Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Profundadas (I)

lunes, 30 de marzo de 2009
“E non puiden aprofundar
máis porque non sabía latín”
(Castelao)


(limiar)

Eu precédome

A verdade é breve



(do común das cousas)

A Filosofía é soamente iso

Ocorren máis cousas movéndoas

As cousas non se entenden, simpatízanse

As ideas, coma os cans, volven a casa

Cada distancia ten a súa verdade

As nosas mans saben cousas que nos non sabemos

Diante o novo, todos somos autodidactas

O que ti ves non son eu; eu estou dentro, pero asomado


O humor é unha reacción fisiolóxica ó absurdo pero a lóxica é o absurdo dos parvos.

O humor é a risa da intelixencia

A xente raramente ri, soamente se ri.

Os tontos, canto máis sabios, peor

A miúdo, a intelixencia e a bondade son indiscernibles

Ó final, tódolos premios son de urbanidade ou boa conduta.


O máis interesante dos reloxos non é a hora

O verdadeiro invento non é a roda senón o eixe

Está mellor feitas as locomotoras que os furgóns.

Os coches están feitos non só para que corran senón para correr

Non é que os primeiros vaian máis apresa, é que van máis apresa os primeiros.

¡Tranquilo!, que non foi un fillo de puta o que che pitou vinte veces senón vinte fillos de puta os que che pitaron unha soa vez.

Se o autobús tarda, acende un pito; se o semáforo pecha, ollea ó periódico. Axiña a adversidade corrixirá á desdita

Absorción de personalidade: Chamábanlle o ”marido da muller do alguacil”

Coñecín a un dentista que tocaba a Serenata de Schubert repenicando cun Faber-Castell nos dentes e a Marcha turca coas unllas. Era moi tímido e sorridente el. Non tiña tempo para outra cousa.

Ó regulamento do fútbol fáltanlle algunhas figuras: aparte do gol debería haber o vicegol (Fdez. Flórez) ou gol de largueiro (dous puntos); o caragol, que consiste en acertarlle ben na cara ó porteiro pra que non sexa tan meticón (medio punto); o shoegol, con lanzamento simultáneo de zapato; o greatgol, coa simultánea introdución de pelota e porteiro (tres puntos) e o reocagol que consistiría xa na introdución de todo, de pelota, zapato e porteiro con derrube de largueiros e pasodobre acharangado (fin de partido) Todo elo con dúas pelotas, unha branca pra portería indíxena e outra a raias pra dos visitantes, ademais de árbitro con retrovisor e Presidente a cadros.


As mellores mantecadas de Astorga soen ser de Astorga

Traballar engorda

Xa nacera desmellorado

Non era alto; empoleirábase nunhas pernas

Os cegos se orientan mellor

Algunhas enfermidades, coma o mongolismo, dan certo aire de familia. Si a recíproca fora certa, todos poderíamos saber que clase de enfermidade somos.

Se a ontoxenia reproduce a filoxenia, soamente de mortos chegamos a ser nós mesmos.

Vivo en galego, creo en xudeu, penso en grego, preiteo en latín, calculo en árabe, canto en alemán, como en español e defeco en inglés. Pero ¿qué coño son eu?

Os éxodos só se paran no que entenden.

¿Coma non recoñecer os boscos que levan as catedrais, os seus rectos fustes, os seus abismos de son, o leve voo de tanto temblor?

Espero que entre o descoñecido non estea o horror, que o Universo será finalmente clemente. Que haberá algún sitio onde acabar.



(da moral e as boas costumes)

A moral é a visceralizazón do comenente

A compaixón tamén se aprende

Case sempre o feo é ademais mentira

Pódese ser calquera cousa pero hai que selo ben

Estar amable é case selo

Non son as ideas dos demais o que hai que respetar senón a eles.

O corpo é máis inocente ca faciana

Prefiro ter amigos a ter razón

Os seus inimigos adorábanno

Non se debe ser moi sinxelo, se nota

As persoas non soen coincidir coas súas opinións

“¿Pero coma vou a ser conde do meu?” -dicíalle don Diego os reises para rexeitar Lorenzana.

Ó final, tódolos premios son de urbanidade ou boa conduta


Ata para sorrir era precavido

A súa cortesía era feroz

Non se parecía de costas nin a el mesmo

Non era totalmente parvo, era un parvo a cadros

Era moi autocrítico cos méritos dos demais

Non gañaba; vencía

Era a súa unha mediocridade xupiterina

Vivía coma se fora a vivir tódala vida

A súa tese era el


O poder lava

A estupidez é a tontería vocacional

A cursilería é o fracaso do nobre

Coma as marelas, os executivos non levantan boca

O záfeo, se outo, groseiro

Dende os rotativos, Lady Di inda nos incita de vez en cando, ruborosa e a escondidas

Algúns, rexeitando un premio, recébenno dúas veces

Máis me asquea a avinza que o agravio

Se dous chámanse fillo de puta, un polo menos debe de estar no certo

Protestamos moito e reclamamos pouco; é máis fácil ter razón que ter a razón

As mulleres diríxense a traizón miradas moi serias

Non se pode morrer moito. O matón é imposible



(sexias)

Exhibía a inútil coquetería do camello

Non hai moitas mulleres; é a mesma repetida

Era unha muller efeminada

A sexualidade é antropófaga


(netiños)

Pauliña acariña longamente ó seu boneco calvo e cabezón. Se ve que, moito antes do sexo, o amor xa protagonizaba a perdurabilidade. El flúe na muller non coma un señuelo ou unha gratificación senón como a sustancia mesma da vida. Neste gran festín, o home recibe apenas un modesto salario.

Pablito: Cantamañás a escala reducida, ós seus dos anos apenas tense de pe. Pero mira xa pros ollos máis que para ningunha outra cousa. Olla dentro, con insistencia, coma se nos vira. Ilumina entón os seus cunha sorrisa arraigada na dita, nese estraño xardín do que procede. / Estranxeiriño el inda de marcado acento, ten a tez dourada e o pelo acaracolado dos anxos ascensionistas./ Coma os cans de caza, ó menor indicio de paseo acude á porta da rúa -só lle falta mover o rabo-./ Consciente das súas cativas maldades, sobresáltase nos in fraganti e vixíanos logo para repetilos –seguramente o único que lle guste deles é que están prohibidos-. / Lévase uns sustos morrocotudos que logo devolve a traizón.


(da fala)

En rigor a lingua se fala, non se escribe. Os ”iles, aquiles, istes, veraos, eiquís, eisís, naciós, pros, pras”, e outras antinormas que se me escapen son outras tantas garantías de que estou falando, non escribindo.

Porque hai que deixar falar un pouco máis á fala

Os sinónimos non existen. E inda hai razóns para sospeitar que as plabras tampouco; que soamente existe o contexto.

Bárbara lingua esa do inglés que non distingue entre “ser” e “estar”.

O berro galego ten acento italiano -debaixo está Roma-

O revés que os viuvos, os pais dos mortos non teñen nome

O máis perigoso do babelismo é chamarlle igual a cousas distintas. Por exemplo, chamarlle “baño” a un “W.C” no Corte Inglés

A indignación é zarabeta

Lía con faltas de ortografía

Breve contribucións lingüística: “artisto, carteiristo, cineasto, comentaristo, curo, dentisto, deportisto, ecoloxisto, xesuito, monxo, naturalisto, novelisto, pederasto, persono, pianisto, poeto, publicisto, violinisto, xuristo” etec.etc. E tamén “idioto”. Mesmo “machisto”, que “machista” é xa imposible. Somos partidarios tamén de mellorar palabras asexuadas tales coma “imbécil” con “imbécilo” e “imbécila” –cada pau que aguante a súa vela-. En canto a “coño”, a súa abusiva impropiedade de xénero fai tempo que témola eiquí resolta.

Hai cousas que non poden seguir así. Por exemplo, Cilistro (por “Celestino”), bacharelato, pegada (por “huella”), remata (por “termina”), segundo (por “según”) etc...

Falaba o castelán esaxerado ese, “raiantito” e pequeno-burgués, dos galegos vergonzantes (entonaba por exemplo tódolos máis exquisitamente complicados pretérito perfectos dos verbos, viñeran a conto ou non) .

Trivial debe de vir de Trivium; é dicir, da gramática, a retórica e a dialéctica. Xa dicía eu.


(da narración)

O narrador, coma a vida, ten que selo todo; ten que perder a vergoña

Máis alá dos designios, a narración, caótica e converxente, é en si un acto divino

Aquel xove inda podía escribir historias conmovedoras e Sinfonías en do maior.



(apenas cine)

Non representaba, mentía

Actuaba coma se estivera noutra película.

“O ladrón de bicicletas”:
Esta película é verdade / O neno parece máis ben un anano: ten a revellez endomingada dos probes / O realismo da película reside na indeterminación; nada sucede aquí suficientemente. Incluso o perdón chégalle a Ricci con desgana, inmisericorde / Nada máis gratuíto por outra parte ca buliciosa irrupción dos seminaristas austríacos baixo do beirado; nada máis dispendioso, aleatorio e necesario / ¡Qué profunda, escura, ruína a dos ciclópeos retretes adozados do novecentos! / Vittorio De Sica é aquí algo máis cun director. Seu pensamento discorre coa mesma imprevisibilidade, coherencia e lonxanía que a vida. Atravesado polo fluír mesmo das cousas, non é un autor, é un proceso.

“O Padriño II”:
Quizais o éxito deste personaxe estea na súa ambigüidade. Os espectadores soen simpatizar con esta criminalidade tenra e desapiadada, esta especie de exudado moral i endócrino da hipocrisía. Non escasean estes tipos latinos, repeiteados e “canallitas”, sedutores e maltrata-mulleres, co seu chamariz de tristeza fatigada, case nostalxia -isa solemne máscara-. Isto é, coido eu, o mellor da película.

Humphrey Bogart: Ó andar non se lle moven os brazos; ten que movelos el mesmo acompasando pasos e braceo, coma se non fora un cuadrúpedo./ Non sabe saír dos sitios: Camiña afanosamente cara as portas e, agarrándoas de repente, franquéaas coma se se lle escapase un salvavidas./ Se non estivera ó outro lado da pantalla, xuraría que lle caigo mal./ Luce un sarcasmo que non ven a conto, inútil, fatigado e a destempo./ Parece calar algo noso que nós non sabemos./ Eiquí, producir aversión ten o seu mérito.

No meu pobo a James Cogney os máis ilustrados chamabanlle “Xa me escoñei” e a Clark Gable, “cargable”; coma se ve, todo con bastante propiedade.

Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES