durante máis de quince anos foi árbitro ou negociador nos litixios máis difíciles, conseguindo harmonizar as posicións máis enfrontadas, en terreos económicos ou sociais, en todo Galicia, conseguindo solucións dialogadas en todo tipo de problemas.

Bueno, pois iso, que o máis novo da saga dos Portomeñe públicos, o negociador galego por excelencia, o conseguidor de solucións negociadas por toda Galicia, é o milagrosista de adopción que foi o pregoeiro da Feira do San Cidre da Milagrosa. Con todo o dereito. E fíxoo como se agardaba del. Tamén nesto demostrou ser moi bo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES