Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vinte e cinco anos Peneirando

martes, 05 de mayo de 2009
A PENEIRA. Xornal Galego de Información, Edicións A Peneira Condado S.A. (Ponteareas)

Que unha publicación viva durante vinte e cinco anos é moi meritorio, pero se esta publicación é galega e exerce como tal xa resulta un feito realmente extraordinario, pois isto acontece con A PENEIRA, xornal galego de información xeral, como ela mesma se define e que vén camiñando coa rigorosa puntualidade dun reloxo suízo dende hai un cuarto de século.

A PENEIRA mantivo neste longo camiñar unha total fidelidade á lingua galega, é dicir, a Galicia e ás xentes de Galicia, nas súas páxinas couberon pluralidade de ideas e de opinións, foi vieiro e altofalante de persoas que noutros medios, afogados pola dependencia, sobre todo, do poder local, provincial e autonómico, silenciaban falcatruadas, actuación vergoñentas e comportamentos antidemocráticos. Aquí apareceron aqueles casos pintorescos da vaca Pinta de Baiona, os dentes do alcalde de Gondomar, aventuras de Pepe Castro, de Avelino de Nigrán... Todo isto demostra que A PENEIRA non enmudeceu nin agochou a verdade.

A primeira e fundamental calidade que debe manter un medio de información é a verdade, o contrario é o maior desprezo que pode facer aos seus lectores.

Esta reflexión lévame a lembrar o que sucedeu na última campaña electoral de Galicia, instalada na mentira. Feijóo sabía moi ben que nin o asunto do despacho, do Audi, do iate, do maltrato ou da imposición lingüística eran tales, pero utilizou de modo raposeiro e torticeiro estes argumentos, que xa empezan a pasarlle factura. Os medios que tan xenerosamente o apoiaron xa esixen compensación. Jiménez Losantos, Pedrojota, aos que xa Feijoo rendeu submisa obediencia, Galicia Bilingüe e o editorialista “Yo protesto” reclaman que se elimine a lingua galega no ensino, con Fraga facíase sen que se notase moito, agora xa sen disimulo, que se privatice a TVG, os constructores e empresarios dereito de pernada para construír nas praias e despido libre, entre outras prerrogativas. Feijoo xa deu pasos neste sentido, primeiro acolleu no seu goberno a exfalanxistas e sospeitosos de condutas impropias dun conselleiro na súa traxectoria pola empresa privada.

Hai políticos, incluso no PP, honestos, pero non é infrecuente que actúen como se Administración Pública fose unha propiedade privada. En Ourense, Baltar acaba de contratar como periodista a un bacharel, o maior mérito deste suxeito era levar uns meses no paro, fronte a periodistas titulados superiores. Para as eleccións europeas o maior mérito parece que é ser cuñado de Rajoy ou irmán de Ana Mato. Isto non é serio, máis aínda, é a negación da democracia.

Dende hai vinte e cinco anos A PENEIRA vén denunciando, no seu ámbito e dentro das súas posibilidades, trapalladas deste estilo que soporta e sofre a sociedade galega, non denuncia por gusto ou por vinganza partidista, senón como medidas de hixiene democrática.

A PENEIRA engarza co que podemos considerar o primeiro xornal escrito totalmente en galego, “O tío Marcos da Portela”, que aparece en Ourense o día 2 de febreiro de 1876 baixo a dirección de Valentín Lamas Carvajal. O obxectivo desta publicación era: “Facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir co que manda a lei e loitar polo noso adianto”. A liña dominante desta publicación anticaciquil, defensora da terra e irónica que ten gran resumo O Catecismo do Labrego do mesmo Lamas Carvajal.

No primeiro tercio do século XX case todas as vilas de Galicia, na costa e no interior, dende Ribadeo ata a Guarda, tiñan unha ou varias publicacións. En Ponteareas tiveron vida El Tema (1908), La Voz del Tea (1924), Don Quijote (1924). En Tui, El Aloia (1906), anteriormente tiveran vida El Eco del Miño (1879) e a Integridad, ambos de ideoloxía clerical e carlista.

Para Galicia, os tempos, e non bos, parece que son chegados, hai que rearmarse de coraxe e lucidez. Se deica agora toleraron certa galeguización, máis aparente ca real, na actualidade, con total descaro e pretendida impunidade, as forzas dunha dereita reaccionaria, insensible e inculta, pretenden esnaquizar a nosa identidade e o noso patrimonio máis valioso: a nosa cultura e a nosa lingua.

Galicia é nosa, non está á venda e dende logo, “denantes mortos que escravos” nin tampouco derrotados por estes traidores covardes, retroceder, nin un paso, nin tan sequera para tomar impulso.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES