Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feijoo e a manicura dun tigre

martes, 14 de abril de 2009
Dende a Marronda: Feijóo e a manicura dun tigre

Nos próximos días o señor Feijoo será elixido Presidente do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, sinceramente desexásmolle o mellor no desempeño desa nova responsabilidade.

Todas as campañas electorais teñen moito de teatral, de ficción, nunha palabra, de esaxeración, cando non de mentira.

Cóntase daquel “mitineiro” -non é infrecuente identificar “mitineiro” con mentireiro- que prometía unha ponte onde non existía río ou onde xa existía unha en bo estado que prestaba excelentes servicios, advertido da incoherencia das promesas, non se inmutou, e deseguido afirmou que traería un río ou faría outra ponte, así habería unha para ir e outra para vir.

Vén isto a conto das promesas imposibles e das mentiras da campaña electoral, das que tampouco escapou o señor Feijoo. É certo que todos os políticos teñen fama de mentireiros, pero non é menos certo que algúns teñen gran capacidade de disimulación e case non se lles nota. Tamén neste camiño, o señor Feijoo mellorou moito. Sabía que nin o asunto do coche, nin o do iate, nin o da imposición do galego, nin o da illa de Arousa ou o asunto das eólicas era como predicaba, é dicir, mentía, se non o sabía entón, peor, era parvo. Todo isto vaino marcar e perseguir ao longo da lexislatura, será prisioneiro da súa falta de escrúpulos.

O PP ten serios problemas, un deles, e non menor, é a súa mentalidade “madrileñista” identificada co proceder de José María Aznar e de Esperanza Aguirre. Consideran que España é patrimonio de seu, soamente eles conservan a autenticidade e a pureza da esencia da españolidade, todos os demais son uns intrusos desalmados que todo o fan mal. O PP, como partido político con moitos seguidores, acolle militantes e votantes que van dende un centro-dereita, auténticos e sinceros demócratas, ata a extrema dereita (franquistas, falanxistas, absolutistas, fundamentalistas...), integralos a todos resulta tan complicado coma facerlle a manicura a un tigre. Se existise unha extrema dereita, estilo La Pen, quedaría un partido de dereitas, demócrata e homologable con forzas dese signo de todo o mundo, pero, de momento, non é así. Dar satisfacción a un electorado tan heteroxéneo resulta moi complicado e mesmo explicaría o constante negativismo do PP. Este tipo de oposición: NON a todo o que mova, acáelle ben a Rajoy, é dicir, abrir o paraugas e esperar a que escampe e logo xa veremos.
Xeralmente as súas intervencións están cheas de tópicos e palabros tan solemnes como baleiros de contido. Rajoy ten un problema moi grave: non sabe de onde vén nin a onde vai, como galego non é recoñecible e os madrileños castizos tampouco o aceptan, é, en definitiva, un apátrida, na linguaxe hegeliana estaría fóra de si, sería un alienado.
Éncheselle a boca coa palabra España e logo aparece canto máis feliz canto peor van as cousas para os españois. Cando alguén afirma que os adversarios todo o fan mal todos sabemos que está a mentir, nin Franco, que era un malvado, o fixo todo mal.

Volvendo a Núñez Feijoo veremos cál é a súa capacidade de manobra encerellado por ese movemento ultra chamado Galicia Bilingüe, máis ben Bífida, instalada no absurdo e nun constante sofisma e xogando co concepto de liberdade e de lingua materna, identificando esta coa fala da nai. Mostra do perigo e da desvantaxe do castelán no ensino está no seguinte: máis do noventa e cinco por cento do alumnado que entra no colexio como galego falante sae como castelán falante e ningún dos que entran como castelán falante se incorpora ao galego. Isto debería obrigar a unha análise seria e rigorosa e non se deixar impresionar pola campaña espantallo de citada Galicia Bilingüe, perdón, Bífida.

A carencia dun sentido democrático vital resulta moi frecuente en actitudes e conductas do conxunto do PP, nunca recoñece o máis mínimo erro. Fraga di que aos do Bloque hai que penduralos, por ónde, xa o imaxinamos A Aznar non lle importan as normas de tráfico, a Esperanza Aguirre parécelle que canto máis se fume mellor, o Prestigie perdía uns “hilitos”, segundo Rajoy, a trama de Correa e compañía é un invento do xuíz Garzón, Fabra, Baltar e Louzán son modelos, se Álvarez Cascos conduce como lle peta e maltrata aos escoltas, pois nada, para iso están. A dereita española, en xeral, se en algo se distinguiu foi por reaccionaria, opúxose ao matrimonio civil, ao divorcio, en 1909 á universalización do ensino primario, á Lei de Dependencia, á Lei de Educación para a Cidadanía, se Zapatero fai cambios de goberno é un fracasado, esquece Rajoy que el nunha lexislatura pasou inutilmente por tres ministerios, como o raio do sol pasa por un cristal, sen rompelo nin manchalo.

Núñez Feijóo fixo unha campaña raposeira, serviulle todo, agora terá que actuar, soltar lastre, ideólogos como Pedro Arias, Corina, Galicia Bífida, o eterno candidato Manuel Fraga, o xornal que iniciou a campaña cun”Yo protesto”, empresarios partidarios do despido libre e outros serán difíciles de contentar, son fósiles, pero esixirán o seu quiñón, que será sempre antigalego. Se se presta a ese xogo tropezará coa oposición dura de moitos galegos e galegas, que queremos ser fieis á nosa terra e ás nosa raíces. Se Feijoo exerce de galego e se compromete como tal con este país, pode contar connosco con lealdade democrática.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES