Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Pedrón de Ouro

lunes, 01 de junio de 2009
Amigas e amigos:

Bo día a todas e a todos...
Bo día de maio a mediodía do vintecrato…

No ideal programático da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro
aquí hoxe a encontro de persoas, idease sentimentos,neste acto de entrega dos Premios PEDRÓN DE OURO e PEDRÓN DE HONRA, indo de camiño, como dicía Don Ramón Otero Pedrayo...agardando.. pero... andando, como expresou a mandado exemplarmente Alexandre Bóveda,
nesa vía do sentido común... sen nos acubillar nas capacidades de aguante...
xa que iso nos levaría ao fracaso polo camiño máis curto, quixer comezar cunhas preguntas... que outrora en SEMPRE EN GALIZA... fixo Daniel de Rianxo, Castelao de Galiza, como así lle deu a chamo... o poeta chairego,
das veas do Cepelo, Manuel María... Preguntas que entendo debesen ecoar por onde máis poidan e se atendan por cantos máis... mellor...Pois... amigas e amigos...é o AMOR quen nos leva a preguntar...E – como dixen - fágoo así con estas preguntas de Daniel Castelao... xa que entendo que xa indo a vintecinco anos da chegada das súas cinzas a Bonaval de Compostela, el é quen mellor integra o falo noso deste día... neste acto… para tecer co fío do valemento... a obra... a vida e o pensamento... dos tres premiados este ano por acordo da FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO... Acto que nesta ocasión e aquí nesta casa... (porque se entende que o mandan os sentimentos máis nobres de fidelidade desde a memoria a recordos permanentes...) se debe que nos sintamos presididos por:
DON GUSTAVO SANTIAGO VALENCIA E DON AVELINO ABRUIN DE TEMBRA acompañados tamén, a certifico de Acta, de XOSÉ PORTO MATALOBOS.
E así velaí as preguntas:
- Ten Galiza un idioma propio?
- Ten territorio diferente?
- Ten unha vida económica peculiar?
- Ten hábitos psicolóxicos reflictidos nunha cultura autóctona?

Pois logo a contesto tamén di Castelao... Galiza é unha nacionalidade... e, polo tanto, ningún antifeixista pode negarlle o dereito de autodeterminación, é dicir, o dereito a gobernar a súa vida...”

E así estamos pois nos recoñecementos que nos facilitan alimento da nosa voz, que nos demandan construcción... para que o mundo se dea as mans... desde a emancipación dos pobos libres, e asemade tamén desde aqueles outros que colonizados na ausencia de xustiza global sofren... subordinados... Que son estes uns pobos onde a soidade nomea... e os seus percorridos van polos desastres, pois con mentiras provócanlles silencios.
E siléncianos.
E tamén cando digo recoñecementos que nos facilitan alimento da nosa voz... falo das Linguas propias... e da nosa… esencial de identidade...
a galega, que non outra. E tamén falo da palabra que a enche. A palabra popular non inventada, orixinal, natural...nada arbitraria...do seus purísimos significados, que ela na Lingua...ha ser o último que se perda... mesmo se for o caso…logo das nosas vidas,pois ela debe vencer sempre e permanecer, pasar por riba de calquera intención conspiradora, cómplice da súa destrucción, xa que a palabra en lingua propia , a galega, acóllenos, e danos peito... e colo... no que contar e cantar...no que pensar e proxectar.
Por iso temos que defendela dos irados falabaratos, que se din sufridores de imposicións... tan ofendidos.
E por iso debemos defendernos nós deses irados falabaratos que se proclaman bempensantes, até mesmo a non se sabe con que consideracións dinse... como divinos ou… facedores do verbo válido e suficiente e o que nos queren... é quitar a nosa voz, silenciarnos da palabra erdada, traballada, descalificándonos do coñecemento e dos saberes que se conxugan no noso pobo do galego...nas nosas raíces populares na nosa Lingua Galega, na nosa Cultura Galega.Teiman descalificarnos para facernos uns ninguén,
Pero non... pois a nosa vida de galegas e de Galegos, popular e social, a normal de cada día, na lingua que nos define, non pode ser lexislada ao gusto e a voz de amos… a base de suprimila, controlala, marxinala, segregala, desacreditala, silenciala...
E niso, amigas e amigos, non podemos acollernos a resignacións... pois coa nosa palabra, na palabra nosa, a eses que se arrogan na prepotencia normas, circulares e derogacións, en nome da liberdade que pregoan e que non a fan, poñerémoslles crítica de valemento,argumentos de responsabilidade, loita e movilización, rachando así a tanto rancio, celebrando diversidades, buscando amor e sendo amados, defendendo a identidade, a dignidade, a pensamento noso, integrando e militando resistentes na tarefa de construcción real da cultura na lengua nosa como valor de uso e non de cambio… pois iso é defender os bens comúns do patrimonio irrenunciable do noso pobo. Porque a palabra de cultura e pobo tamén é antídoto, crea escola e talento.

E cando se pretende acurtar, cando se mitiga, se limita, se subxuga. Cando se quere vencer pensando no pesebre de cada día. Cando se quere gobernar para benefícios interesados. Nós debemos revolvérnos, revelarnos. Pois non se pode consentir tanto teimoso que nos quere agreder, o cal, cos seus, na camariña, se for barato... até nos farían desaparecer...
Pero o noso idioma existe e non existe por controlalo... O noso idioma existe por compartilo.
Alguén dixo que:
“Volvemos ás gaiolas... Cando non se sabe que facer coas ás...”
Pois temos que dar a talla e voar coas nosas ás sendo nós coa forza da nosa identidade, na nosa lengua, pois a Historia deste pobo noso, vai de aviso e recordanza, non está clausurada, vive. E mesmo pola rabia do sufrimento que padecemos… a nosa Historia e vida... terán que activarse a feitos e a tempos de maiores cambios para o cambio, acoutando tanto empobrecemento intelectual, tanta castración da creatividade, tanto desecamento da fluidez crítica, pois ben sabemos que aínda quedan por alborexar moitos días novos para exercer os deberes de poñer en activo importantes proxectos de dignidade para o noso pobo... no noso pobo...
E así hoxe neste anaco do importante que queremos con todo máis a modo... demoradamente... e sentíndo o disfrute dos recoñecementos en comuñóns de afectos e confluíndo, disfrutando do que nos une, velaí para comezo vai este poema de Miguel Torga:

A CANCIÓN DO SEMEADOR
Na terra negra da vida,
pousío do desespero,
é onde o poeta semea
poemas de confianza

O poeta é unha crianza
que moito ama...

Pero todo semeador...
semea contra o presente,
semea como vidente
a seara do futuro

Sen saber se o chan é duro...
Se lle recibe a semente...

Pois desta maneira... amigas e amigos... en chegando por un cardinal do mundo, desde Bucarest de Romanía, os do PEDRÓN DE OURO reciben e dan recoñecemento, co PREMIO PEDRÓN DE HONRA, a MARIANA PLOAE-HANGANU, Investigadora Científica, Especialista en Lingüística. Chega desde o seu Instituto de Lingüística da Academia Romanesa.
E significarvos que a informes do profesor e académico galego Francisco Fernández Rei, diremos que Mariana xa cando recén licenciada foi a Lisboa a fin de aprender portugués e de seguida converteuse en profesora desta Lingua na Universidade de Bucarest elaborando material para o ensino, asemade publicando diversos traballos e así a súa tese de doutoramento sobre A REORGANZACIÓN DA ESTRUTURA NO CRIOULO PROTUGUÉS DE ÁFRICA. No tocante á Literatura portuguesa leva adiante traballos de investigación sobre autores como:
David Mourao Ferreira, Vasco Cabral, Eugenio de Andrade, Machado de Assís. Ocupando, e de aí o poema lido antes, un papel sobranceiro de MARIANA como tradutora de MIGUEL TORGA o cal descansa vixía e atento á sombra dunha aciñeira alí no alto no cemiterio de San Martiño das Antas e do cal Mariana publica un libro sobre a poesía da montaña, a poesía lusitana. E así nese saber, nese facer, na aprendizaxe das experiencias, tendo moi en conta que soamente as culturas serán monolíticas cando se ven desde fóra ou desde lonxe, MARIANA, en achego emocional e motivada a exerzo científico, a finais dos anos ostenta, preocúpase polo estudo da nosa Lingua Galega e desde o XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoxía Románica no ano 1989 en Compostela, comeza a publicar traballos en revistas de Romanía sobre a nosa Lingua Galega e así desde esa segue afondando na nosa Lingua, Literatura e Cultura, in situ e non in vitro, a través dos Cursos de verán para estranxeiros organizados polo ILGA, a RAG e a Direccción Xeral de Política Lingüística.
Así animada a cada tempo e progresivamente convértese nunha embaixadora e difusora da nosa Lingua e Literatura Galegas e tamén a través da RADIO CULTURAL en Romanía, tratando distintos temas e en especial a poesía de Lorca escrita en Lingua Galega, así como impartindo conferencias sobre O GALEGO E ROMANÉS-UNIDADE E DIVERSIDADE NO ÁMBITO ROMÁNICO, ou como na traducción ao romanés dos poemas do libro MANUEL CURROS ENRIQUEZ E FEDERICO GARCÍA LORCA CANTAN EN VINTE LINGUA A ROSALÍA DE CATRO (edición a cargo de Don Xesús Alonso Montero).
Logo traduce nos anos 90 poemas de Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro. Escribe nos xornais artigos sobre Santiago de Compostela ou sobre o noso idioma e sobre investigadores del como é o caso do estudo sobre Francisco Fernández Rei do seu discurso de ingreso na RAG.
E é que a partir dos anos 90 Mariana comeza a traducción da prosa de autores como Méndez Ferrín e Castelao, que acompaña de notas bibliográficas de cada autor e da súa relevancia nas letras galegas.
Pero é Castelao quen lle proporciona un interese especial e así escribe o libro “CASTELAO. MEMORIA DUN ESQUELETE. OBRA NARRATIVA. TEATRO” na que vai unha nota ampla de introducción titulada: "CASTELAO, UN HOME, UNHA OBRA, UNHA ÉPOCA”.
Dicir que esta obra presentouse na FEIRA DO LIBRO DE BUCAREST de 2008 e foi moi ben recibida con críticas magníficas.

“Esta obra constitúe, polo de agora, a mellor achega de MARIANA PLOAE-HANGANU nos vinte anos que leva adicados ao estudo e difusión de Galicia, a súa Lingua e a súa Cultura en Romanía. E faino porque si... -dicimos en palabras do profesor académico Francisco Fernández Rei-... faino porque quere, por amor á cultura e á xente deste FinisTerrae románico. Mariana non é responsable de ningún Centro de Estudos Galegos (non hai en Romanía), o que fai moito máis meritorio o seu labor a prol de Galicia...”

Velaí pois que para ela, PARA MARIANA, vai o recoñecemento do PEDRÓN DE OURO co PREMIO PEDRÓN DE HONRA polos seus aportes meritísimos e cualitativos á nosa Lingua e á nosa Cultura, Velaí NELA... EN MARIANA...unha próba fermosa, indiscutibel e irrebatibel... A DA HUMILDADE DO ORGULLO... de cómo aprender do outro, de cómo aprender co outro.

E agora quero lerlles un poema de corazón desposto a toneladas de sentimento de Galicia.

VERSOS PARA UN PAÍS DE MINIFUNDIOS
(de Manuel María...)

Galicia é un pobo e nada máis.
O que no é pobo... non pode
ser Galicia.

O pobo está abaixo, nas raíces...
E é o que sostén a arbre,
os cementos sobor dos que
se ergue o edifício.

Pois desde terras de Mesía e de Brates de Boimorto, eles sendo a nacer do mundo onde se chama TERRA CHA, velaí dous que fan un indivisible. Dous nos que o seu alfabeto amoroso no noso idioma galego comeza pola palabra AMOR e segue pola palabra POBO.
Eles declaran que a Galicia hai que levala dentro. E así a bo campar eles dous avanzan indo de ganchete dela e do brazo esquerdo. Fano a exemplo de liberadora militancia no POBO DO GALEGO, pois como di o poeta de Quián de Agolada e do Morraso, Xosé Vázquez Pintor:
“Con MINI E MERO...habemus sempre a Lingua e as Herdanzas”

Eles dous, Mini e Mero, coas súas compañeiras no sentir familiar común e morno dos ánimos,dos desexos e das obras, con Loreto e Xulia, cos fillos, coa familia e cos da Quenlla, afirman afectos, lealdade e poñen pedra armeira de obra clara, crean substancia a man, contidos e formas, para construír pobo, e restituíndo… e na memoria... fan liberdade... máis que dicíndoa. E activan belezas de pobo na Cultura, na Lingua, na Historia, nas Tradicións e todo irrenunciablemente a fidelidade e coherencia...
“Sementadores de esperanza e futuro”- como lles di Xesús Mato.

Sementadores de esperanza e futuro para axudar a normalizarnos a afirmármonos e determinármonos como país, pobo e patria. E por iso na resistencia cantan (desde hai máis de corenta anos están na primeira liña de combate a prol da musica tradicional de Galicia) e compoñen poesía e investigan e buscan... e remoen memorias e feitos, pois
pensan que o mellor é contalo todo e pisan chan de pobo e apañan e gardan
e conservan e defenden e recollen e acollen... non encollen.
Pois como escribe Darío Xohán Cabana:
“son músicos de combate... cantores de protesta e de afirmación nacional... e duran… e non pasan...”

Eles, como di Alfonso Torrado de Xermolos...
“Sempre buscando a mensaxe posibel... nesta hora da vida”

Amigas e amigos… son boas persoas...
Foron dos primeiros de FUXAN OS VENTOS xunto con Xesús Mato desde o ano 71 cando nas San Lucas (chamándose FOLK 72) e gañaron o primeiro premio coa canción “Fuxan os ventos” da autoría de Mato, que tamén el lle deu nome ao grupo.
E chegaron as gravacións: FUXAN OS VENTOS, SEMENTEIRA, GALICIA CANTA AO NENO, O TEQUELETEQUELE, QUEN A SOUBERA CANTAR...
E así por Galicia e con Galicia....en Fuxan até o ano 82.
No ano 84 comezaron coa QUENLLA e gravan: NAMÓRATE DA VIDA, ALDRAXES CONTRA A XISTRA,OS TEMPOS INDA NON... NON SON CHEGADOS, OS IRMANDIÑOS, UNHA VEZ FOI O TREBÓN (poesía de Manuel María), A CASA QUE NUNCA TIVEMOS (de Marica Campo), MÁIS ALÁ DA NÉBOA, EUROPOLIS 88, TERRA, SILENCIOS NA MEMORIA.
E fixeron músicas para a escola e na escola. Tamén para O MANIFESTO NACIONALISTA e para poesía de FIZ VERGARA VILARIÑO, MANUEL MARÍA, A HISTORIA DA LINGUA GALEGA de Darío Xohan Cabana, OS POETAS NA SÚA VOZ. E en colaboración con outros músicos gravaron CHILL OUT CELTA en Galicia.
Escribiron libros de texto para o ensino infantil e primario e elaboraron materiais e soportes de música tradicional.Tamén publicaron: SOMOS LENDA VIVA, CONTOS DE VELLOS PARA NENOS CANTOS, COPLAS E ROMANCES DE CEGO (coa reprodución de coplas, partituras e comentarios e informacióne execución dos informantes).
MINI escribiu: MEMORIA DUN SILENCIO sobre a represión nas terras de Boimorto e MERO en poesía: NA LONXITUDE DO TEMPO e RECENDOS DE LUZ E SOMBRA
E niso tan inmenso da súa obra proclaman: LIBERDADE E XUSTIZA PARA MEMORIA E FUTURO.
Eles DOUS a mans de traballo e no ideal, máis que o aquel de dicir: “quizabes mañá seremos” afirman a obras e a exemplos e se colectivamente en acordo de horizontes nos poñemos hoxe, afirman sen dúbida o aqueloutro de: “mañá seremos!”.
Como di o poeta chantadino en Barcelona, Xosé Lois García...
“Eles son sementadores dun renacer patrio... foron quen de intervir en moitos toques de atención e en resolver moitas memorias tendentes ao esquecemento...“
Mini e Mero con vontades de optimismos, intuíndo dolorosos tempos que nos agradan, saben que están en perigo moitos movementos nosos que se responsabilizan de dar pulo á cultura na lingua nosa como uso e dinamización de valores propios, populares. E por iso chámannos a camiño.
Os do Pedrón entendéronos merecentes do PEDRÓN DE OURO.
E velaí pois amigas e amigos que hoxe, aquí en Padrón, queremos vivir universalidade, que hoxe presida o NÓS e nel se integren os nosos EUS, que así facemos fogar na mornura dos afectos, nos sentimentos, sen negar a ninguén. Pois dicir NÓS... non é dicir... NON AOS OUTROS!
Hoxe con Mariana, con Mini e Mero, para futuro, sabemos da fraternidade e así na posesión compartida, queremos manifestalo coa Fundación do Pedrón de Ouro a través dos recoñecementos.
Pois en palabras de Miguel Torga...

“Hinos aos deuses non...
Os homes é quen os merecen...”

Non queremos vivir cada momento como se fose o último. Non nos gusta que non nos vexan na casa.Que nos ignoren. Estando dentro.
Por iso...Con Mariana, Con Mini e Mero. Nesta convivencia. Ao chamo da Fundación do Pedrón de Ouro:

“Estamos na nosa casa...
e vésenos
Non queremos ir pola periferia dos soños...”

E por iso no poder da nosa palabra e na Lingua, nas nosas obras, e nos desexos…os corazóns de todos nós... hoxe e para sempre serán de banda ancha.

Moitas Grazas.
David Otero

(En Padrón, Casa de Rosalía, Premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra de 2009).
Otero, David
Otero, David


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES